«O sal da terra» e a Caza de Bruxas
O sal da terra (Sal of the Earth, de Herbert J. Biberman, 1954)
Unha película clandestina.
Durante moitos anos, O sal da terra foi para min unha desas películas que sempre se citaban nos libros de historia do cine, mais da que nunca atopara rastro ningún. Se, como souben despois, foi un filme boicoteado, censurado e perseguido nos EE. UU., non é nada raro que por España non aparecese unha copia ata despois da morte de Franco, que ademais debeu de ter unha circulación mínima.
Ata que, aló polo 1984, as mulleres da AGM (Asociación Galega da Muller) de Ferrol decidiron conmemorar o 8 de marzo proxectando esta película mítica e maldita, unha das primeiras obras abertamente feministas de toda a historia do cine. Unha película que, como lemos no blog “El cine de solaris”, «representa ese sal da terra que mantén o berro revolucionario, o que se enfronta a todo abuso de poder e a toda opresión. E ademais de revulsiva, é fermosa».
Aquel día, por razóns que non veñen ao caso, non puiden asistir; mais foi como se estivese, porque tiven quen ma contou plano a plano, aumentando o meu desexo de vela algún día.
Unha lección de dignidade
Tiven que agardar ata hai poucos anos, cando por fin conseguín mercala a través da Rede. Cando me chegou á casa o DVD, puiden vela na versión orixinal subtitulada. A súa contemplación aínda supuxo unha emoción maior da que agardaba. Unha película de sinxela grandeza, desas que dignifican a arte do cine. Rodada con moi poucos medios, case sen actores profesionais, sometida a múltiples presións para que non fose adiante e estreada case en condiciónos clandestinas.
O sal da terra ponnos fronte a ideas e actitudes que, ben ao noso pesar, volven estar de actualidade neste comezo do século XXI, cando a voracidade capitalista parece insaciable e hai que loitar polos dereitos máis elementais. Iso que chamamos “crise” para non pronunciar o que de verdade é: o espolio por parte do capital de todo o que chamamos estado do benestar, a destrución do que a clase obreira foi conseguindo ao longo dos últimos cen anos.
A revolución das mulleres
Sen ánimo de contar a película, si que paga a pena sinalar algúns elementos. Os feitos que se relatan sucederan só dous anos antes de rodala: no estado de Novo México houbera unha folga dos mineiros dunha importante explotación de zinc. Promovérona os de orixe latina, que cobraban moito menos ca os mineiros brancos.
A represión patronal chegou a tal grao de dureza que obrigou ás mulleres a continuar elas coa folga, abandonando os labores do fogar, o que provoca o malestar dos homes (“Seica te sentes mellor se hai na casa alguén inferior a ti?”, dille a protagonista ao seu marido). O conflito de clase e o conflito de xénero xuntos nunha mesma historia!
A película rodouse nos mesmos lugares da folga, e os mineiros fixeron de actores improvisados. Sen demagoxia, con tanta naturalidade coma se fose un documental, O sal da terra ofrécenos un anaco de vida como poucas veces se viu no cine. Sen dubida, unha película que todas e todos deberiamos coñecer.
A «caza de bruxas» e a Lista Negra
Estes nomes lévannos a un dos episodios máis vergoñentos da historia dos EE. UU. Despois da 2ª Guerra Mundial, desatouse en todo o país unha histeria anticomunista que, en realidade, era un ataque en toda regra á liberdade de expresión e ás ideas de esquerda.
Froito disto, no ano 1947 créase no Congreso o Comité de Actividades Antinorteamericanas, presidido polo senador Joseph McCarthy, un nome que merece pasar á Historia Universal da Infamia. A este home, Nicolás Guillén dedicoulle un poema que paga a pena ler.
Na persecución de todo o que soase a ideas “comunistas” (chegáronse a prohibir 30.000 libros, entre eles Robin Hood!), o comité centrouse nas actividades do mundo do cine, por considerar que aí estaba o foco dos que transmitían ideas de esquerda a través das películas.
Así comezou o que logo se chamou a Caza de Bruxas. Directores, actores, guionistas… foron interrogados, castigados se non declaraban ou non se aviñan a delatar outros compañeiros e, finalmente, represaliados.
Elaborouse unha Lista Negra cos seus nomes, e deuse orde a todas as produtoras de Hollywood de que non lles podían dar traballo ningún. Arrepía examinar os nomes desa lista, que serve para dar conta de enorme infamia que dominou o cine norteamericano na década dos cincuenta e parte da dos sesenta.
(o vídeo da película)
Así naceu O sal da terra
O director da película, Herbert J. Biberman; o produtor, Paul Jarrico ; o guionista, Michel Wilson, así como os técnicos que lles axudaron a facela, estaban todos incluídos na Lista Negra. Por iso, con poucos cartos, marcharon lonxe de Hollywood, a Novo México, a facer esta película. Bertrand Tavernier, na súa obra coescrita con Jean-Pierre Coursodon 50 anos de cine norteamericano, dixo de O sal da terra que “é probablemente unha das únicas obras non criticables da Historia do Cine: o seu meirande mérito é o feito mesmo da súa existencia”.
«O sal da terra é todo un reto na historia do cine norteamericano. É difícil dar cunha película que conserve tanta vixencia e que apunte tantos camiños que aínda permanecen inexplorados, como o feito de que a narración coa voz en off corra a cargo dunha muller, adquirindo a historia un punto de vista que sitúa as reivindicacións domésticas e sexuais en primeiro termo. A igualdade non é un concepto etéreo, vennos dicir a película, senón unha loita constante que hai que comezar e manter.» (Manuel de la Fuente, blog “La página definitiva”).
De querermos afondar máis na xénese e análise d’O sal da terra, recomendo este ensaio publicado na web “El ojo que piensa. Revista de cine iberoamericano”