Coñece a traxectoria vital do autor a través desta liña temporal

  • 1947

     

    Nace o 29 de maio

    Nace en Vilalba (Lugo), no barrio das Fontiñas, terceiro dos fillos de Antonia Paz Cascudo e Antonio Fernández Pillado.


  • 1948-1954

    En Vilalba transcorre a súa infancia

    Nos amargos anos da posguerra realiza os seus primeiros estudos na Escola Graduada da súa vila, onde atopa a don Félix, un mestre tranquilo e bondadoso do que gardará un gran recordo.

    Grazas ao seu pai, carpinteiro e músico na Orquesta Mato, comeza a súa grande afección pola lectura, con Jules Verne, Salgari e os cómics como referentes esenciais.


    1948-1954

  • 1955

     

    Aos 8 anos descobre que existen libros en galego

    Cando o seu pai lle amosa Merlín e familia e Á lus do candil, exemplares que chegan á súa casa a través do señor Crende, o encadernador amigo da familia.

  • 1956

    El Capitán Trueno

    Un recordo inesquecible dos seus 9 anos: o domingo do mes de xuño no que merca, na tenda de Gaioso de Vilalba, o caderno inaugural de El Capitán Trueno, «¡A sangre y fuego!», por 1,25 pesetas.

     

    1956

  • 1961

    Comeza os estudos en Xixón

    Aos 13 anos marcha á Universidade Laboral de Xixón onde comeza estudos de Oficialía Industrial. Bate alí con outro profesor que lle deixará pegada, o padre Gorrochátegui, xa que consolida a súa paixón pola lectura coas súas clases dedicadas a ler en voz alta.

    Falece repentinamente o seu irmán maior, Luís, aos 18 anos, mentres estudaba no Seminario de Mondoñedo.

    «Non preciso explicar a inmensa dor que supuxo para a miña familia. Luís tiña unha enorme sensibilidade artística, que se manifestaba sobre todo a través da música (dominaba varios instrumentos de corda, especialmente a bandurra) e da pintura. A miña irmá e mais eu conservamos os poucos cadros que puido pintar, magníficos, e máis se temos en conta que os pintou aos dezasete anos. Non era menor a súa habilidade manual, manifestada, por exemplo, na talla en madeira. Luís era, sen dúbida ningunha, o artista da familia».


  • 1962

    O seu primeiro artigo

    Publica o seu primeiro artigo en La Torre o xornal quincenal da Universidade Laboral: «El mundo en el año 2000», en resposta a un concurso convocado pola entidade. A esta colaboración seguirán outras nos anos sucesivos.

    1962

  • 1964

    Remata os estudos na Laboral

    Inicia o curso Selectivo dos estudos de Peritaxe Industrial.


  • 1967

    Milicias Universitarias

    No verán deste ano e do seguinte, fai as Milicias Universitarias no campamento de Monte La Reina (Zamora). O seu amigo Lois Mastach empréstalle libros imprescindibles na súa formación, sempre en edicións arxentinas ou mexicanas, pois estaban prohibidos en España (Sartre, Bertrand Russell, Kafka, Malraux…). Entre outros, A peste, de Camus, déixalle unha fonda pegada.

     

    1967

  • 1968

    Perito Industrial

    Obtén o título de Perito Industrial (Sección Mecánica) na Escola de Enxeñaría Técnica Industrial de Xixón.

  • 1969

    Servizo militar

    Realiza as prácticas do servizo militar, como alférez de Cabalaría, no cuartel de Garabolos, en Lugo.

    Algunhas descubertas relevantes: Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel, James Joyce e H.P. Lovecraft.

    Trasládase a Barcelona, onde traballa na empresa de xoiaría mecánica Claudio Vidiella en calidade de Oficial Torneiro de 1ª. Os dous anos que pasa na cidade teñen unha grande importancia na súa formación cultural.

     

    1969

  • 1970

     

    Apaixonado polo cinema

    Algunhas películas deixan nel pegadas indelebles: Jules et Jim de François Truffaut, The Wild Bunch de Sam Peckimpah, Mamma Roma de Pier Paolo Pasolini…

    Amiga en Barcelona con Xesús González Gómez, grazas a quen le Cien años de soledad.


