Agustín Fernández Paz obtén o Premio “Facer País – Ramón Piñeiro”

O escritor vén de ser recoñecido coa XI edición do Premio “Facer País- Ramón Piñeiro”, organizado pola Asociación Cultural “Val de Láncara”, que cada ano elixe unha persoa ou entidade que desenvolveran un labor relevante para o país.

O xurado valorou en Fernández Paz, ademais da súa recoñecida traxectoria literaria e o seu papel na renovación pedagóxica, o seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”.

O premio foi creado na memoria de Ramón Piñeiro, natural de Láncara. Nas anteriores edicións destacou o labor desenvolvido por Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini e Mero.

Zeralda e o dragón

No vindeiro mes de outubro, a Editorial Galaxia publicará, na súa colección Árbore, o libro Zeralda e o dragón, de Agustín Fernández Paz, con ilustracións de Fran Jaraba.

Este libro é unha versión anovada, reescrita de arriba abaixo, do conto titulado O tesouro do dragón Smaug, publicado en 1992 na colección A Chalupa, da citada editorial. No seu día, fora traducido as diversas linguas de España.

Malos tempos para os fantasmas

Nos últimos días de setembro aparecerá, na colección Merlín de Edicións Xerais, un novo libro de Agustín: a novela Malos tempos para os fantasmas, con ilustracións a toda cor de Patricia Castelao.

Este texto vén sendo unha nova versión, reescrita na súa totalidade, dunha novela que Fernández Paz publicara hai algúns anos en Edicións SM co título de Avenida do Parque, 17.

Cartas de inverno: o cómic.

No mes de outubro, Edicións Xerais publicará un álbum que recolle a versión en banda deseñada de Cartas de Inverno, a coñecida novela de Agustín Fernández Paz. O autor desta ambiciosa versión é Antonio Seijas (ollo, ten web, e páxina dedicada a este cómic), ilustrador e autor de BD, que obtivera o Premio Castelao de banda deseñada no ano tal, co álbum Un home feliz.

“Non hai noite tan longa” obtén o premio Losada Diéguez.

O día 6 pasado mes de xuño, no concello de Boborás, tivo lugar a entrega dos premios Losada Diéguez, que este ano corresponderon a Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz, na modalidade de creación literaria, e a Aníbal Otero: lingüística e política en España na guerra civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, na modalidade de ensaio.

Este é o quinto premio que recibe a novela de Fernández Paz, que anteriormente obtivo estoutros recoñecementos: Premio Ánxel Casal ao libro de ficción de 2011; Premio Irmandade do Libro ao mellor libro galego do 2011; Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de narrativa de 2011; Premio Redelibros ao mellor libro de ficción de 2011.