Reportaxe no programa “Zigzag” (TVG) sobre os novos libros de Agustín Fernández Paz

O pasado día 2 de xuño, o programa cultural “Zigzag”, que emite a diario a Televisión de Galicia, dedicou unha breve reportaxe  onde se informaba dos tres últimos libros publicados por Agustín Fernández Paz en distintas coleccións de Edicións Xerais: “A viaxe de Gagarin” (na colección Narrativa), “A neve interminable” (na colección Fóra de Xogo”) e “O segredo da Illa Negra” (na colección Sopa de Libros)

Velaquí o vídeo da reportaxe:

.

“A viaxe de Gagarin” obtén o Premio de Narrativa da AELG

O pasado 9 de maio, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou a anual Gala das Letras no Círculo das Artes de Lugo. Durante o acto, conducido pola xornalista e escritora María Solar, déronse a coñecer as obras e as persoas merecentes dos galardóns, que se deciden por votación dos socios e socias da Asociación. A relación completa dos premios pode consultarse aquí.

No blog Brétemas de Manuel Bragado apareceu unha interesante crónica desta Gala das Letras.

A novela A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, foi elixida como o mellor título de narrativa publicado durante o 2014. Este recoñecemento vénse sumar aos dous obtidos anteriormente: o Premio Fervenzas Literarias  e o Premio “Ánxel Casal” da Asociación Galega de Editores (AGE), ambos os dous ao mellor libro de narrativa do ano 2014.

A viaxe de Gagarin está publicada na colección de Narrativa de Edicións Xerais. Na web do autor recóllese unha ampla información sobre o libro, así como as recensións e entrevistas que se publicaron nos medios.

 

Cruzando o Atlántico

Nos últimos meses, cadrou que dúas revistas dixitais feitas en América e orientadas ao estudo e difusión da LIX, Cuatro Gatos (da fundación do mesmo nome, radicada en Miami) e La Página Escrita(da fundación J. Sierra i Fabra, radicada en Medellín e Barcelona), fixeron cadansúa entrevista con Agustín Fernández Paz, ambas coa extensión suficiente para reflectir con bastante detalle as súas ideas e opinións.

Obviamente, tanto unha coma outra realizáronse e publicáronse en castelán. Recóllense aquí as dúas: a de Cuatro Gatos e a de La Página Escrita. Creo que lles poden interesar ás persoas que desexen coñecer o traballo de AFP como escritor.

Agustín Fernández Paz, Premio dos Clubs de Lectura 2015

(Na imaxe, con dúas lectoras e un lector na Feira do Libro de Vigo)

O pasado 23 de abril, Día Mundial do Libro, a Consellería de Educación e Cultura publicou no DOG unha resolución “pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo, no curso precedente, mediante o PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2015.” O premio concedéuselle a Agustín Fernández Paz por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura durante o curso 2013/2014.

A servizo de Asesoría de Bibliotecas Escolares, que é quen orienta e dinamiza os distintos clubs de lectura, publicou unha nota informativa onde, entre outras cousas, dicía isto:

Esta proposta encádrase na iniciativa para o incentivo dos Clubs de lectura en centros públicos que matriculan

alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, mediante convocatoria anual. A proposta de profesorado que coordina estes clubs de lectura quérese recoñecer o labor das autoras e dos autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura. Con esta finalidade establécese o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, se outorgará ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura, mediante a lectura de un ou varios títulos, no curso precedente. O galardón seralle entregado no transcurso da Xornada dos Clubs de Lectura, na que anualmente se reúne o profesorado que coordina estes clubs de lectura dos centros públicos de ensino secundario de Galicia.

O galardón entregaráselle a Agustín Fernández Paz no transcurso da que será a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Santiago de Compostela. Nesta xornada, Fernández Paz recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.

O diario Sermos Galiza recollía así esta noticia.

 

Publícase “A neve interminable”

Neste mes de abril, na colección “Fóra de Xogo” de Edicións Xerais, publícase A neve interminable, a nova novela de Agustín Fernández Paz, unha narración onde o misterio ocupa un lugar central.

A historia transcorre nun hostal da Fonsagrada, durante os meses de inverno. Un equipo de guionistas reclúese alí para escribir os guións dunha futura serie de televisión que se titulará As fronteiras do medo. Ao terceiro día, comeza a nevar. É unha tormenta que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que deixa os guionistas illados do mundo. Mentres traballan nas historias da serie irán descubrindo que naquel hostal ninguén é quen aparenta ser e que un medo irrefreable comeza a filtrarse nas súas vidas.