Ríos de palabras

(A fotografía principal desta entrada é da autoría de Manuel Vicente)

23 de abril: Día Mundial do Libro

O vindeiro 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, unha data que non podía ficar ignorada nun blog que se chama «Un lector». O título desta anotación, «Ríos de palabras», sae da miña concepción dos libros: ríos de palabras que nos cambian a vida e nos implican na transformación do mundo.

Desta vez, máis que elaborar un texto novo, vou recorrer a dous textos de escritores que admiro e a un anaco doutro que escribín hai algún tempo. O primeiro é un poema de Jorge Luis Borges:

UN LIBRO
Apenas una cosa
entre las cosas
pero también un arma. Fue forjada
en Inglaterra, en 1604,
Y la cargaron con un sueño. Encierra
sonido y furia y noche y escarlata.
Mi palma la sopesa. Quién diría
que contiene el infierno: las barbadas
brujas que son las parcas, los puñales
que ejecutan las leyes de la sombra,
el aire delicado del castillo
que te verá morir, la delicada
mano capaz de ensangrentar los mares,
la espada y el clamor de la batalla.

Ese tumulto silencioso duerme
en el ámbito de uno de los libros
del tranquilo anaquel. Duerme y espera.

O segundo texto, malia non estar dedicado esplicitamente aos libros, é unha afervoada homenaxe ao engado das narracións. Trátase dun dos poemas que Álvaro Cunqueiro dedicou ao irlandés Lord Dunsany, un escritor que moito admiraba:

LORD DUNSANY / EPITAFIO
–Bos días, decíanlle as fadas
que dormen da outra banda do mar.
Boas noites!, decíanlle as fantasmas
que despertan cando canta a curuxa.
E no camiño de Carcasona saudábano
os que endexamais chegarían acolá.
Soñou todas as cousas invisible
e no que toca ao home, veu indiferente
pasar aos que non se lle asemellaban…
E cando lle chegou a hora, soñando estaba
un país onde chovían bolboretas
para que se fixese a luz. E a luz foi feita.
Agora el mesmo, na sombra perdido,
fada é, e fantasma e vagabundo
por quen aprender a guiarse as estrelas.

Como remate, copio aquí un anaco do texto que escribín en 2008 para a celebración do Día das Bibliotecas, «Onde hai unha biblioteca hai unha luz», que se publicou nun cartel ilustrado marabillosamente por Xosé Cobas:

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.

Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.

Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.

Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos.