Carta a unha mestra
Carta a una maestra. Alumnos de la escuela de Barbiana. Nova Terra, 1970
Lin este libro na Coruña, no ano 1972. Tras regresar de Barcelona, estaba facendo os estudos de mestre na Escola de Maxisterio. Entre algúns e algunhas de nós, circulaban unha serie de libros que non tiña nada que ver co que dabamos nas clases. En España agromaba unha nova conciencia sobre a escola e o traballo de educar; nós participabamos dela, e había uns poucos libros que a alimentaban. Lembro, tal como me veñen á memoria, títulos como Pedagogía del oprimido (Paulo Freire), La escuela ha muerto (Everett Reimer), Los métodos naturales (Célestin Freinet), algúns de Jean Piaget e outros que desenvolvían as teorías desescolarizadoras de Ivan Illich e experiencias coma a de Summerhill ou os traballos do Movimento di Cooperazione Educativa (MCE) italiano.
Entre aqueles libros que liamos e discutiamos con paixón, había un de redacción moi sinxela que conseguiu remexernos por dentro e, no meu caso, influíu intensamente no xeito de entender o labor dun mestre. Chamábase Carta a una maestra e estaba escrito por oito mozos dunha escola unitaria italiana, a de Barbiana, unha aldea de montaña da diocese de Florencia. Quen promovera a súa escrita fora un cura, Lorenzo Milani, destinado alí como párroco e que dedicou os seus esforzos a lles dar clase aos nenos da aldea. O libro publicouse en 1967, e a editorial Nova Terra, de orientación relixiosa progresista, traduciuno ao castelán en 1970. