O Xesús Cristo de Pasolini

O evanxeo segundo Mateo (1964), de Pier Paolo Pasolini

Esta película do ano 1964 volveu ser noticia hai uns días. Esta volta á actualidade debeuse a que L’Observatore Romano, o xornal que recolle o pensamento do Vaticano, publicou un artigo onde se afirmaba que o filme de Pasolini era, de todos cantos se levan filmado, o que mellor reflectía a vida e a obra de Xesús Cristo.

Está ben que o Vaticano o recoñeza con cincuenta anos de atraso. Moitas persoas da miña xeración non tivemos dúbida ningunha des que vimos o filme por primeira vez. No meu caso, foi no cine da Universidade Laboral de Xixón, aló por 1965 ou 1966. Impresionáronme aquelas imaxes en intenso branco e negro, o ton de crónica adoptado por Pasolini, a sensación de verosimilitude que transmitían as secuencias e, especialmente, a interpretación de Enrique Irazoqui. Un filme que veño de revisar e que segue parecéndome extraordinario, coma outras alfaias que hai na longa filmografía de Pasolini.

O evanxeo segundo Mateo (en España chamouse El evangelio según San Mateo) é unha das películas máis interesantes do director Pier Paolo Pasolini. No seu momento (1964), motivou moitas discusións, dada a personalidade de Pasolini. Que un comunista ateo decidise rodar unha película que segue literalmente un dos catro evanxeos canónicos era algo insólito na Italia dos anos sesenta. O filme, non por casualidade, está dedicado ao papa Xoán XXIII, o promotor do Concilio Vaticano II, que pretendeu facer cambios radicais na Igrexa Católica. Como lemos aquí,

Pasolini derruba a fastosidade do cine bíblico, manténdose nunha austeridade case ascética (cun reparto de actores non profesionais e localizacións en Matera, unha árida rexión ao sur de Italia), para centrarse nas ensinanzas de Xesús, o seu protagonista, encarnado polo estudante español Enrique Irazoqui.

Neste vídeo, pódese ver unha montaxe das secuencias en que Xesús transmite a súa mensaxe, comezando polo chamado Sermón da Montaña:

Pasolini recorreu a actores non profesionais (Enrique Irazoqui era un estudante español, membro dun partido revolucionario). A imaxe de Cristo que ofrece está nas antípodas do cine bíblico. E non pasan os anos por este filme, que conta cunha excepcional fotografía en branco e negro, e cunha banda sonora onde os silencios son tan importantes coma as músicas seleccionadas.

Velaquí outra breve secuencia que recrea unha das pasaxes máis coñecidas do Evanxeo: “É máis doado que un camelo pase polo ollo dunha agulla…”:

Unha película á que paga a pena volver. Ou vela por vez primeira, aquelas persoas que non tiveron oportunidade no seu día.