Premio Trasalba 2014
(Na foto, vista do Pazo de Trasalba desde a porta de entrada)
A Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño.
Esta é a XXXII edición do Premio Trasalba. A nómina de persoas que o recibiron en anos anteriores inclúe a escritores como Méndez Ferrín e Xosé Neira Vilas, a pedagogas como Antía Cal Vázquez, a xeógrafos e historiadores como Augusto Pérez Alberti ou Xosé Manuel Barreiro Fernández, a artistas como Milladoiro ou Cristina Pato…
O acto literario celebrarase no auditorio da Casa Museo. Lerá a laudatio o escritor Francisco Castro e presentarase o libro Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza.