Ademais de Perito Industrial Mecánico, Agustín Fernández Paz é Mestre e Licenciado en Ciencias da Educación. Traballou como docente durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Ademais desta dedicación á docencia, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social. Tamén tivo un papel relevante na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura (un dos textos nos que participou, Canles 5, obtivo o Premio Nacional “Emilia Pardo Bazán” para libros de texto non sexistas).
Os seus libros obtiveron numerosos premios, tanto no ámbito galego coma no español (Merlín, Lazarillo, Edebé Xuvenil, O Barco de Vapor, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas…). Foi recoñecido dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia; no 2007, pola Asociación Galega de Editores). Tamén recibiu en dúas ocasións o premio ao mellor libro de LIX do ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro O único que queda é o amor obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil que concede o Ministerio de Cultura de España. Outras obras súas foran finalistas deste mesmo premio en anos anteriores.
No ámbito internacional salientan as catro designacións, promovidas pola OEPLI, ao Astrid Lindgren Memorial Award, nos anos 2008, 2009, 2010 e 2013. O libro O único que queda é o amor foi incluído na IBBY Honour List en 2010, como ocorrera tamén con Contos por palabras en 1992 e con Aire negro en 2002. Esta última novela, Aire negro, foi incluída así mesmo no Catálogo White Ravens da International Youth Library de Múnic en 2001, un recoñecemento que tamén acadou O meu nome é Skywalker en 2004.