Publícase a 31ª edición de Cartas de inverno

A novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, chega á súa trixésima edición na colección “Fóra de Xogo” de Xerais. Para salientar este feito, a editorial promoveu un booktrailer do libro, realizado por David Rodríguez. As imaxes empregadas no vídeo, e tamén as desta noticia, pertencen á novela gráfica que Antonio Seijas creou a partir da novela de Fernández Paz.

Publicada orixinariamente en 1995, Cartas de inverno tivo, desde o primeiro momento, unha magnífica acollida por parte dos lectores e lectoras. Esta boa recepción trasladouse tamén a outras linguas. A tradución ao catalán (Cartes d’hivern. Edicions Bromera) vai pola 22ª edición, sendo un dos libros máis vendidos da editorial. A edición en castelán (Cartas de invierno. Ediciones SM) inaugurou unha nova colección, “El Naveg@nte”, e reeditouse despois en “Gran Angular”, tamén con repetidas edicións.

Ademais, a novela está traducida ao eusquera (Neguko gutunak. Elkar), ao portugués (Cartas de inverno. Contemporánea Editora) e ao bretón (Tasmant en ti. Sav-Heol).

Tamén tivo unha boa recepción por parte da crítica. En 1996 concedéuselle o Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil do ano. E a edición catalá quedou finalista do Premi Protagonista Jove, que se outorga por votación dos lectores. Finalmente, a revista CLIJ. Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil seleccionouno no ano 2000 como un dos cen mellores libros publicados en España no século XX.

Desde a vixésima edición, a novela inclúe un epílogo, “Doce anos despois”, onde Fernández Paz conta como a escribiu e desvela algunhas das claves da historia.

Adenda: En xaneiro de 2014 publicouse a 31ª edición de Cartas de inverno e a 23ª de Cartes d’hivern.

Booktrailer do libro «Cartas de inverno» de Agustín Fernández Paz, realizado por David Rodríguez.