O rastro que deixamos

Nos primeiros días de outubro, Edicións Xerais publicará, na súa colección Crónica, O rastro que deixamos, un volume que reúne por vez primeira textos dados a coñecer por Agustín Fernández Paz en diferentes medios ao longo do tempo, así coma outros que permanecían inéditos. Neles, o autor aborda un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos da memoria agrupados en dúas liñas esenciais, a memoria da infancia e o oficio da escrita.

Cada unha das dúas partes péchase cunhas páxinas narrativas; uns relatos que amosan como o autor constrúe os textos de ficción cos vimbios da súa vida, unha vida que traslada logo aos seus personaxes.

Agustín Fernández Paz obtén o Premio “Facer País – Ramón Piñeiro”

O escritor vén de ser recoñecido coa XI edición do Premio “Facer País- Ramón Piñeiro”, organizado pola Asociación Cultural “Val de Láncara”, que cada ano elixe unha persoa ou entidade que desenvolveran un labor relevante para o país.

O xurado valorou en Fernández Paz, ademais da súa recoñecida traxectoria literaria e o seu papel na renovación pedagóxica, o seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”.

O premio foi creado na memoria de Ramón Piñeiro, natural de Láncara. Nas anteriores edicións destacou o labor desenvolvido por Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini e Mero.

Zeralda e o dragón

No vindeiro mes de outubro, a Editorial Galaxia publicará, na súa colección Árbore, o libro Zeralda e o dragón, de Agustín Fernández Paz, con ilustracións de Fran Jaraba.

Este libro é unha versión anovada, reescrita de arriba abaixo, do conto titulado O tesouro do dragón Smaug, publicado en 1992 na colección A Chalupa, da citada editorial. No seu día, fora traducido as diversas linguas de España.

Malos tempos para os fantasmas

Nos últimos días de setembro aparecerá, na colección Merlín de Edicións Xerais, un novo libro de Agustín: a novela Malos tempos para os fantasmas, con ilustracións a toda cor de Patricia Castelao.

Este texto vén sendo unha nova versión, reescrita na súa totalidade, dunha novela que Fernández Paz publicara hai algúns anos en Edicións SM co título de Avenida do Parque, 17.

Cartas de inverno: o cómic.

No mes de outubro, Edicións Xerais publicará un álbum que recolle a versión en banda deseñada de Cartas de Inverno, a coñecida novela de Agustín Fernández Paz. O autor desta ambiciosa versión é Antonio Seijas (ollo, ten web, e páxina dedicada a este cómic), ilustrador e autor de BD, que obtivera o Premio Castelao de banda deseñada no ano tal, co álbum Un home feliz.