Agustín Fernández Paz, Premio dos Clubs de Lectura 2015
(Na imaxe, con dúas lectoras e un lector na Feira do Libro de Vigo)
O pasado 23 de abril, Día Mundial do Libro, a Consellería de Educación e Cultura publicou no DOG unha resolución “pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo, no curso precedente, mediante o PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2015.” O premio concedéuselle a Agustín Fernández Paz por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura durante o curso 2013/2014.
A servizo de Asesoría de Bibliotecas Escolares, que é quen orienta e dinamiza os distintos clubs de lectura, publicou unha nota informativa onde, entre outras cousas, dicía isto:
Esta proposta encádrase na iniciativa para o incentivo dos Clubs de lectura en centros públicos que matriculan
alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, mediante convocatoria anual. A proposta de profesorado que coordina estes clubs de lectura quérese recoñecer o labor das autoras e dos autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura. Con esta finalidade establécese o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, se outorgará ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura, mediante a lectura de un ou varios títulos, no curso precedente. O galardón seralle entregado no transcurso da Xornada dos Clubs de Lectura, na que anualmente se reúne o profesorado que coordina estes clubs de lectura dos centros públicos de ensino secundario de Galicia.
O galardón entregaráselle a Agustín Fernández Paz no transcurso da que será a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Santiago de Compostela. Nesta xornada, Fernández Paz recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.
O diario Sermos Galiza recollía así esta noticia.