Abrir as portas
Aínda que este blog se rexe por unhas Intencións que explicitei na primeira entrada que escribín, hoxe fago unha excepción para falar dun programa de radio e reproducir un conto que escribín hai algún tempo.
Hai uns días, Javier Gallego dedicou o seu programa Carne Cruda 2.0, na cadena SER Digital, ao tema “Salir del armario en la adolescencia“. Un programa moi interesante que paga a pena escoitar, sobre unha realidade que cómpre continuar abordando pois, malia os moitos avances, aínda queda ben camiño por andar.
Este programa fíxome lembrar o conto que escribín hai xa algún tempo para un libro colectivo, 21 relatos por la educación, que publicou Ediciones SM. O conto titulábase “Abrir as portas” e abordaba o mesmo tema que o citado programa de radio.
En outubro do 2012, a asociación Gálix acordou facerme Socio de Honra, un recoñecemento moi emotivo para min. No acto que se celebrou en Vigo, agasallei as persoas asistentes cunha “edición” do meu relato; unha edición peculiar, pois para ler con xeito o texto hai que dobralo e recortalo (se alguén quere utilizalo, ten aquí o modelo).
E, aínda que xa anda por outro lugar da miña páxina web, pareceume oportuno reproducilo aquí para que sexa doadamente accesible á xente que o desexe ler.
ABRIR AS PORTAS
QUEN ME HABÍA DICIR que sería a nova profesora de Lingua a que me facilitase a chave para abrir as portas dunha vez? Se me atrevo, xaora, pois sei ben que non ha ser nada doado. Se cadra non chegarei a confesarllo nunca, mais recoñezo que tiña toda a razón cando, tras observar a miña expresión contrariada, se achegou a min e afirmou que me había gustar facer este exercicio. Gustar non é o termo axeitado, habería que encontrar unha palabra máis rotunda. Ela non sabe que, se finalmente me atrevo, este pode ser o texto máis importante que escriba na miña vida.
Levo meses agardando a oportunidade de lle poñer fin a tanto silencio e a tanta covardía. Seguir como ata agora xa me resulta insoportable, son moitos meses de mentiras, na casa e no instituto. Mais tampouco non consigo evitar que me paralice o medo ante o que pode vir despois. Varias veces estiven a piques de confesárllelo a Tania e a Andrea, que quizais xa intúen a verdade. Son as miñas mellores amigas, tería que confiar nelas. Mais ata o de agora nunca me atrevín, o medo sempre acaba gañándome a partida.
Ás veces sinto nostalxia dos anos do colexio, cando era un neno coma outro calquera; cando estar coa panda era a maior felicidade, cando non me sentía diferente nin se me pasaba pola imaxinación chegar a selo algún día. Nin tan sequera lembro en que momento comecei a decatarme de que o meu camiño ía noutra dirección. Algún día terei que esforzarme e escribilo, facer un exercicio de memoria antes de que pasen os meses e se me borren os detalles daquel tempo decisivo.
Do que si estou seguro é de que foi no instituto, quizais nos meses finais de primeiro, hai xa máis de dous anos. Foi naqueles días cando me decatei de que algo novo agromaba no meu interior, de que comezaba a experimentar sensacións que nunca vivira ata daquela, de que non podía manifestalas e cumpría gardalas coma un segredo inconfesable. Que ben aprendín a disimular! Aínda hoxe me abraio de como participaba nas conversas cos outros rapaces, como trataba de imitar os comportamentos, as voces, os xestos. Comecei a falar das rapazas como obxectos de desexo, cando a persoa que de verdade desexaba estaba tan preto e nada tiña que ver coas mozas. Foi daquela cando comprendín de vez o que me ocorría; aínda que, se cadra, xa todo comezara moito antes e, sen ser eu consciente, ese saber permanecera larvado durante anos no meu interior. Tamén foi daquela cando comezou o medo, e a mentira, e o disimulo: esta dobre vida, este teatro insoportable.
