“A viaxe de Gagarin” obtén o Premio Ánxel Casal 2014

O pasado 13 de marzo, a Asociación Galega de Editores (AGE) celebrou a Noite da Edición 2015 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Durante o acto, entregáronse os premios aos mellores libros do pasado 2014. Velaquí unha crónica do acto, no blog Brétemas de Manuel Bragado.

O premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción foi para A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, publicado por Edicións Xerais. A relación completa de premiados pode consultarse aquí.

Esta é a segunda vez que  A viaxe de Gagarin resulta premiada. Anteriormente, tamén obtivo o premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ficción do ano 2014.

Sobre a novela A viaxe de Gagarin, hai información abondosa no apartado “Recensións”, incluído na páxina web dedicada ao libro. Como complemento, quen o desexe pode ler as diversas entradas no Blog Gagarin que o autor elaborou coa ampla documentación utilizada para escribir a novela.

 

Fervenzas Literarias: dobre premio para Agustín Fernández Paz

Na selección dos mellores de 2014, AFP foi elixido Autor do ano e A viaxe de Gagarin, como mellor libro de Narrativa de adultos.

Como vén sucedendo desde hai oito anos, a web Fervenzas Literarias fixo públicos, no pasado mes de xaneiro, os seus premios anuais nas diversas categorías, elixidos por votación dos lectores e lectoras da web.

Nestes premios, Agustín Fernández Paz foi recoñecido como “Autor do ano”. A súa última novela, A viaxe de Gagarin, resultou elixida como o mellor libro de “Narrativa de adultos”.
Con motivo desde dobre premio a AFP, o Faro da Cultura, suplemento literario do xornal Faro de Vigo, publicou unha extensa entrevista co autor, que se pode ler ou descargar aquí.
Sobre a novela A viaxe de Gagarin, hai información abondosa no apartado “Recensións”, incluído na páxina desta web dedicada ao libro. Como complemento, quen o desexe pode ler as sucesivas entradas do blog que o autor elaborou coa ampla documentación utilizada para escribir a novela.

Premio Trasalba 2014

(Na foto, vista do Pazo de Trasalba desde a porta de entrada)

A Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño.

Esta é a XXXII edición do Premio Trasalba. A nómina de persoas que o recibiron en anos anteriores inclúe a escritores como Méndez Ferrín e Xosé Neira Vilas, a pedagogas como Antía Cal Vázquez, a xeógrafos e historiadores como Augusto Pérez Alberti ou Xosé Manuel Barreiro Fernández, a artistas como Milladoiro ou Cristina Pato…

O acto literario celebrarase no auditorio da Casa Museo. Lerá a laudatio o escritor Francisco Castro e presentarase o libro Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza.

Publícase a 31ª edición de Cartas de inverno

A novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, chega á súa trixésima edición na colección “Fóra de Xogo” de Xerais. Para salientar este feito, a editorial promoveu un booktrailer do libro, realizado por David Rodríguez. As imaxes empregadas no vídeo, e tamén as desta noticia, pertencen á novela gráfica que Antonio Seijas creou a partir da novela de Fernández Paz.

Publicada orixinariamente en 1995, Cartas de inverno tivo, desde o primeiro momento, unha magnífica acollida por parte dos lectores e lectoras. Esta boa recepción trasladouse tamén a outras linguas. A tradución ao catalán (Cartes d’hivern. Edicions Bromera) vai pola 22ª edición, sendo un dos libros máis vendidos da editorial. A edición en castelán (Cartas de invierno. Ediciones SM) inaugurou unha nova colección, “El Naveg@nte”, e reeditouse despois en “Gran Angular”, tamén con repetidas edicións.

Ademais, a novela está traducida ao eusquera (Neguko gutunak. Elkar), ao portugués (Cartas de inverno. Contemporánea Editora) e ao bretón (Tasmant en ti. Sav-Heol).

Tamén tivo unha boa recepción por parte da crítica. En 1996 concedéuselle o Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil do ano. E a edición catalá quedou finalista do Premi Protagonista Jove, que se outorga por votación dos lectores. Finalmente, a revista CLIJ. Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil seleccionouno no ano 2000 como un dos cen mellores libros publicados en España no século XX.

Desde a vixésima edición, a novela inclúe un epílogo, “Doce anos despois”, onde Fernández Paz conta como a escribiu e desvela algunhas das claves da historia.

Adenda: En xaneiro de 2014 publicouse a 31ª edición de Cartas de inverno e a 23ª de Cartes d’hivern.

Booktrailer do libro «Cartas de inverno» de Agustín Fernández Paz, realizado por David Rodríguez.

Candidato ao premio Astrid Lindgren

Agustín Fernández Paz, proposto como candidato ao Astrid Lindgren Memorial Award 2014

O pasado 10 de outubro, no marco da Feira do Libro de Frankfurt, fíxose pública a relación de candidatos ao Astrid Lindgren Memorial Award 2014, o premio que o goberno de Suecia creou no ano 2003, como homenaxe a Astrid Lindgren a a súa obra de dimensión universal.

Nesa relación de candidatos ao ALMA, Agustín Fernández Paz figura como o autor proposto por España. Canda el, os ilustradores Arnal Ballester e Elena Odriozola, así como as institucións Municipi Lector e Centro Internacional del Libro Infantil y Juvenil.

Fernández Paz xa foi proposto para este relevante galardón nas edicións dos anos 2008, 2009, 2011 e 2013. Desta xeira, compite con 238 candidaturas procedentes de 64 países.

A relación completa de candidatos pode consultarse aquí: http://www.alma.se/Documents/2013/Kandidater%202014/nomi_2014_web.pdf