  • 1971

    Comeza os estudos de Maxisterio

    Sofre un accidente laboral mentres traballa cunha máquina e perde a falanxe dun dedo da man esquerda, o cal provoca unha profunda crise que o leva a abandonar voluntariamente o emprego. A raíz do accidente marcha a Vilalba, onde decide comezar os estudos de Maxisterio, escollendo o mesmo camiño profesional ca a súa irmá Tita.

    Instálase na Coruña (onde permanecerá até 1976) e inicia os estudos de Maxisterio na Escola Normal. Coñece a Inmaculada Reino González e amiga con ela tras lle traducir ao galego un poema para ser publicado no xornal da Escola.

    Participa activamente na creación da revista A voz dos homes sen voz.

    Escribe os ensaios «Aspectos educativos da obra de Bertrand Russell» e «Por unha reivindicación do cómic: estudo de dous mitos do tebeo español».


    1971

  • 1972

     

    Morte do seu pai

    No mes de xullo morre o seu pai de cancro.

    Forma parte da directiva do Cineclub da Coruña canda Enrique Alonso e María Xesús Fernández e colabora na redacción da súa revista. Entre outros traballos, encárgase da elaboración dun monográfico sobre Orson Welles.

    Publícase Punto cero, de José Ángel Valente, unha obra que adquire na libraría Ágora da Coruña, que o marca e o converte en seguidor do poeta toda a súa vida.

  • 1973

    Prácticas no Colexio Fogar de Santa Margarida

    Realiza o curso de prácticas no ensino no Colexio Fogar de Santa Margarida, onde coñece a Xabier P. Docampo e a outros profesores, cos que, durante dous cursos, levará a cabo unha orixinal e intensa actividade pedagóxica, inspirada nas ideas de Helen Parkhurst e o seu Plan Dalton.

    1973

  • 1974

    Primeiro da súa promoción

    Remata os estudos de Mestre de Primaria na Escola Normal da Coruña, e obtén praza no Corpo de Maxisterio pola vía do acceso directo (en Galicia nº 1 da súa promoción; nº 12 no Estado español).


  • 1975

    Mestre provisional na Coruña

    Mestre provisional no Colexio Público «Raquel Camacho» da Coruña, durante o curso 1975-1976.

    Descobre a existencia dunha literatura infantil e xuvenil que sería decisiva para que acabase converténdose en escritor: Ursula Wölffel, Gianni Rodari, Roald Dahl, Astrid Lindgren…

    1975

  • 1976

    Voda e traslado a Gernika

    O 3 de xullo casa con Inma na capela do Convento das Capuchinas na Coruña, nunha cerimonia en lingua galega oficiada por Andrés García Vilariño.

    Destinado como profesor definitivo no Colexio Público «Allende Salazar» de Gernika, onde permanecerá os cursos 1976-1977 e 1977-1978. Neste centro prepara en Matemáticas un grupo de profesores para presentarse ás oposicións; entre eles a súa compañeira Inma, que ese ano aproba na especialidade de Matemáticas en Bilbao.

    Canda Inma, participa na creación do Cineclub Gernika.

    Obtén o 3º premio no Concurso de Contos infantís O Facho, unha institución fundamental para o desenvolvemento da LIX galega, polo relato «Ao mellor voltan tamén as anduriñas».


  • 1978

    Praza definitiva no colexio
    Unión Mugardesa

    Canda a súa muller, obtén praza definitiva no colexio Unión Mugardesa, onde desenvolverá unha parte importante da súa actividade na docencia e na organización das Xornadas Municipais de Pedagoxía, ademais doutras actividades culturais. Este será o seu destino ata o curso 1990-1991.


    1978

  • 1979

    Tempos de renovación pedagóxica

    Participa na creación do Colectivo Avantar, un grupo de mestres e mestras da bisbarra de Ferrol no que se integran a súa muller e mais el para traballar a prol da galeguización do ensino e a renovación pedagóxica.

    Intégrase no Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega. Na súa revista, As Roladas-2, publica diversos traballos pedagóxicos.

    No mes de decembro comeza a súa formación en lingua galega cun curso de perfeccionamento organizado polo Instituto de Ciencias da Educación.

  • 1980

    Colectivo Avantar

    Con outros membros de Avantar comeza a elaborar materiais didácticos coa intención de cubrir as novas necesidades do sistema educativo tras a introdución das materias de Lingua e Literatura galegas. Ao primeiro libro, O Noso Galego 6, seguirán moitos outros. Neles aparecen –como textos de lectura, sen asinar– os seus primeiros relatos de creación.

