¡A sangre y fuego!

Para falar deste tebeo debo retroceder ata un domingo do mes de xuño do ano 1956. Eu teño nove anos e, logo de asistir á misa das doce, chamada “a dos nenos” porque entrabamos ás once e media e tiñamos media hora previa de catecismo, reúnome con outros rapaces ao pé da pravia, a árbore senlleira que hai no centro da vila. Achegámonos ao escaparate de Gaioso, que está alí ao pé, e vemos algo que nos esperta o maior devezo: o caderno inaugural de El Capitán Trueno, co título «¡A sangre y fuego!» e cunha portada moi superior ás habituais en tebeos semellantes. Custa 1,25 pesetas, e eu teño esa cantidade no meu peto. Así que, sen pensalo máis, entro no comercio e pido un exemplar.

Aínda lembro hoxe a emoción de telo nas mans, de ulilo, de follealo con coidado para non engurralo… Foi o primeiro encontro cuns personaxes que acabarían por seren coma da familia: o Capitán Trueno, Goliath, Crispín, os tres cos roles moi definidos desde as primeiras páxinas. Uns guións orixinais (tardei moito en saber que eran obra de Víctor Mora, militante do clandestino PSUC) e uns debuxos de gran expresividade, da autoría de alguén que asinaba como Ambrós. Unha marabilla no ermo daqueles anos!

Como durante unha primeira etapa tivo unha periodicidade quincenal, funme amañando para mercar cada un dos novos cadernos, que me permitiron familiarizarme co mundo deste heroe. A presenza de Sigrid, princesa de Thule, a que será a dama, namorada na distancia, do Capitán; a loita contra tiranos que oprimen a poboación e merecen ser castigados, o encontro co mago Morgano e a posibilidade de se desprazaren a terras distantes no globo aerostático que o mago deseñara, a fascinante galería de antagonistas… A serie non tardou en pasar a semanal, e a súa adquisición fíxose máis difícil para un neno coma min (por riba, o prezo subiu a 1,50 pta. a partir do nº 55). E seguila con fidelidade tornouse imposible cando, ante o éxito rotundo, a editorial Bruguera decidiu sacar, ademais dos caderniños apaisados, outros de formato vertical baixo o título El Capitán Trueno Extra, máis caros e con aventuras independentes das da historia principal.

Non conservo aquel primeiro número mercado na de Gaioso, os exemplares da miña infancia non sobreviviron a tantos traslados. Mais, nos primeiros anos noventa, publicouse unha boa edición facsímil da serie, e así puiden recuperar moitas sensacións daquelas primeiras lecturas. É un fenómeno ben curioso! Ao reler as páxinas, veñen á memoria as sensacións que me provocaron no seu día e que fun lembrando a medida que avanzaba na lectura.

Escuso dicir que o Capitán Trueno pasou a ser un dos meus pesonaxes favoritos. Farteime de inventar e debuxar cómics onde el era o protagonista, pois non me saía nada mal a súa figura.

Anos despois, influído polas lecturas que facía daquela, escribín un texto teórico —Análise formal e temático de El Capitán Trueno, no 1972– e un ensaio crítico —Liquidemos al Capitán Trueno, en 1979— que nunca cheguei a publicar. E ben que me alegro porque, para os anos en que apareceu, era unha creación moi estimable. Outra cousa é o xuízo que nos mereza ollado desde a perspectiva de hoxe. Pero iso xa non encaixa neste blog.