Era inverno cruel de chumbo e morte

O latexo da vida e da conciencia. Memorias colectivas de Rafael Pillado (Asociación Cultural Fuco Buxán, 2012)

Hoxe é o día 10 de marzo. O Día da Clase Obreira Galega. Unha conmemoración que nos lembra a data do 10 de marzo de 1972, cando en Ferrol os obreiros de Bazán e de Astano foron ametrallados pola policía durante unha manifestación pacífica, co resultado de numerosísimos feridos e dúas persoas mortas, sindicalistas das daquela clandestinas Comisións Obreiras: Amador Rey e Daniel Niebla. Unha data que todos os sindicatos entenden como un día para a lembranza do sucedido, pero tamén para manifestar as reivindicacións laborais e sociais, tan necesarias.

“Era un inverno cruel de chumbo e morte”, o título desta entrada, é o primeiro verso dun emotivo poema que escribiu Darío Xohán Cabana en lembranza daquel día de 1972.

Pareceume que esta era unha data axeitada para reproducir aquí, quitándolle algúns anacos coxunturais, o texto que escribín para a presentación en Vigo, o 18 de setembro de 2012, do libro de Rafael Pillado: O latexo da vida e da conciencia. Memorias colectivas de Rafael Pillado, editado pola Asociación Cultural Fuco Buxán, de Ferrol. Como no texto xa detallo polo miúdo o meu encontro co libro e a miña opinión logo da súa lectura, non engadirei aquí máis nada.

 

TEXTO DA PRESENTACIÓN

Boas tardes a todas as persoas que hoxe nos reunimos aquí, neste museo que foi cárcere ata hai poucos anos e que, xa que logo, aínda garda no seu espazo os sufrimentos, a dor e a rabia, e tamén as alegrías efémeras das persoas que padeceron prisión durante as décadas innobres do franquismo.

Tería que comezar preguntando primeiro qué fago eu aquí, saudando a aparición deste libro de Rafael Pillado. Porque ambos os dous non coincidimos nos camiños da vida, aínda que eu si sabía del e da súa loita, o seu nome e a súa figura eran unha referencia para a xente concienciada da miña xeración. Mais eu non son nin fun do PC, e tampouco das Comisións Obreiras, nin tiña relación coa xente da Bazán, máis alá dalgunhas amizades que fixen durante a miña estadía en Mugardos na década dos oitenta.

Entenderase ben, se relato o meu encontro con este libro. Periodicamente, recibo na miña caixa de correos información dos actos que organiza a Asociación Cultural Fuco Buxán, de Ferrol (o nome xa é unha declaración de principios: Fuco Buxán, compadre da miseria, / curmán das inxusticias e os aldraxes. / Fuco Buxán, ¿non sintes que na Iberia / feden a podre os homes i as paisaxes?) recibín a noticia de que se presentaba en Ferrol un libro de memorias que escribira Rafael Pillado.

Andaba eu daquela embarcado na escritura da miña novela Non hai noite tan longa e levaba ben de tempo documentándome sobre os anos do franquismo, unha documentación imprescindible para darlle vida á historia que quería contar. Daquela, o libro de Pillado interesábame por un dobre motivo: pola persoa en si, por saber como contaba unha vida tan chea de avatares, e tamén porque así podería enchouparme algo máis na vida cotiá durante os anos amargos do franquismo e, tamén, no día a día das persoas que arriscaban a súa vida por mudar as cousas.

Pedín o libro, solicitando que me indicasen o xeito de pagalo. A miña sorpresa veu días despois, cando non só me chegou o libro, senón que viña acompañado dunha dedicatoria moi fermosa de Rafael Pillado.

Comecei a lelo e axiña me decatei de que sobordaba con moito as miñas expectativas iniciais. O que anunciaba o título, O LATEXO DA VIDA E DA CONCIENCIA, era unha realidade. As páxinas do seu libro estaban enchoupadas de vida, nada de letras rutineiras ou funcionariais. Unha vida contada co corazón aberto, unha vida con moitas facetas, desde a máis intimamente biográfica ata a vertente sindical e política. Lino de xeito apaixonado e recomendeino a ben amigas e amigos.

A través dos correos electrónicos, fun vendo que as presentacións se sucedían por diferentes lugares. E, finalmente, o inesperado: unha chamada de Rafael pedíndome que eu falase aquí, na presentación do seu libro en Vigo, a cidade onde resido.

A petición colleume de sorpresa. Como xa dixen, nin son de Comisións, nin do PC, e no seu momento fun crítico coas posicións defendidas por estas organizacións. Mais iso tanto tiña. Non me podía negar, hoxe tiña que estar aquí.

Unhas memorias colectivas

Entenderedes agora por que falarei só deste libro, sen entrar na análise da intensa e apaixonada faceta militante de Rafael Pillado. Iso hai persoas que o saben facer ben mellor ca min, compañeiros de loita e de ideais durante tantos anos. E falarei do que se conta neste volume non só polo que xa dixen, senón tamén polo subtítulo que ten: “Memorias colectivas de Rafael Pillado”. Que gran acerto, o de memorias colectivas!

Eu son cinco anos máis novo que Rafael, que ven sendo da idade da miña irmá, e todo o que Pillado vai contando me fixo revivir momentos da miña vida, e da vida no meu barrio, na escola, na Universidade Laboral de Xixón; momentos da vida comunal, cos amigos, coa xente do barrio; momentos da vida colectiva dos galegos e galegas, e tamén do conxunto de España. Si: nestas páxinas está tamén a memoria dunha xeración.

