Para que ninguén sexa escravo

Da Gramática da fantasía aos Contos por teléfono (Gianni Rodari)

 «Eu agardo que estas páxinas lle poidan ser igualmente útiles a quen cre na necesidade de que a imaxinación ocupe un lugar na educación; a quen coñece o valor de liberación que pode ter a palabra. “O uso total da palabra para todos” paréceme un bo lema, de fermoso e democrático son. Non para que todos sexan artistas, senón para que ninguén sexa escravo»

(Gianni Rodari, no prólogo da Gramática da fantasía, 1973)

 

O vindeiro domingo, 14 de abril, fará trinta e tres anos que nos deixou Gianni Rodari. Foi en 1980, cando en España comezaban a publicarse os seus libros. A Gramática da fantasía (o orixinal italiano é de 1973) publicouse en castelán en 1977, e eu debino mercar algo despois. O mesmo que fixen coa edición en portugués, da brasileira Summus Editorial. A súa lectura fascinoume e abraioume, xa o deixei escrito en todos cantos lugares puiden.

Cando morreu, Rodari tiña sesenta anos. Deixaba o rastro dunha vida que me segue a fascinar, non só polo moito que fixo, senón pola valentía para romper co previsible e levar adiante as súas ideas. Un militante do Partido Comunista italiano, primeiro mestre e logo xornalista, que dedicou boa parte do seu tempo a escribir narracións para os lectores infantís. Unhas narracións onde conviven con naturalidade a fantasía máis brillante e unha visión progresista da sociedade, unha ideoloxía que enchoupa todos os seus textos, mais sempre moi distante de calquera tipo de dogmatismos. Unha revolución no ámbito da literatura infantil, da que tantos nos confesamos debedores.

Os seus libros infantís (unha mención especial para Contos por teléfono, que se fai máis grande cada ano que pasa) foron un marabilloso exemplo práctico das súas teorías. É certo que uns son mellores ca outros, e que algúns mesmo me desilusionaron, se cadra porque foron textos de circunstancias para publicar no xornal infantil que dirixía e nunca pensou que acabarían aparecendo en forma de libro. Mais hai arredor dunha ducia de títulos que merecen todas as loanzas. De poucos autores se pode dicir outro tanto!

Non vou contar aquí nada do que xa está tan ben contado en múltiples lugares. Os monográficos que lle dedicaron revistas como Imaginaria (extraordinario e completísimo, imprescindible a súa consulta), Babar ou CLIJ. Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil ofrecen datos, comentarios e testemuñas suficientes para quen desexe enchouparse da vida e da obra do xenial escritor. E a web de SOL (Servicio de Orientación Lectora) ofrece un completísimo comentario dos seus libros, así como unha parte final con enlaces a múltiples artigos de e sobre Gianni Rodari. Por non falar das testemuñas de tantos docentes que levan o espírito do italiano ás súas clases. A Rede ofrécenos un mundo de palabras sobre el!

Por fortuna, neste 2013 temos doado acceso á maior parte da obra de Rodari. En galego, contamos con libros seus en Kalandraka (que tamén publicou a Gramática da fantasía) e en Xerais, así como algúns títulos máis antigos en Galaxia ou en Juventud.

Como este blog é un espazo para a memoria, non reiterarei datos e citas que se poden atopar no material antedito. Rebusco por cartafoles antigos do meu disco duro, na procura dalgún resto arqueolóxico, e atopo unhas notas do ano 1989, feitas para unha sesión que Xabier P. DoCampo e mais eu desenvolvemos na Coruña, no Salón do Libro Infantil daquel ano (un Salón que organizaba o Seminario de Literatura Infantil, responsable da publicación dunha excelente revista, e que aquel ano dedicou un monográfico a Gianni Rodari).  Copio aquí algúns dos parágrafos dese vello documento, que testemuñan como foi o meu encontro coa obra de Rodari:

Os mestres e mestras que saïamos das Escolas de Maxisterio faciámolo, polo menos unha minoría bastante apreciable, cunhas ideas de base bastante claras. Tiñamos unha grande fe na capacidade transformadora da escola. Críamos que o noso traballo tiña unha fonda dimensión social. (…)

Moitos de nós eramos rodarianos sen sabelo. Algunhas das ideas de Rodari xa as atoparamos, desenvolvidas doutro xeito, en Freinet. E moitas outras, en conversas ou en lecturas ou en intuicións, que che facían explorar camiños que un non sabía ben a onde podían levar. (…)

E logo chegou o encontro cos textos de Rodari. Primeiro algúns traballos soltos, moi fermosos, en Cuadernos de Pedagogía. E logo, en 1978, saíu en Reforma de la Escuela, a Gramática de la fantasía. Este libro foi unha revelación. Imposible pensar igual, imposible ser o mesmo, imposible enfrontar as clases do mesmo xeito despois de lelo.

Decontado, puxémonos a buscar máis cousas sobre aquel home e aquela obra que sabiamos imprescindible. Xabier Sesma agasallounos a Inma e a min cun exemplar de Cuentos por telefono, que aínda conservamos con agarimo. E logo apareceron Jip en el televisor, Cuentos escritos a maquina, Cuentos para jugar… E comprobamos que Rodari nos daba a teoría e os exemplos prácticos, a súa obra teórica e as súas obras de ficción.

Na primavera de 1980 morreu Gianni Rodari. Eu, desde Mugardos, dediqueille un traballo de urxencia, que apareceu en As Roladas 2, a revista que editabamos os do MCEPG (Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega).

Ese traballo que publiquei n’As Roladas 2 heino recuperar no próximo post. Aquí remato recoñecendo con fachenda non só a influencia que Rodari tivo sobre o meu traballo nas aulas, senón tamén no meu traballo de escritor. Hai libros meus (As flores radioactivas, A escola dos piratas, Contos por palabras, Un tren cargado de misterios, A fuxida do mar…) onde é evidente esa influencia. E, aínda que en moitos outros non sexa perceptible, estou ben seguro de que as súas ideas andan por debaixo de cada unha das páxinas que escribín.Unha fortuna para min!

(“Para que ninguén sexa escravo”  ten unha continuación nestoutro post, “Gianni Rodari, unha conversa imaxinaria”)