    Acada o 3º premio no Concurso de Contos Infantís O Facho polo relato «O rescate das palabras».

    1980

  • 1982

    Nace a súa filla Mariña

    Nace a súa filla Mariña no sanatorio Modelo da Coruña.

  • 1983

    Cursos de galego por toda Galicia

    Forma parte do equipo que organiza e imparte o primeiro curso de Lingua e Cultura Galegas do Concello de Mugardos.

    Obtén o Certificado de Aptitude no idioma galego da Escola Oficial de Idiomas da Coruña e comeza a impartir cursos de galego por toda Galicia.

    1983

  • 1984

    Mestre de mestres

    No mes de setembro imparte o curso «A lingua como expresión e comunicación» na VI Escola de Verán de Galicia en Vigo.

    No mes de decembro imparte o curso «A lingua: unha práctica creativa (Unha alternativa ás tradicionais clases de lingua)» no Iº Encontro Pedagóxico celebrado na Escola Universitaria do Profesorado da Coruña.


  • 1985

    Un programa de radio e máis actividades pedagóxicas

    Durante o curso 1985-1986 realiza con Inma na emisora municipal Radio Fene o programa A Fervenza, sobre temas de lingua e cultura galegas.

    Imparte en Mallorca, por encarga do Goberno Balear, o curso «Els cómics a la Escola», no marco da Escola d’Estiu.

    Obtén o diploma de Profesor Especialista en Lingua Galega da Xunta de Galicia.

    Participa activamente na creación do movemento pedagóxico Nova Escola Galega.

    Escribe, en colaboración con Bernardo Máiz, o guión do vídeo Xan de Xenaro: memoria de 32 anos, primeiro premio no Concurso de Guións de Vídeos Didácticos, sobre a vida dun guerrilleiro do «maquis» galego.

    1985

  • 1986

    A colección Merlín e a Revista Galega de Educación

    Promove e dirixe, canda Xosé Lastra e Miguel Vázquez Freire, a colección «Merlín» de literatura infantil, creada por Edicións Xerais de Galicia.

    Participa na creación da Revista Galega de Educación, promovida por Nova Escola Galega, e forma parte do seu Consello de Redacción. Nesta publicación tamén aparecerán diferentes traballos seus.

  • 1987

    Filosofía e Ciencias da Educación

    Finaliza na Universidade Nacional de Educación a Distancia a licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación.

    Publica O libro de Merlín. Lecturas para Ciclo Medio (Xerais).

    1987

  • 1988

    Coautor do Marco Curricular para a Reforma Educativa de Galicia

    É seleccionado para formar parte do Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa da Consellería de Educación, no que permanecerá durante os cursos 1988-1989 e 1989-1990. Entre outras actividades, é coautor do Marco Curricular para a Reforma Educativa de Galicia, Lingua Galega. Marco Curricular. Fundamentos Previos, e de Deseños Curriculares Base para as materias de Lingua Galega e Literatura nas etapas de Primaria e Secundaria.

  • 1989

    Publica o seu primeiro libro para o público infantil

    Publica Os libros infantís galegos, 28 libros da literatura infantil e xuvenil galega, Para lermos cómics (Consellería de Cultura e Deportes).

    Publica o seu primeiro libro para o público infantil: A cidade dos desexos.
    Obtén o Premio Merlín coa súa novela As flores radiactivas. Recibe a nova na UVI do hospital de Ferrol, internado por un problema coronario que acabou nun simple susto. A través dos xornais vive tamén a caída do muro de Berlín.

    Nos meses de setembro e outubro asiste ao Curso Monográfico de Especialidade «Animación á lectura» celebrado na Fundación Germán Sánchez Ruipérez en Salamanca, organizado pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, de grande importancia para o seu traballo posterior.

    Forma parte do grupo de Nova Escola Galega que elabora o documento Un modelo de normalización lingüística para o sistema educativo galego.

    1989

  • 1990

    Ler en galego

    Publica Ler en galego. Estratexias e libros para a animación á lectura dende as aulas (Ir Indo) e As flores radioactivas, que terá unha edición renovada en 2013.

    Obtén o Premio Lazarillo co seu libro de relatos Contos por palabras. O galardón recae por primeira vez nun libro non escrito en castelán.

