Literatura que tamén poden ler os nenos.
Ensaio escrito para o “Encontro de Escritores Galegos” celebrado na Coruña os días 29 e 30 de novembro do 2002. Posteriormente, o texto apareceu publicado en GRIAL. Revista Galega de Cultura, nº 157 (2003), páxinas 88-95.
LITERATURA QUE TAMÉN PODEN LER OS NENOS.
Unha aclaración previa.
A petición que me fixeron as persoas organizadoras deste encontro foi a de reflexionar sobre “cómo a miña opción lingüística, o galego, condiciona o meu proxecto literario”, co engadido adicional de que debería expoñelo en media hora. En canto me puxen a ordenar os temas e as ideas que me parecía necesario tratar, decateime de que era inútil calquera pretensión totalizadora. A reflexión que se me pide ten múltiples facetas, así que, deixándome levar pola subxectividade, só me centrarei nalgunhas das que máis me preocupan neste momento.
Deixo fóra, deliberadamente, cuestións que tamén teñen moito interese (as especificidades da literatura infantil e os condicionantes, máis formais que temáticos, que leva aparellados; a curta historia da literatura infantil en Galicia e o abano de tendencias que se poden detectar hoxe nela; a súa evidente consolidación editorial e o papel que ocupa dentro do sistema literario), pero que xa foron tratadas en ben ocasións e sobre as que hai publicados un significativo número de traballos. Eu mesmo, nos meus Os libros infantís galegos (Xunta de Galicia, 1989) e A literatura infantil e xuvenil en galego (Xerais, 1999) tentei explicar polo miúdo a miña visión sobre estes aspectos.
Un escritor de literatura infantil e xuvenil
A primeira faceta refírese á especificidade de ser un escritor que orienta principalmente o seu traballo ao que, para entendérmonos, chamamos o eido da literatura infantil e xuvenil.
Non vou entrar aquí na polémica sobre se existe ou non unha literatura infantil e xuvenil diferenciada. É un tema que motivou moitas reflexións, sobre el xa se escribiu o suficiente para deixar claros os argumentos das dúas tendencias. Tan só me gustaría puntualizar que, na miña opinión, quizais a polémica é menor do que parece, sobre todo se aceptamos a idea que tan ben soubo sintetizar o escritor catalán Joles Sennell cando dixo que “literatura infantil é aquela que tamén poden ler os nenos”.
En todo caso, máis alá de discusións teóricas, hai un feito empírico incuestionable: a existencia dun bo número de libros que calquera de nós adscribiriamos sen dubidar ao eido da literatura infantil. Non están tan claras as cousas na chamada literatura xuvenil, porque ese si que é un terreo fronteirizo onde hai ben títulos susceptibles dunha adscrición a el ou, sinxelamente, ao da literatura que, para entendérmonos, chamaremos “de adultos”. Se algúns dos meus libros -coma tal, Aire negro ou Amor dos quince anos, Marilyn-, se publicasen nunha colección dirixida ao lector adulto, estou seguro de que se integrarían sen problema ningún. O cal tería vantaxes: entrarían nas recensións críticas anuais, figurarían nos diversos panoramas narrativos que se fixesen, etc. Claro que tamén terían inconvenientes, para min moi serios, como tentarei explicar.
[…]
Descargar o ensaio completo: ensaio-novembro-2002