Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo

O pasado 28 de xaneiro, festividade de San Tomé de Aquino, celebrouse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a sesión de investidura de Agustín Fernández Paz como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. No acto académico, actuou como padriño o Vicerreitor de Extensión Universitaria, o profesor Xosé Henrique Costas González.

No mesmo acto, foi tamén investido Doutor Honoris Causa o profesor Julio Casado Linarejos, catedrático emérito de Química Física da Universidade de Salamanca.

A noticia do acto apareceu recollida en diversos xornais: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, El Correo Gallego… e en blogs coma o de Brétemas.

Sobre o solemne acto académico, o Diario da Universidade de Vigo realizou unha reportaxe moi completa. A parte dedicada ao conxunto do acto foi obra de M. del Río e pode lerse aquí. A dedicada á investidura de Fernández Pazque foi obra de Noemí Rey, e inclúe ademais unha selección de fotografías. Polo seu interese, reproducímola enteira aquí:

Agustín Fernández Paz, seis lembranzas e unha narración no camiño ata o Honoris Causa

Por todos os seus “méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”. Por todos e cada un de estes motivos o escritor Agustín Fernández Paz foi nomeado hoxe Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, “un recoñecemento co que me honra e que tanta emoción me fai sentir que non garda relación cos meus posibles méritos, malia as palabras de loanza” coas que o seu padriño, o profesor e vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, pedía que entrara no Claustro universitario. “Que isto me estea a suceder na Universidade de Vigo, a cidade da que son veciño desde hai máis de 20 anos, éncheme o peito de alegría”, asegurou emocionado.

A través dun relato vertebrado en ‘Seis lembranzas e unha narración’, o xa Honoris Causa fixo un percorrido vital no que quedou patente que toda a súa andaina persoal e profesional xirou arredor da defensa dunha lingua que tivo na súa xeración aos encargados “de espallar e prestixiar socialmente” un idioma que ata entonces vivía “nunha diglosia granítica que se instalara na sociedade coma se pertencese á orde natural das cousas”. “O párroco, os mestres, os artistas do cine ou o médico falaban en castelán, o mesmo idioma que liamos nos xornais e escoitabamos pola radio. A lingua dos usos formais, porque logo a vida de verdade se desenvolvía na fala de noso”, lembrou o escritor ao tempo que advertía dos moitos chanzos que aínda quedan por subir.

Un edificio a medio construír

A situación social do galego nas últimas décadas tráelle á memoria a Fernández Paz Penélope, un poema de Díaz Castro que recolle entre os seus versos “Un paso adiante e outro atrás, Galiza e a tea dos teus soños non se move”. Atrás quedan o traballo cotiá en aulas e ámbitos sociais, moita enerxía para “erguer o sinxelo edificio que nos permitía soñar cun futuro mellor” e a ilusión que traía baixo o brazo o Plan Xeral de Normalización da Lingua coa que “criamos posible engadirlle unha placa máis ao edificio no próximo futuro”. Anos despois, segundo Fo escritor lingua e educación sofren recorte tras recorte mentres a sociedade asiste desacougada “ao minucioso proceso de demolición do edificio”. “Coa escusa da crise ou sen ela, os retrocesos legais sucédense con medida puntualidade. O obxectivo final semella ben claro: podar as pólas máis vigorosas do bonsai, coutar a presenza social da lingua ata confinala nun lugar subordinado”, asegura con mágoa.

A pesares de ser perito mecánico, Fernández Paz tardou pouco en darse conta de que a súa verdadeira vocación estaba entre libros, ensinando ou escribíndoos. Dende entonces pasaron 25 anos, ducias de libros colectivos, 55 de narrativa en galego e máis de medio millón de exemplares cos que sementar bibliotecas de Galicia e do mundo. “Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. E ser consciente de que aramos sobre os mortos desta terra, de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon”, describe o escritor, para quen o trazo máis significativo da lingua galega é “a súa vocación de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas, a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces”. Moitos anos de “labor teimudo e solitario de construír mundos, obsesionarse cunha historia, deixarse posuír por ela”, sempre apoiado pola súa dona, Inmaculada, e a súa filla, Marina, “os esteos que me sosteñen”.

Dignificar escola, lingua e terra

Agustín Fernández Paz é unha persoa “que afortunadamente para as letras galegas e universais se debruzou nas profesións de mestre por vocación e narrador por necesidade”, como o definiu Xosé Henrique Costas. Fillo dun lector apaixonado e famento de libros ao vivir nunha época na que “a censura era brutal e a liberdade de expresión unha utopía”, o lucense “traballou sempre por dignificar unha escola para un tempo, nunha lingua e para unha terra”, participando activamente en movementos de renovación pedagóxica e promoción da lectura. “A súa obra narrativa é vizosa, é galega, é excelente, é recoñecida e é universal”, subliñou Costas, que describiu ao escritor como unha das voces máis poderosas da literatura infantil e xuvenil galega, merecedor de numerosos recoñecementos colectivos e tan coherente coas súas ideas como para rexeitar en 2010 o Premio da Cultura Galega porque “Rosalía nunca aceptaría un premio hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar”.

O texto completo da intervención de Agustín Fernández Paz pode lerse aquí.