A CHEGADA DE XAVI, ao comezo deste curso, supuxo unha revolución. Viña da cidade de A.; ao seu pai, un enxeñeiro agrícola, nomeárono director da única fábrica que temos na vila, e toda a familia se trasladou a vivir aquí. A Xavi colocárono na nosa clase, a de 4º B, e non tardou nada en se gañar as simpatías de todos. Alegre, sedutor, enxeñoso, sempre coa frase oportuna na boca. Axiña se converteu na persoa máis popular do curso, todos os profesores estaban encantados con el. E iso por non falar da reacción das rapazas, que revoaban fascinadas ao seu redor coma se fose un deses cantantes das revistas, omnipresentes en todas as súas carpetas.
Debíamos de levar algo máis dun mes de curso cando Laura, a nosa profesora de Lingua, nos propuxo unha desas actividades que a ela lle gusta chamar “especiais”. Tratábase de construír, tal era o nome do exercicio, «Un alfabeto para a miña vida». Aparentemente, algo de estrema sinxeleza: facerlle corresponder a cada letra do abecedario unha palabra que a tivese de inicial, coa condición de que estivese cargada de resonancias emotivas para nós. “Unha palabra que vos remova por dentro, tal como fai unha pedra cando a tiramos á auga dun estanque”, díxonos, despois de poñer algúns exemplos das que ela seleccionaría e de nos explicar as razóns da súa escolla. E a seguir, teriamos que elixir tres das palabras seleccionadas e explicar por que eran relevantes, por que tiñan un significado especial na nosa vida.
Cada vez que nos mandaba unha actividade dese tipo, que sempre era para facérmola fóra da aula, Laura seleccionaba despois varias persoas para leren en voz alta o que escribiran. Lembro que aquela vez foi Xavi un dos elixidos e que leu o seu alfabeto moi a modiño, coma se tivese un especial interese en que non se nos despistase ningunha das palabras que o formaban. Houbo un ruxerruxe por toda a clase ante algunhas asociacións insólitas, era inevitable, pero foi máis impresionante o silencio que se estendeu pola aula cando leu o texto onde explicaba a elección das palabras correspondentes ás letra G, I e P: gai, internet, pais. Era un texto que agora mesmo podería recitar de memoria, pois aquela mesma tarde colgouno no seu blog (daquela soubemos que levaba un blog: http://abrirasportas.blogaliza.com!) e eu, despois de imprimilo en canto cheguei á casa, pasei o resto das horas tombado na cama, léndoo unha vez e máis outra:
«Recoñecer que son gai e asumilo con naturalidade foi un dos feitos máis importantes da miña vida. Supoño que sempre o fun, mais tardei en decatarme de que as miñas preferencias sexuais non coincidían coas da maioría. Aínda tardei máis en aceptalo, nesta sociedade non é nada doado. Se o conseguín foi grazas aos meus pais e a Internet. Aínda que ficaron desconcertados cando llelo dixen, o meu pai e a miña nai ofrecéronme todo o seu apoio, amosáronme que crían de verdade na palabra liberdade e que o seu amor por min non tiña límites. E Internet, a marabillosa Rede, axudoume a descubrir que non estaba só, que había outros mozos e mozas que, coma min, seguían un camiño distinto ao da maioría. Nin mellor, nin peor: diferente.»
O texto de Xavi foi un revolución, e non só para min. A profesora, tras o silencio que seguiu á lectura, felicitouno polo traballo e pola súa valentía. Algunhas compañeiras aplaudiron, mentres os rapaces nos mirabamos uns aos outros, desconcertados, aínda que, no meu caso, as razóns fosen ben distintas. Lembro aquela clase como unha experiencia estraña: coma se alguén dese unha palmada sobre un puzzle xa ordenado, e todas as pezas saltasen polos aires. Sabiamos que se podería recompoñer máis tarde, xaora, mais o debuxo final nunca sería o mesmo.
E AQUÍ ESTOU AGORA, diante da oportunidade que Laura me ofrece en bandexa, tratando de vencer os meus medos, eses medos que me acompañan cada minuto de cada día. Este «Gústame / Non me gusta» é a ocasión perfecta para que eu abra tamén as portas e saia por fin deste agocho onde me refuxio. Síntome protexido nel, e mesmo cómodo, pero sei que acabará amargándome, que conseguirá destruírme se non o abandono dunha vez. Recoñezo que tamén é atractiva a excitación de se saber dono dun segredo, de fantasiar cunha identidade oculta. Ter unha vida clandestina, unha personalidade dobre, como Spiderman ou Batman. Mais non pode ser, algún día terei que lle poñer fin a este teatro.
