Tempo de traducións

Nos últimos meses, publicáronse varias traducións de libros de Agustín Fernández Paz

«O maior agasallo que pode recibir un escritor é que os seus libros encontren novos lectores.» Esta é unha frase que Agustín Fernández Paz ten reiterado en bastantes ocasións, un sinal da importancia que lle outorga ao feito de que outras persoas se acheguen aos seus libros.

A tradución é unha vía idónea para chegar a lectores doutras culturas. Malia as dificultades do libro galego para abrir camiños polo mundo adiante, o azar quixo que nestes últimos meses varios libros de AFP se traducisen a outras linguas.

Tras a edición coreana d’O único que queda é o amor, publicouse en castelán unha versión actualizada d’As flores radiactivas; e tamén o texto renovado de Aire negro tivo unha nova edición en Arxentina.

Aire negro apareceu así mesmo en búlgaro e, en edición anovada, en catalán.

Tamén se editaron en catalán as novelas Non hai noite tan longa (No hi ha nit tan llarga) e Desde unha estrela distante (Des d’una estrella distant).

Upa!, o breve conto ilustrado por Noemí Villamuza, vén de aparecer en chinés. E Valados acaba de ser traducido ao italiano (Il cielo non ha muri), nunha edición moi coidada. A última en chegar foi a tradución ao bretón de Cartas de inverno (Tasmant en ti)

Para os vindeiros meses, están anunciadas a tradución chinesa de Un tren cargado de misterios, a catalá de Contos por palabras e as traducións ao inglés de Aire negro e O único que queda é o amor.