“Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica”
(Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)
Hoxe, 13 de febreiro, celébrase o Día Mundial da Radio. Para as persoas da miña xeración, a radio foi un medio importantísimo, nuns tempos nos que aínda non había televisión. A través dela chegaba a música, os seriais (como esquecer “El Supermán”, “Jim Phoscao” ou “Una princesa de Marte”!) e os programas “de variedades”. E tamén “o Parte” (“parte diario hablado para España de Radio Nacional”), o espazo das noticias, que se transmitía obrigatoriamente a través de todas as emisoras, pois estas tiñan prohibido elaborar os seus propios espazos de noticias, un monopolio da Ditadura. De querer escoitar unha información alternativa, o camiño era ter acceso aos espazos para España da BBC ou de Radio París Internacional. Ou, sobre todo, sintonizar polas noites as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica, “la única emisora sin censura de Franco”. Sempre ás agachadas, coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:
… o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.
(Nicolás Sartorius / Javier Alfaya: La memoria insumisa)
A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente máis concienciada deixase de seguila.
Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país, cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, Las cartas de la Pirenaica, cun estudo teórico de moito interese.
Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.
Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante e que se pode ver completo na Rede.