    O libro de texto Canles 5 obtén o Premio Emilia Pardo Bazán para libros de textos non sexistas.

  • 1991

    Contos por palabras, Animación á lectura e Facermos cómics

    Publica Contos por palabras e os traballos ensaísticos Animación á lectura e Facermos cómics.

    Trasládase a vivir a Pontedeume.

    No mes de outubro é invitado a participar no IV Encontro sobre Comunicación organizado pola Asociación da Prensa na Universidade Hispanoamericana de La Rábida.

    No mes de decembro obtén o Mestrado en Coeducación na Universidade de Barcelona, dirixido por Mary Nash. Como traballo final, escribe o ensaio «Estereotipos masculinos y femeninos en la Literatura infantil y juvenil».


    1991

  • 1992

    Contos por palabras, Lista de Honor do IBBY

    Publica Os cómics nas aulas e O tesouro do dragón Smaug.

    Escribe o ensaio «Vinte e dous fragmentos» para o catálogo da exposición da obra de Miguelanxo Prado que ten lugar no Kiosco Alfonso da Coruña.

    Contos por palabras pasa a formar parte da Lista de Honor do IBBY. Con tal motivo viaxa a Berlín, onde, no congreso do IBBY, fala en nome de todos os autores premiados.

    Recibe o Premio Ourense de Banda Deseñada polo conxunto dos seus traballos sobre cómic.


  • 1993

    Trasládase a vivir a Vigo coa súa familia

    Publica Rapazas e Fantasmas no corredor.

    Colabora no volume A lingua galega no PEC e no PCC.

    Obtén praza no Colexio Igrexa-Valadares de Vigo.

    Seleccionado para o posto de Coordinador Docente de Galego, dependente da Dirección Xeral de Política Lingüística, que exercerá durante varios cursos.


    1993

  • 1994

    Premio Edebé Xuvenil

    Obtén o Premio Edebé Xuvenil coa novela Trece anos de Branca, que se publica ese mesmo ano.

    Promove e coordina a campaña En galego vivo Vigo, en galego Vigo vou, dirixida ao profesorado da cidade de Vigo.

    Participa no 24º Congreso do IBBY celebrado en Sevilla, cun relatorio sobre a situación da LIX galega.


  • 1995

    Contra a invisibilidade

    Publica Cartas de inverno, que este mesmo ano obtén o Premio Rañolas , ademais de Amor dos quince anos, Marilyn, obra coa que quixo homenaxear o centenario do nacemento do cinema, tan importante na súa biografía.

    Ingresa no Corpo de Profesores de Ensino Secundario. O seu primeiro destino é o Instituto San Tomé de Freixeiro.

    No Simposio anual da Fundación Germán Sánchez Ruipérez presenta o relatorio «Contra a invisibilidade» para denunciar a invisibilidade social da literatura xuvenil, dedicando atención especial ao contexto sociolingüístico galego.

    1995

  • 1996

    Avenida do Parque, 17

    Publica Avenida do Parque, 17.

    No mes de decembro asiste en Salamanca ao III Simposio sobre literatura infantil e lectura organizado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez.


  • 1997

    O centro do labirinto

    Publica O centro do labirinto.

    Finalista do Premio Protagonista Jove por Cartes d’hivern.


    1997

  • 1998

     

    Premio Raíña Lupa

    Publica O laboratorio do doutor Nogueira.

    Obtén o Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña, na súa primeira convocatoria, con Cos pés no aire.

    Promove e dirixe a campaña «A maxia das palabras», orientada ao alumnado de Infantil e Primaria de Galicia.

    No mes de novembro viaxa a Porto para participar nos IVos Encontros Luso-Galaico-Francófonos do Livro Infantil e Juvenil.


  • 1999

    Profesor no Instituto Os Rosais-2 de Vigo

    Publica Cos pés no aire, As fadas verdes, A nube de cores e o ensaio A literatura infantil e xuvenil en galego.

    Incorpórase como profesor de Lingua Galega e Literatura ao Instituto Os Rosais-2 de Vigo, onde permanecerá ata a súa xubilación.

    Participa na mesa redonda «Situación da LIX galega actual: retos para o novo milenio» no marco do Iº Congreso Internacional da Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) «Tendencias actuales», organizado pola Universidade de Vigo.

    Viaxa a Vitoria-Gasteiz para participar nas xornadas «Literatura e escola» organizadas por Galtzagorri Elkartea.


