108 anos sen Verne

(Imaxe: monumento ao Capitán Nemo, en Cesantes, na Ría de Vigo. Atlántico Diario)

O inesquecible Jules Verne finou en Amiens o 24 de marzo de 1905, á idade de 77 anos. Xa que logo, hoxe hai 108 anos que nos deixou o escritor que alimentou as miñas fantasías infantís, na Vilalba dos anos cincuenta, o home que escribiu algunhas das novelas que, aínda hoxe, sigo a reler cada certo tempo. Case todas as miñas preferidas coinciden coas que había na humilde biblioteca d0 meu pai: As aventuras do Capitán Hatteras, A illa misteriosa, Viaxe ao centro da Terra, Os fillos do Capitán Grant, …

En novembro de 2012, a petición de Teresa Colomer, desenvolvín no portal Gretel, da Universidade Autónoma de Barcelona, unha conversa literaria coas persoas que cursaban on line o Master en Literatura Infantil e Xuvenil que cada ano ofertan en Gretel.

O foro formaba parte do “Programa de Lectura de Clásicos” e, durante o mes e medio que se prolongou a lectura, desenvolvín unha interesantísima conversa coas persoas matriculadas, a maior parte de países latinoamericanos, sobre o libro que eu propuxera previamente: A illa misteriosa, a gran novela de Verne.

Unha parte do texto inicial que preparei está publicado na web de Gretel, pode lerse aquí. Dos outros textos que escribín sobre cada unha das tres partes do libro, así como do texto de reflexión final, rescato aquí algúns breves anacos:

(…) A novela está escrita en 1874, e Verne sitúa os acontecementos da trama no ano 1865; é dicir, só nove anos antes. Quen agora a lemos, persoas do século XXI, percibimos a historia como moi afastada no tempo, mais para os seus contemporáneos –os mozos e os adultos que a lían por entregas—eran acontecementos moi próximos.

En boa medida, os obxectivos de Verne e de Hetzel, o seu editor, facían necesario que isto fose así. Na novela xogan un papel moi importante os coñecementos de xeoloxía, química ou metalurxia que o enxeñeiro Ciro Smith levará á práctica na illa, imprescindibles para transformar a vida dos náufragos e achegala aos avances materiais da civilización. E os coñecementos do enxeñeiro eran os máis avanzados que se empregaban na época de Verne.

Para documentarse a conciencia, Verne pasou moitas horas estudando estes procesos industriais e frecuentando as fábricas que os utilizaban. Nunha das cartas dirixidas ao editor podemos ler isto: «Polo de agora, todo vai sobre rodas. Pero paso a vida con profesores de química e en fábricas de produtos químicos, onde boto na roupa unhas manchas cuxa limpeza penso cobrarlle á editorial. Porque A illa misteriosa vai ser unha novela química.»(…)

A historia do Capitán Nemo que se conta no capítulo 16 da terceira parte deu lugar a unha nova polémica entre Verne e o editor. Nun principio, Nemo era un polaco que odiaba os rusos; polas presións, acabou sendo un hindú que odiaba os ingleses. Na versión orixinal, Nemo morría exclamando “Independencia!”. Foi Hetzel quen forzou o cambio, facéndolle exclamar ese “Deus e patria” que Nemo, apátrida e partidario dos movementos de liberación dos países colonizados, nunca pronunciaría. Un Capitán Nemo sobre o que Verne escribe isto en Vinte mil leguas de viaxe submarina:

«Durante moitos anos visitou todos os océanos dun polo ao outro. Paria do universo habitado, recolleu neses mundos descoñecidos tesouros admirables. Os millóns perdidos na badía de Vigo en 1702 polos galeóns españois fornecéronlle unha mina inesgotable de riquezas, da cal dispuxo anonimamente en favor dos pobos que combatían pola súa independencia.»

Na miña novela Noite de voraces sombras, que transcorre en parte na Illa de San Simón, fago referencia á proposta de Méndez Ferrín: cambiarlle o nome á Ponte de Rande por Ponte do Capitán Nemo. Abofé que sería unha extraordinaria homenaxe a Jules Verne e aos seus personaxes de ficción!