“Fantasmas de luz”, Premio da Crítica Galicia 2012

Na noite do sábado 17 de novembro, a Fundación Premios da Crítica celebrou a 35ª edición dos seus premios, nun acto cultural celebrado na cidade de Vigo. Na modalidade de Creación Literaria, a novela de AFP Fantasmas de luz obtivo o Premio da Crítica Galicia 2012.

Tal como reflicte a acta do xurado, que outorgou o galardón por unanimidade, as razóns para premiala son «a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor».

Fantasmas de luz, que conta cunhas extraordinarias ilustracións de Miguelanxo Prado, foi publicada por Xerais nunha coidada edición. Traduciuse decontado ao castelán e ao catalán, e recibiu críticas moi favorables. Neste vídeo, Agustín Fernández Paz explica polo miúdo a xénese e as intencións da novela.

A Biblioteca do IES de Ponteareas leva o nome de AFP

O vindeiro día 7 de novembro, Agustín Fernández Paz visitará a Biblioteca do IES de Ponteareas, que leva o seu nome desde o mes de xuño, e manterá unha conversa co alumnado do Club de Lectura arredor de tres dos seus libros: Contos por palabras, O único que queda é o amor e As fronteiras do medo .

O instituto de Ponteareas é o terceiro centro educativo que lle pon o nome de AFP á súa biblioteca. Antes fixérono o IES Auga da Laxe de Gondomar, no ano 2007, un centro co que o escritor mantén unha colaboración permanente, e, no ano 2009,  o CEIP A Maía, de Bertamiráns-Ames.

Do Manifesto para o Día das Bibliotecas, que Fernández Paz escribiu no ano 2008, reprodúcese aquí o parágrafo final:

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.

Agustín Fernández Paz, candidato ao Premio Astrid Lindgren 2013

ALMA, a entidade sueca que organiza anualmente o Astrid Lindgren Memorial Award, fixo pública o pasado día 11 a lista de persoas e organizacións nominadas para a convocatoria do ano 2013. O listado pode consultarse aquí: http://www.alma.se/en/Nominations/Candidates/2013/

A OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) seleccionou, como representantes españois, o escritor Agustín Fernández Paz e os ilustradores Arnal Ballester e Elena Odriozola.

AFP xa foi candidato a este premio nos anos 2008, 2009 e 2010.

Máis información no web de ALMA: www.alma.se/en

Agustín Fernández Paz nomeado Socio de Honra de Gálix 2012

Gálix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, vén de facer público o nomeamento de Agustín Fernández Paz como Socio de Honra 2012.

O acto oficial celebrarase o 18 de outubro en Vigo, nas instalacións do Centro Cultural Novagalicia Banco. Paz Raña Lama, orientadora e compañeira do autor durante moitos anos no ensino público, será a encargada de ler a Laudatio. Ao acto, que é público, está confirmada a asistencia dun numeroso grupo de estudantes vigueses.

As persoas asistentes ao acto recibirán, como agasallo de AFP, unha sinxela edición dun relato inédito titulado «Abrir as portas».

DESCARGAR “ABRIR AS PORTAS” (PDF editado). Tamén se pode ler aquí.

Agustín Fernández Paz recolle o Premio Iberoamericano SM de LIJ

O pasado 29 de novembro, nun acto celebrado na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), Agustín Fernández Paz recibiu o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Durante o acto, Fernández Paz pronunciou un discurso titulado “Leer para cambiar el mundo”. O premio está dotado con 30000 dólares e unha escultura obra de Alfonso Ruano.

O xurado do certame destacou do gañador «o seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega», destacando tamén a súa extensa obra narrativa, que aborda gran diversidade de xéneros e temas.

Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalajara. Os gañadores de anos anteriores foron o escritor Juan Farias, Montserrat del Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach.