O autobús de Rosa
El autobús de Rosa (Fabrizio Silei e Maurizio A. C. Quarello, 2011)
De vivir, Rosa Parks faría hoxe os cen anos.
A fotografía que encabeza este post ten xa un alcance universal. E a muller que aparece sentada en primeiro plano, ollando para o exterior a través dunha xanela do autobús, xa se converteu nun símbolo, nun exemplo de actitude ante a vida para moitas persoas, entre as que me conto desde hai ben de tempo. O seu nome é Rosa Parks e, de vivir, hoxe faría cen anos, pois naceu o 4 de febreiro de 1913.
Rosa Parks tiña corenta e dous anos en 1955 e residía en Montgomery (Alabama), onde traballaba de costureira. O día 1 de decembro dese ano, esta muller negouse a lle ceder o seu asento a un home branco que ía de pé no mesmo autobús ca ela, o que motivou que fose encarcerada baixo a acusación de “perturbar a orde”. Eran os anos en que as vergoñentas leis de segregación racial, das que tanto sabemos a través de libros e películas, estaban plenamente vixentes nunha boa parte dos EE. UU.
A negativa de Rosa Parks, un sinxelo acto de dignidade individual, tivo un papel moi relevante na consolidación do Movemento polos Dereitos Civís nos EE. UU., unha reivindicación de longo alento dirixida a rematar coa discriminación racial.
Hai unha película, The Rosa Parks History, baseada na biografía desta muller exemplar. Pódese ver en oito partes en Youtube. Velaquí a secuencia en que se recrea o conflito no autobús:
Rosa Parks e o Movemento polo Dereitos Civís.
É moita a documentación que podemos atopar na Rede, tanto escrita como audiovisual. A súa lectura axúdanos a entender mellor o difícil contexto na Alabama dos anos cincuenta (como non lembrar aquí a película de Alan Parker!) e o que significou a negativa de Rosa Parks na formación da resistencia e mobilización da poboación negra.
“Estaba farta de ceder e ceder”, escribiu na súa autobiografía. Non aceptaba, por dicilo con palabras da nosa Rosalía de Castro, “ser estranxeira na súa patria”. Negouse a ser cidadá de segunda: quería ter os mesmos dereitos que os brancos e manter intacta a súa dignidade persoal. A de Rosa Parks foi unha lección de vida imposible de esquecer.
Sobre este acto de dignidade e rebeldía de Rosa Parks, Martin Luther King, rememorando o sucedido aqueles días, escribiu:
Sentín algo que me dicía: «Quen acepta o mal pasivamente está tan mesturado con el coma o que axuda a perpetralo. Quen acepta o mal sen protestar, realmente está cooperando con el. Cando as xentes oprimidas aceptan con gusto a súa opresión, só serven para darlle ao opresor a xustificación dos seus actos. (…) Un home recto non tiña outra alternativa que negarse a cooperar cun sistema inxusto. Sentín que esa era a natureza da nosa acción. Desde ese momento concibín o noso movemento como un acto de non-cooperación masiva. Desde aquela raramente empreguei a palabra boicot.»
“El autobús de Rosa”
Este álbum, publicado por Barbara Fiore Editora en 2011 é obra dos italianos Fabrizio Silei e Maurizio A. C. Quarello. O meu exemplar merqueino en decembro dese ano, na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), e lino no meu cuarto do hotel aquela mesma noite. Trátase dun álbum exemplar que, coma tantos outros, perderán aquelas persoas que aínda minusvaloran os libros dirixidos á infancia e á adolescencia. Por certo, no blog Trafegando Ronseis xa lle dedicaron hai tempo merecidas loanzas.
A historia que conta é unha lección de vida. Un avó viaxa co seu neto hasta Detroit para ensinarlle o histórico autobús en que sucedeu o incidente protagonizado por Rosa Parks. As razóns desta viaxe non son para contar aquí, que o álbum garda unha sorpresa final. Mais si direi que se trata dun libro que paga moito a pena ler, ideal para introducirnos no que significou o Movemento polos Dereitos Civis nas décadas dos cincuenta e sesenta.
Unha foto histórica
A fotografía que abre o post fíxose un ano despois da detención de Rosa Parks. Foi o 21 de decembro de 1956, día en que o Tribunal Supremo dos EE. UU. declarou ilegal a segregación establecida no sistema de autobuses de Montgomery. O home que senta detrás dela é Nicholas C. Chriss, un xornalista da United Press International que a acompañou naquela xornada.
Esta foto foi utilizada en moitas ocasións para exemplificar a idea da non violencia activa, para afirmar que na vida de calquera persoa a dignidade está por riba das leis inxustas e que é necesario contribuír a cambialas mediante unha resistencia non violenta. Nun dos meus últimos libros, Non hai noite tan longa, empregueina como a imaxe de portada. E non dun xeito gratuíto, senón porque garda unha relación esencial co seu contido.
A figura de Rosa Parks non fai máis que medrar co paso do tempo. Existe un Rosa Parks Museum, que recrea e contextualiza a súa vida. E o autobús onde sucederon os feitos aínda é hoxe un símbolo poderoso dunha loita histórica.