Intencións
Si, comezarei coas intencións, a semellanza da travesía que Manuel Antonio inicia en De catro a catro.
Estreo hoxe este blog, tan a destempo, cando a febre dos blogs xa remitiu hai ben meses e moitos dos que eu seguía foron pechando os seus espazos. Hainos que se manteñen vizosos, e tamén eu continúo a visitalos a diario, pois son referencias imprescindibles.
Tería pouco sentido meterse por camiños que outros percorren de xeito admirable. Xa que logo, este blog pretende algo moito máis simple, anunciado no seu título: Un lector. Nel escribirei sobre o único que me apetece contar: os libros que lin, os cómics cos que tanto gocei, as películas que me fascinaron ou as cancións da miña memoria sentimental. En resumo: as historias que me axudaron a vivir.
Mais, como se verá nas seguintes entradas, non pretendo facer unha achega rigorosa a eses materiais, non haberá aquí análises nin críticas que tenten desvelar a súa riqueza. Os meus textos van ser moito máis lixeiros.
O que quero contar son os momentos da miña vida en que cheguei a ese libro, a esa película, a ese tebeo… e as lembranzas que conservo deles. E facelo con subxectividade e sinxeleza. Deixándome levar polas reviravoltas da memoria, sen outra orde cronolóxica que a ditada polo azar. Un lector, sen máis.