    1999

  • 2000

    Aire negro e O soño do merlo branco

    Publica Aire negro e O soño do merlo branco.

    No mes de outubro intervén no congreso «Literatura Galega e do Norte de Portugal. O libro e a lectura», organizado en Santiago de Compostela pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.

  • 2001

    Dedícanlle o Día das Letras Chairegas


    Publica Ana e o tren máxico, No corazón do bosque e Un tren cargado de misterios.
    Aire negro, Premio Protagonista Jove e White Ravens da Biblioteca de Múnic.
    Os concellos da Terra Chá dedícanlle o Día das Letras Chairegas.
    Publícase a tradución ao francés de Contos por palabras.

    2001

  • 2002

    Premio Protagonista Jove

    Publica Noite de voraces sombras

    Finalista do Premio Protagonista Jove por Amb els peus enlaire.

    Finalista do Premio Nacional de LIX por No corazón do bosque.

    Aire negro pasa a formar parte da Lista de Honor do IBBY.

    No mes de xuño viaxa a Santander para participar no curso «La literatura infantil y juvenil. Un recurso para el fomento de la lectura», organizado polo Instituto Superior de Formación del Profesorado, co relatorio «La animación lectora».

    No mes de setembro participa en Santiago de Compostela no congreso «Narrativa e promoción da lectura no mundo das novas tecnoloxías».

    No mes de novembro presenta o relatorio «Literatura que tamén poden ler os nenos» no Iº Congreso de Escritores celebrado na Coruña.


  • 2003

    Premio O Barco de Vapor

    Publica O meu nome é Skywalker (polo que recibe o Premio O Barco de Vapor), A praia da esperanza e A serea da Illa Negra.

    Un tren cargado de misterios, Premio Lecturas de GÁLIX.

    2003

  • 2004

    Mellor autor do ano

    Publica Tres pasos polo misterio, Raquel ten medo e Laura e os ratos.

    Premio Irmandade do Libro 2003 da Federación de Libreiros de Galicia como «Mellor autor do ano».

    Avenida do parque, 17 é traducido ao árabe.

    O meu nome é Skywalker publícase en coreano e é distinguido co White Ravens da Biblioteca de Múnic.

    En xullo imparte a conferencia «Contos por palabras: a creación de historias a partir das páxinas dun xornal» no curso «Prensa, escola e infancia» na Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela.

    Participa como vogal da Comisión Sectorial dedicada aos ámbitos da educación, a familia e a mocidade do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega da Xunta de Galicia.

    Pregoeiro da Feira do Libro de Santiago.

  • 2005

    Feira de Boloña

    Publica A noite dos animais, A escola dos piratas (Premio Edebé Infantil), A fuxida do mar e ¡Que medo, mamá Raquel!

    Participa na Feira de Boloña, invitado polo Ministerio de Cultura.

    Realiza na UNED o curso «Educación para la igualdad en razón del género».

    No mes de novembro participa no XIº Simposio «Literatura Infantil y Lectura en torno al Quijote. Lectura, escuela e infancia», organizado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Intervén co relatorio «A voz actual dos clásicos».

    2005

  • 2006

    Falece a súa nai

    Publica Corredores de sombra, Un radiante silencio, Querido inimigo e Os gardiáns do bosque.

    No mes de abril viaxa a Copenhague.

    En maio falece a súa nai.

    Pregoeiro da Feira do Libro de Viveiro.

    En setembro viaxa a Salvador de Baía para participar cun relatorio na mesa redonda «Cultura galega e proxección exterior».

    Premio Lecturas GALIX por Raquel ten medo.

    No mes de xullo imparte a conferencia «Como quien bebe agua. La narración y la escritura» e o taller «Leer y escribir: dos herramientas para transformar el mundo» no marco do curso «Aprender a narrar: prácticas de la expresión», organizado en Madrid polo Instituto Superior de Formación do Profesorado.


  • 2007

    Despedida docente

    Publica O único que queda é o amor.

    Inaugúrase a Biblioteca «Agustín Fernández Paz» no IES Auga da Laxe de Gondomar.

    Premio Frei Martiño Sarmiento por Corredores de sombra.

    Premio Xosé Neira Vilas da Asociación de Escritores en Lingua Galega por O único que queda é o amor.

    Placa de Prata Barco de Vapor por Las hadas verdes.

    O 15 de febreiro imparte en Xixón a conferencia «As paisaxes da memoria».

    No mes de xuño acorda xubilarse do seu labor docente. Acode ao acto de despedida da promoción de Bacharelato do Instituto Os Rosais-2 de Vigo, onde pronuncia o discurso «Cambiar o mundo e cambiar a vida».

    No mes de outubro participa cun relatorio no II Congreso de Literatura Infantil y Juvenil organizado polo Grupo Editorial Luis Vives en Baeza (Xaén).


    2007

  • 2008

    Premios, recoñecementos e homenaxes

    Publica A pastelería de dona Remedios e UPA!

    Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O único que queda é o amor.

    Candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award 2008.

    A Asociación Galega de Editores recoñéceo como «Mellor autor do ano».

    A Asociación de Escritores en Lingua Galega premia O único que queda é o amor como «Mellor libro de LIX do ano 2007».

    No mes de febreiro viaxa á Habana para participar na Feira Internacional do Libro.

    No mes de outubro é o escritor elixido pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil para escribir o manifesto do Día da Biblioteca. O texto, «Onde hai unha biblioteca hai unha luz», difúndese cunha ilustración de Xosé Cobas.

    O 15 de decembro é obxecto dunha homenaxe por parte da Fundación Manuel María na que se lle dedicou o terceiro hectómetro literario do Paseo dos Soños, nas proximidades do Muíño do Rañego, en Vilalba.

  • 2009

    Máis recoñecementos

    Publica Lúa do Senegal, Valados e A Dama da Luz.

    Inaugúrase a Biblioteca «Agustín Fernández Paz» do CEIP A Maía de Bertamiráns-Ames.

    A Asociación de Escritores en Lingua Galega concédelle a «Letra E», galardón co que se recoñece anualmente a traxectoria dun autor. A entrega ten lugar no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, onde pronuncia o discurso «Vilalba, o meu centro do mundo».

    Mantedor dos XXVIos Premios Xerais. Pronuncia o discurso «Oito doas para San Simón».

    Segunda candidadura da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award 2009.

    Premio Frei Martiño Sarmiento por O único que queda é o amor.

    Participa na creación de ProLingua, plataforma cidadá en defensa da lingua galega.

    2009

  • 2010

    Rexeita o Premio da Cultura Galega das Letras

    Publica O Raio Veloz.

    Nomeado «Lucense do Ano» pola Asociación da Prensa de Lugo.

    A Xunta de Galicia concédelle o Premio da Cultura Galega das Letras, que rexeita en protesta polas agresións contra a lingua e a cultura galegas do goberno galego do Partido Popular.

    Terceira candidatura pola OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award.

    Lúa do Senegal «Mellor libro de LIX do ano» da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

    Homenaxe do Salón do Libro de Pontevedra e exposición sobre a súa obra.

    Mención de Honor do Premio Iberoamericano SM.

    Contos por palabras seleccionado como un dos libros esenciais da LIX española do século XX por un panel de expertos, durante o primeiro Congreso Lingua y Literatura para niños y jóvenes, celebrado en Santiago de Chile.

    A escola dos piratas publícase en coreano.

    O único que queda é o amor pasa a formar parte da Lista de Honor do IBBY.

  • 2011

    Leer para cambiar el mundo


    Publica Fantasmas de luz, Non hai noite tan longa e Corazón de pedra.Candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award 2011.

    Seleccionado pola OEPLI como candidato español ao Premio Andersen 2012.

    O único que queda é o amor publícase en coreano.

    A compañía ARTESTUDIO estrea a versión teatral de Valados.

    É galardoado co VIIº Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, en recoñecemento á súa traxectoria literaria. Viaxa a México para recoller o premio na Feira Internacional do Libro de Guadalajara. Le o discurso “Leer para cambiar el mundo”.

    O 4 de xuño recibe unha homenaxe da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística en Santiago de Compostela polo seu labor precursor na normalización da lingua galega.

    2011

  • 2012

    Símbolo de compromiso co idioma galego

    Publica Malos tempos para os fantasmas (nova versión, reescrita na súa totalidade, de Avenida do Parque, 17), Zeralda e o dragón (versión anovada de O tesouro do dragón Smaug), As fronteiras do medo e o ensaio O rastro que deixamos.

