O festín de Babette
O festín de Babette (Babette Gæstebud, 1987), de Gabriel Axel
Vin esta película no ano 1988, nun cine de Salamanca. Un grupo de persoas interesadas na promoción da lectura estabamos a facer un curso na Fundación Germán Sánchez Ruipérez (un curso inesquecible, mais esa é outra historia). Unha noite, uns cantos decidimos ir ao cine, queriamos ver Mujeres al borde un ataque de nervios, da Almodóvar, que se estreaba por aquelas datas. Chegamos alí, e non quedaban entradas. Daquela, decidimos entrar nalgunha das que botaban nas outras salas. Acabamos vendo unha que non me soaba de nada, O festín de Babette, agás que nela traballaba Stéphane Audran, unha actriz que me apaixonaba, especialmente pola serie de filmes de Claude Chabrol que protagonizou naqueles anos (O carniceiro, A muller infiel, A besta debe morrer, O sangue dos outros…).
Cando saín, o mundo transformárase. Que marabilla de película! Rebordábame o entusiasmo, sentíame afortunado por asistir a aquel milagre, por min quedaría a contemplar aquela historia toda a noite. Poucas veces me sentín tan exultante: é ese milagre que producen as obras de arte, que nos revolven por dentro e fican para sempre onda nós.
E que conta O festín de Babette? Baseada nun relato de Isak Dinensen (a extraordinaria escritora danesa, a autora de Memorias de África e doutros relatos memorables), cóntanos unha historia de extrema sinxeleza: Babette, unha celebre cociñeira parisina, ten que fuxir de Francia e refúxiase nunha aldeíña perdida na beiramar danesa. Alí emprégase como criada de dúas anciás, fillas do pastor luterano que deixou marcada a comunidade coa súa prohibición de gozar dos praceres do corpo. Un día, a fortuna achégase a Babette na forma dun billete de lotaría premiado. Co importe do premio, decide organizar un banquete para os escasos habitantes da aldea. E a partir de aquí, non debo contar máis, non está ben estragarlles a función ás persoas que teñen a fortuna de non coñecer aínda esta película. A que agardan?
E logo por que me entusiasma deste xeito O festín de Babette? Por moitas cousas. Entre elas, porque conta unha historia profundamente local, mais tan poderosa que acada unha dimensión universal. Como esquecer os velliños, ao saíren da cea, danzando en roda no medio da neve? E, sobre todo, como esquecer a frase rotunda de Babette, na secuencia máis emotiva da película?: «Un artista nunca é pobre!».
De remate, unha confesión persoal: hai unhas semanas, recibín unha carta do responsable de a contracorriente films, a produtora que vén de distribuír en España a copia restaurada do filme de Gabriel Axel. Un bo amigo contáralle o meu entusiasmo por esta película e pola súa protagonista. E el, aproveitando a estrea no Festival de Donostia, pediulle para min un autógrafo a Stéphane Audran. O autógrafo vén na tarxeta que anuncia o menú co que celebraron a estrea, o mesmo que Babette lles serviu aos paisanos daquela aldea. De todos os pratos, eu devezo polas “Codornices en sarcófago”. Quen as pillara!