Memorias colectivas, e sen edulcorante. Non hai por parte de Rafael Pillado tentativas de adornar a vida dura da súa familia nas décadas dos 40 e 50, as necesidades e as condicións precarias en que vivían; o coraxe inmenso da nai e do pai; a importancia do aparello de radio, o espertar á adolescencia, as insatisfaccións xuvenís, o traballo nos talleres (como non sentirse reflectido, eu estiven na Laboral), o servizo militar, o noivado con Pilar… Anacos de vida tan, tan reais, contados con tanta sinceridade, que emociona lelos.

A cerna do libro

Está logo un dos centros esenciais do libro: a loita sindical e a loita política, nos tempos da ditadura, nos tempos da clandestinidade, nos tempos en que traballar pola xustiza e pola liberdade levaba aparellados moitos riscos, moitos perigos.

Neste aspecto, o libro de Rafael Pillado é un texto necesario, oportuno, imprescindible.

É necesario para desmontar esa idea de que o franquismo, nas décadas dos sesenta e dos setenta, foi un período prácido, unha etapa onde a ditadura afrouxou os lazos.

E oportuno nestes tempos que vivimos, cando se suceden as agresións ao mundo do traballo, coa perda de dereitos que tanto tempo e tanta dor levou conquistalos.

É imprescindible para insistir na necesidade  de recuperar e reivindicar tanto sacrificio, tanta loita, tantos esforzos para acadar a liberdade e a democracia neste país. Cando se empeñan en facernos crer que as cousas foron doutro xeito, é importante lembrarlle á sociedade, tamén ás xeracións máis novas, como sucederon as cousas.

(…)

A vida intensa de Rafael Pillado

Non se entende moito do que lemos cada día nos xornais se non se ten en conta esta realidade: Franco leva morto case tantos anos como os que oprimiu este país, mais o espectro da ditadura segue a roldarnos na vida cotiá. E, se rastrexamos nas grandes fortunas familiares de hoxe, abraia a constatación de como moitas delas se fixeron ao abeiro da ditadura, por non falar dos comportamentos e ideas dun sector moi amplo da nosa sociedade, asentado con firmeza nos baseamentos do franquismo, malia a capa de verniz democrático que, se se rasca unha miguiña, desaparece con facilidade.

As novas xeracións descoñecen en gran medida ese pasado, saben moito máis do acontecido coa Alemaña nazi. Mais non é só a mocidade actual. A xente da miña xeración e das posteriores medramos e vivimos ignorando aspectos esenciais do noso pasado.

Ler o libro de Rafael Pillado supón mergullarnos intensamente neses anos pasados. Nel está o esencial: a represión da posguerra, a fame, a inmensa inxustiza que o presidía todo. A ausencia de liberdades, o secuestro da cultura, as barreiras que atopabamos os fillos das clases traballadoras para acceder aos estudos. A explotación inmensa da clase traballadora, os accidentes laborais, os primeiros pasos para organizarse sindical e politicamente. Os conflitos en Bazán,  en PYSBE, en Peninsular Maderera, en Megasa… As detencións pola actividade sindical e política, os interrogatorios, os golpes, o cárcere. O papel represivo do TOP, os estados de excepción, o papel xogado polo Partido Comunista durante o franquismo, os cambios en Europa, a revolución que supuxo a intervención soviética en Checoslovaquia…

O libro está estruturado en tres partes. A primeira lévanos desde o nacemento ata o remate do servizo militar. Son os anos de infancia, de mocidade, de formación, do comezo do compromiso da loita contra a ditadura.

A segunda vai desde o ano 1965 a 1972. Os anos máis intensos. Os da loita sindical continua, os anos do cárcere, os anos da vida en común con Pilar…

E a terceira parte ábrese en 1972, co capítulo titulado “10 de marzo: o crime foi en Ferrol”, crónica detalladísma daqueles días, da protesta e da represión: de lectura imprescindible para toda a cidadanía. E, logo, a longa tempada no cárcere, o Proceso 1001 que tanta repercusión tivo, o proceso dos 23… O atentado contra Carrero Blanco, as últimas condenas a morte do franquismo, a morte do ditador. E, por fin, a liberdade persoal e o inicio dunha nova etapa na vida española.

Un remata de lelo e sente o corazón a bater con forza, e os ollos brillan coma cando se asiste a un prodixio. Porque estas memorias están enchoupadas de verdade, de vida, de paixón, de amor. Ten toda a razón Manolo Rivas, cando di no artigo que lle dedicou en EL PAÍS:

É unha verdade que se le lixeira, que atrapa como unha mestura de memoria persoal, novela histórica, testemuño político, e intriga de serie negra (…) Loitaban polos seus dereitos, si. Loitaban por nós. Polos dereitos humanos. Podemos falar de alta diplomacia e sutís xogos de xadrez na Transición. Mais o que de verdade abriu unha fenda e fixo abanar a ditadura foi a clase obreira, cun papel sobranceiro en Ferrolterra e Vigo, naquel 1972.

Remato: ¡Que agasallo para o lector! Aínda bo é que queda a promesa de que haberá unha segunda parte que chegará deica a actualidade. Xa devezo por lela!