    Non hai noite tan longa recibe o Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria , que se suma a outros que o recoñecen como o mellor libro de 2011: o Ánxel Casal, o Irmandade do Libro, Fervenzas Literarias e Redelibros.

    O 23 de abril recibe unha homenaxe no Fogar de Santa Margarita da Coruña.

    O 17 de maio le en Santiago de Compostela o manifesto da plataforma cidadá Queremos Galego.

    O 30 de xuño é obxecto dunha homenaxe nacional organizada pola plataforma cidadá Prolingua en recoñecemento á súa traxectoria profesional como pedagogo e prolífico escritor, e á súa traxectoria vital, símbolo de compromiso co idioma galego.

    Premio Ramón Piñeiro Facer País da Asociación Cultural Val de Láncara.

    En setembro, Ramón Llorens, profesor da Universitat d’Alacant, presentou o seu portal web na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, no marco do IXº Curso de Formación Continua da Universidade de Santiago.

    Socio de Honra 2012 de GÁLIX. A laudatio corre a cargo de Paz Raña Lama, orientadora e compañeira do autor durante moitos anos no ensino público. As persoas asistentes reciben como agasallo do autor unha edición do relato «Abrir as portas».

    O 7 de novembro inaugúrase a Biblioteca «Agustín Fernández Paz» no IES de Ponteareas.

    Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Premio da Crítica Galicia no apartado de Creación Literaria por Fantasmas de luz.


  • 2013

    Doutor Honoris Causa

    Publica Desde unha estrela distante.

    O 28 de xaneiro é investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

    O rastro que deixamos Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores e mellor libro de ensaio para a web Fervenzas Literarias, que tamén o recoñece como mellor autor do ano.

    No mes de marzo pronuncia en Santiago de Compostela a conferencia de clausura «A construción do lector / Agora entramos nós» nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2012-2013, organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

    Socio de Honra do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega co gallo da celebración do seu trinta aniversario, como distinción á súa traxectoria profesional e á súa loita a prol dun ensino galego, público, democrático e laico.

    En novembro, participa en Madrid nas xornadas «Álbumes ilustrados. Educar la mirada» organizadas pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez na Casa do Lector; pronuncia a conferencia «Lectura, la revolución silenciosa».

    Candidato da OEPLI por cuarta vez ao Astrid Lindgren Memorial Award 2013.


    2013

  • 2014

    Recoñecemento á súa traxectoria literaria

    Publica A viaxe de Gagarin.

    O 29 de xuño recibe o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en recoñecemento á súa traxectoria literaria, o seu compromiso coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica. A laudatio corre a cargo do escritor Francisco Castro. No acto preséntase o libro Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza.

    Candidato da OEPLI por quinta vez ao Astrid Lindgren Memorial Award 2014.

    Seleccionado pola OEPLI como candidato español ao Premio Andersen 2015.

    A revista Peonza dedícalle un número monográfico.

  • 2015

    Máis recoñecementos

    Publica A neve interminable, Amizades secretas e O segredo da Illa Negra.

    A viaxe de Gagarin é galardoado co Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores; o Premio Fervenzas Literarias; o Premio da AELG e o Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria, ao mellor libro de narrativa do ano 2014.

    Autor do ano 2014 para a web Fervenzas Literarias.

    Premio dos Clubs de Lectura 2015 concedido pola Consellería de Educación e Cultura por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura durante o curso 2013/2014.

    2015

  • 2016

    Falecemento

    Morre o 12 de xullo no seu domicilio familiar en Vigo, collido das mans da súa filla Mariña e a súa dona Inma, tras unha longa enfermidade contra a que loitou con enteireza e optimismo, permanecendo totalmente activo intelectualmente durante sete anos cun cancro metastático. Ao día seguinte foi despedido nun multitudinario acto cívico. O seu corpo foi incinerado e os seus restos trasladados a Vilalba.

    No mes de novembro publicáronse as súas últimas obras: A casa do medo, que se presentou no Colexio Fogar de Santa Margarida, onde tivo lugar tamén un acto de recordo ao autor; e O soño do Merlo Branco (Edicións Xerais de Galicia).


  • 2017

    O rastro que deixamos

    O 17 de febreiro tivo lugar no Auditorio de Caranza de Ferrol un acto de homenaxe baixo o título O rastro que deixamos para render tributo á súa memoria.

    O IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia crean na súa memoria  o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil.

    2017