Antón Chékhov en New York

Vania na Rúa 42  (Vanya on 42nd Street, Louis Malle, 1994)

 

Vin esta película por vez primeira aló polo ano 2004. E non foi no cine, senón na miña casa, tras alugala en «Arteiensaio», un videoclub de vida efémera que funcionou en Vigo (na Rúa do Progreso, nº 5) e que, durante o tempo que aguantou, foi unha especie de paraíso para os que amamos o cine.

Nos seus andeis só se encontraba cine de autor, moi ben seleccionado, coa vantaxe engadida de que podías revisar a obra completa de bastantes directores, xa que contaban coa maior parte da súa filmografía. Moitas películas vin mentres permaneceu aberto!

Eu xa lera O tío Vania, de Antón Chékhov, unha desas obras destinadas a perdurar, un clásico que admite unha lectura actual en cada nova época, porque aborda os temas esenciais na vida de calquera persoa. E tamén admiraba a Louis Malle, un dos cineastas da nouvelle vague francesa, autor de filmes admirables como Ascensor para o cadalso, Zazie no metro, O fogo fatuo, Calcuta, O sopro ao corazón, Lacombe Lucien. Atlantic City ou Adeus, rapaces. Vania na Rúa 42 foi, por desgraza, a derradeira que puido filmar, pois finou no ano 1995.

Ao primeiro coidei que Vania na Rúa 42 sería un exercicio máis de teatro filmado, pero equivocábame por enteiro. A película, que vin na versión orixinal subtitulada, deixoume cravado na cadeira, coa boca aberta, incapaz de afastar os ollos do que estaba a ver. Alí había moito máis que un drama de Chékhov!

Máis adiante, lendo aquí e acolá sobre esta marabilla, souben que a orixe do filme estaba nun feito real. André Gregory, director dunha compañía teatral de New York, fixera unha montaxe d’O tío Vania a partir dun texto adaptado por David Mamet. Ante as dificultades para estreala nun teatro convencional, decidiu facer unhas representacións atípicas nun teatro abandonado da rúa 42, coma se fosen ensaios xerais da obra. Facíano con algún elemento mínimo de mobiliario e cos actores e actrices coa roupa da rúa. Comezaron invitando algúns amigos a asistiren, sentados a carón dos actores, e axiña tiveron peticións doutros, o que os obrigou a limitar a 15 o número de asistentes. Louis Malle puido asistir a esas representacións e decontado naceu nel o proxecto de realizar unha película a partir da experiencia.

 

No inicio da película, mergullámonos no boureo de xente que vai e vén pola Rúa 42. Entre tantas persoas, imos vendo como os actores e actrices se achegan ao vello local onde representarán a obra. Vémolos entrar, falar entre eles; vemos as poucas persoas que asisten á representación, atentos ás explicacións do director. E, nun instante máxico, o actor de vai encarnar a Vania tómbase nun banco e pasamos do real ao representado. A primeira vez que se ve, un tarda en decatarse dese intre en que nos trasladamos do New York de 1994 a unha facenda rusa de finais do século XIX.

A partir de aí, como abducidos, metémonos na historia e nos personaxes de Chékhov, guiados pola cámara de Louis Malle que nos ofrece unha sublime lección de cine.

En O tío Vania, coma noutros textos de Chékhov, en aparencia non ocorre nada importante. Mais, a través deses conflitos que semellan banais, aborda os grandes temas que a todas as persoas nos afectan: o paso do tempo, a vellez, a perda das crenzas que algún día nos moveron, as clases sociais, os amores frustrados e os non correspondidos, os soños rotos… Toda a vida está contida no devir deses personaxes, imposible non se sentir interpelado por eles. o desilusionado Vania, Helena, Sonia, o doutor Astrov, o insoportable profesor Serebriakov son, dalgún xeito, unha imaxe veraz da humanidade.

Neste vídeo pode verse a película completa:

Os actores están todos a unha altura excepcional. Helena, a esposa frustrada e resignada, a muller que esperta a paixón de Vania e do doutor, está interpretado por Julianne Moore. Creo que foi nesta película cando se consolidou a miña admiración por esta actriz, que ten unha filmografía moi extensa, na cal, a carón de obras rutineiras, atopamos un bo número de películas magníficas: Lonxe do ceo (Todd Haynes, 2002), Magnolia (Paul Thomas Anderson, 2000), Atando cabos (Lasse Hallström, 2002), As horas (Stephen Daldry, 2003), Chloe (Atom Egoyan, 2010), Un home só (Tom Ford, 2010)…

Esa admiración pola actriz deixeina reflectida nun dos meus últimos libros, Fantasmas de luz. Unha das seis “Tomas Extra” que a novela contén ao final está dedicada a ela. Quen desexe lela, non ten máis que achegarse ao post que precede a este.