Conversa con AFP sobre o mundo da BD

(As viñetas da ilustración corresponden ao álbum As falanxes da Orde Negra
de Pierre Christin e Enki Bilal)

No diario dixital Praza Pública, Eduardo Maroño publicou unha extensa entrevista con Agustín Fernández Paz. A conversa centrouse, de xeito deliberado, na relación que Fernández Paz mantivo coa banda deseñada (ou cómics, ou tebeos) ao longo da súa vida. Como se di ao comezo da entrevista:

 A banda deseñada galega atópase no que probablemente sexa o mellor momento da súa historia. Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) foi testemuña da súa evolución dende a precariedade de medios e o voluntarismo dos anos 70 ata a brillante etapa actual. Lector apaixonado de cadriños, o escritor vilalbés foi pioneiro da incorporación do cómic ás aulas e levou a cabo un entusiasta labor coma divulgador do medio que lle valeu o Premio Ourense de Banda Deseñada en 1992. Unha faceta pouco coñecida da súa traxectoria que repasamos nesta conversa.

Algúns dos traballos sobre cómics publicados por Fernández Paz son os libros Para lermos cómics, Facermos cómics e Os cómics nas aulas.

A entrevista completa pódese ler neste enlace.