O exercicio que Laura nos propuxo é moi interesante. Consiste só en escribir o que me gusta e o que non, definirme a través de algo tan sinxelo como enlazar unha frase detrás doutra, coma se fosen as pedras amoreadas dun milladoiro. A oportunidade de, como fixo Xavi, usar o texto para dicirlle aos outros como son. Se me atrevo, se me decido, sei que xa non haberá nunca volta atrás:
GÚSTAME
Xogar ao baloncesto co meu equipo, os cadros de Van Gogh, pasear pola praia á noitiña, a satisfacción de aprender unha nova canción coa guitarra, xogar ao Trivial, pasear en bicicleta, as novelas de Hermann Hesse, as tortas de mazá da miña avoa, Leonardo di Caprio en Titanic, os discos dos grupos británicos dos anos sesenta que colecciona o meu pai, as cidades cosmopolitas, que me abracen cando estou triste, os días festivos, a noite das lumeiradas de San Xoán, recibir mensaxes no móbil, pasar horas en Tuenti e en Facebook, xogar ás cartas cos meus avós, contemplar as fotos de cando era pequeno, os bocadillos de xamón con tomate, ver chover a través a fiestra, as Harley Davidson, as noites estreladas, a valentía de Xavi ao declararse gai, as persoas coas que se pode falar tranquilamente, ir de acampada, ler un libro que me faga pensar, Watchmen e os outros cómics de Alan Moore, as películas de terror, a cor que collen as follas das árbores no outono, o último día de clase, o primeiro día de vacacións…
NON ME GUSTA
A coliflor, as praias ateigadas de xente, os profesores que dan mal as clases, o puré de verduras, a inxustiza e a hipocrisía que hai na sociedade, os libros de ciencia-ficción, a remolacha, o remate das vacacións, os malos tratos ás mulleres, a música techno, a xente que pretende aparentar o que non é, madrugar, os programas do corazón, tardar tanto tempo en vencer o medo a dicir que son gai, que non me pidan perdón cando me fan dano, a hipocrisía, as ditaduras, a última clase do venres, os que non che escoitan cando lles falas, suspender exames, ler por obrigación un libro que non me gusta, deitarme polas noites, erguerme polas mañás, que se me acabe a tinta do bolígrafo, quedar sen saldo no móbil, a cor laranxa, os desastres ecolóxicos, as películas de guerra, as centrais nucleares, camiñar só pola rúa, escoitar o tictac do reloxo durante a noite…
É A HORA DA CLASE de Lingua, Laura acaba de entrar na aula. Chegou o momento de permitir que sexa o azar quen decida: se a profesora non me elixe, só ela lerá o meu texto cando os revise. Invádenme os nervios mentres nos anuncia que imos comezar a clase lendo algúns textos da actividade que nos mandou, e que ela irá comentando o que lle parecen. Clara é a primeira que le, e despois faino Marcos; Sara é a terceira, toda a clase ri co seu texto divertido e burleiro. A profesora comenta os tres textos lidos, sinala algúns defectos, loa outros detalles. E logo engade que, como mostra, xa son suficientes; recollerá os do resto da clase e xa nolos devolverá comentados. Mais non tardan nada en xurdir varias voces pedindo que se lea algún máis. Laura acepta sen dubidalo moito, creo que a ela tamén lle divirte escoitar os nosos autorretratos. Examina a lista de clase que ten diante, percorrendo os nomes co seu dedo.
–Novoa Leal, Adrián. Tocouche, Adrián; escoitámoste.
É o meu nome. Nese intre si que me dominan os nervios, van e veñen desbocados por todas as partes do meu corpo. Sei que aínda estou a tempo de me botar atrás sen que ninguén se decate, bastará con eliminar as frases que coloquei en lugares estratéxicos. Ou podo atreverme a lelo enteiro, abrir as portas e deixar atrás todos os medos. Alá vou:
— Gústame xogar ao baloncesto co meu equipo, os cadros de Van Gogh, pasear pola praia á noitiña, a satisfacción de aprender unha nova canción coa guitarra, xogar ao Trivial, pasear en bicicleta, as novelas de Hermann Hesse, as tortas de mazá da miña avoa…