Contos mínimos (7)
DÚAS VIDAS
1
Aquela tarde, ao contemplar os ollos de Ana, alcanzou a ver neles unha mestura de xenreira e de tristeza na que nunca reparara. Comprendeu daquela que a súa vida en común fora un fracaso e que xa non lle quedaban máscaras para continuar coa simulación durante máis tempo.
2
Aquela tarde, Ana observou que o seu marido a ollaba dun xeito estraño, moi distinto da mirada tenra e cómplice á que ela estaba afeita. Comprendeu entón que aqueles ollos se volveran transparentes e permitían albiscar unha casca baleira e seca no lugar onde, noutro tempo, medraban vizosas as ganas de vivir.