Chove pra que eu soñe…

(A foto inicial está tomada da web http://www.fondos7.net/)

(O verso que dá título a esta entrada é dun poema de Os Eidos, de Uxío Novoneyra)

Ben sabemos que este foi un inverno mollado. Coa chegada do Nadal, cada día semellaba que desde o Atlántico algún deus amosaba a súa querenza por un novo dioivo universal. Aínda bo foi que este marzo nos deu unha tregua, non sabemos por canto tempo.

Non é nada estraño que a nosa lingua teña unha chea de palabras para designar a chuvia. Dis que arredor de cen, se habemos crer a quen entenden disto (paga a pena escoitar este audio).

E tampouco é nada raro que na literatura de noso chova de xeito persistente, especialmente na poesía. Hai uns días, cando aínda tiñamos a auga como compañeira cotiá, ocorréuseme buscar poemas onde a chuvia tivese un papel destacado. Desbotei, xaora, os poemas onde houbese algún verso referido á chuvia (coma tal, “Chove, chove, na casa do probe / e no meu corazón tamén chove”, de Celso Emilio Ferreiro), porque entón serían necesarios varios volumes para recollelos todos.

Axiña parei de buscar. Porque en pouco tempo, só cos que me viñan espontaneamente á cabeza, xa reunín os suficientes para ilustrar esta entrada. Non digo nada se chego a buscar en serio! Velaquí están algúns.

Rosalía de Castro

Comezarei pola autora que, conforme pasan os anos, parece que nos ten máis cousas que dicir, un privilexio dos clásicos, se habemos crer a Italo Calvino. Falo, home non, de Rosalía de Castro. “Como chove miudiño”, o poema 32 de Cantares Gallegos pode servirnos de exemplo:

(“Como chove miudiño, na voz de Amancio Prada)

(“Como chove miudiño”, na versión de a CadaCanto, no disco A Rosa d’Adina)

Manuel María e Manuel Antonio

Mais tamén temos exemplos no admirado Manuel María, que incluía en Terra Chá este poema: 

CHOIVA
Cae a auga na Chaira
soio polo gusto
de pegarlle na cara.
A Chaira sofre e cala.

Atopamos tamén poemas de chuvia en Manuel Antonio. De Sempre e máis despois, copio este díptico:

CHOVE NA CIDADE
Chove de noite na cidade
Chove de noite na Cidade Vella.
Na Cidade vella torta e sombriza
chove unha donda
cadea de eternidade.
Pra que os canos choren
por Sempre e máis Despois
chove na Cidade.

CHOVE NA ALDEA
Chove ó serán na Aldea
Chove ó serán na Aldea vella.
Na Aldea vella doída e esquencida
chove unha donda
eterna cadea.
Pra que as ponlas das árbores choren
por Sempre e máis Despois
chove na Aldea.

Uxío Novoneyra

Se reparamos na obra de Uxío Novoneyra, tan ligada ás terras frías do Courel, atopamos tantos poemas dedicados á chuvia que sería complicado reproducilos todos. Velaquí unha mostra de tres deles, do seu libro Os Eidos:

TRONOU ventou e choveo.
Bicouse a terra co ceo.
A noite que onte caíu
sólo foi pra quen’a oíu.
Ameteu o río. Ameteron as fontes
i os fontegallos dos montes.
Naz’a a auga a golfarón.
Regan os prados a cachón.

 

CHOVE no monte e nas viñas.
Envolca a auga en regueiras
i ailí onde caen as beiras
baila muiñeiras miudiñas…

 

CHOVE xunto e miudo…
Como siga unhos días este tempo
vai dar gusto
ver cubertas de mofo as penas
as paredes vellas
as ourelas dos ríos
i as presas
as estoldas dos muíños
os teitos
os castiñeiros xa sin folla
i as árbores todas.

Antonio García Teijeiro

E tamén temos nesta escolma a Antonio García Teijeiro, que xa non é que escribise poemas á chuvia. Dedicoulle ademais un libro enteiro, Chove nos versos, con ilustracións magníficas de Lázaro Enríquez. Dese libro, reproduzo este  breve poema:

A choiva peitea
as ondas do mar
con peites de escuma
e bicos de sal
e pousa os orballos
na face do mar.

 

E tamén García Lorca

Na obra de García Lorca tamén hai poemas dedicados á chuvia, como o que podemos ler aquí. Para nós teñen singular importancia os Seis poemas galegos. Deles, saliento o coñecido “Chove en Santiago”, na fermosa versión de Luar na Lubre:

E poderiamos seguir…

Poderiamos seguir, xaora, non só con poesías galegas. Unha sinxela procura na Rede, descóbrenos outros fermosos textos. Coma tal, este soneto de Jorge Luis Borges:

LA LLUVIA
Bruscamente la tarde se ha aclarado
Porque ya cae la lluvia minuciosa.
Cae o cayó. La lluvia es una cosa
Que sin duda sucede en el pasado.

Quien la oye caer ha recobrado
El tiempo en que la suerte venturosa
Le reveló una flor llamada rosa
Y el curioso color del colorado.

Esta lluvia que ciega los cristales
Alegrará en perdidos arrabales
Las negras uvas de una parra en cierto

Patio que ya no existe. La mojada
Tarde me trae la voz, la voz deseada,
De mi padre que vuelve y que no ha muerto

Outros (de Pablo Neruda, de Alfonsina Storni, de Jacques Prevert, etc) podemos lelos aquí. E aínda temos algúns máis, entre eles un magnífico de Raúl González Tuñón, nestoutra páxina.

Para finalizar, unha marabilla:

E, para poñerlle o ramo a esta entrada, velaquí a fermosa canción “Chuva”, de Joao Bosco e Vinícius: