Contos mínimos (1)

VOLVEMOS ESTAR AQUÍ

A última anotación deste blog foi o pasado 12 de abril. Máis de tres meses sen escribir unhas liñas novas! As persoas que seguen esta actividade miña xa saben que, en realidade, non houbo tal paro. Tan só ocorreu que lle debía atender ao Blog Gagarin, que corría máis présa, (xa  está rematado, e non era sen tempo) e as trinta entradas que ten déronme máis traballo do que pensaba.

Neste mes de agosto, parece unha norma xeneralizada que se relaxen as actividades deste tipo. Non sempre, ben o sei: hai quen aproveita o tempo para poñer abondosas entradas e hai quen pecha por vacacións. Eu vou quedar nunha posición intermedia: en agosto, irei publicando aquí unha serie de contos mínimos que dormen no meu disco duro desde hai case unha década (eran parte dun proxecto que se chamaba “99 + 1″, que non sei se rematarei algún día).  Velaquí o primeiro:

SOBRE A ORIXE DAS GALAXIAS

Os cosmólogos sosteñen que primeiro foi o Big Bang, e que despois o universo comezou a expandirse a velocidades vertixinosas. Ao tempo, aparecían as primeiras partículas elementais que non tardarían en iniciar as múltiples combinacións que darían lugar á materia que coñecemos. E afirman tamén que as galaxias que se afastan unhas doutras a través dun espazo cósmico sorprendentemente plano, non son máis que os grumos procedentes da gran explosión primixenia.

Niso pensaba eu mentres o leite saía a burbullóns fóra do cazo e se dividía logo en enormes pingas redondeadas que esvaraban veloces pola superficie da cociña de ferro. Pero miña nai entrou berrando: «Que se che vai o leite, pasmón!», e deume unha labazada por non quitar a tempo o cazo do lume. Sempre, meditei con tristeza, atopou atrancos insalvables a investigación científica neste país.