Lembranza de The Mamas & The Papas
Na foto, os membros de The Mamas & The Papas.
De esquerda a dereita, Denny Doherty, Cass Elliot, Michelle Phillips e John Phillips,
o líder do grupo e compositor de moitas das cancións.
Creo que foi no ano 1966 cando escoitei por vez primeira, a través da radio, as dúas cancións coas que The Mamas & The Papas se deron a coñecer en España. A finais do verán dese mesmo ano puiden mercar o single que as contiña: Monday, Monday e California dreamin’. A esas alturas, Monday, Monday xa soaba en múltiples emisoras, pois foi unha canción que se fixo moi popular.
Desde aquel primeiro disco, quedaron engadidos ao meu listado de grupos preferidos. Estaban encadrados no que se deu en chamar o folk-rock, a carón doutros grupos e cantantes que tiñan como centro a cidade de Los Ángeles (The Byrds, Scott McKenzie, The Young Rascals…), onde xa estaban consolidados outros grupos importantes como The Beach Boys. A The Mamas & The Papas asocióuselles co movemento hippie, que naceu por aqueles anos.
Foi un grupo que non durou moito. Gravaron o primeiro disco en 1965 e o derradeiro, en 1968. Logo cada un seguiu a súa carreira en solitario. Mais deixáronnos cancións memorables, como as dúas do primeiro single e outras como este fermosísimo “Dedicated to the one I love“, onde brilla especialmente a súa mestría nas harmonías vocais.
Velaquí a canción “Monday, Monday”, nunha actuación en directo de The Mamas & The Papas:
Esta é outra versión da mesma canción, gravada en directo no Festival de Monterey (California), en xuño de 1967. Ten a peculiaridade de que, ao primeiro, os membros do grupo vanse presentando ao público.
Neste derradeiro vídeo, The Mamas & The Papas cantan “California Dreamin'”, tamén en directo, en Los Angeles, California (decembro de 1965). A revista Rolling Stones cualificouna como unha das mellores 500 cancións da historia.
Non preciso dicir que, malia a súa desaparición, quedaron os seus discos. Unha ampla recompilación do seu traballo aínda se escoita ben de veces na miña casa. Seguro que pasa o mesmo nas de tantas persoas que viviron aqueles anos finais da década dos sesenta.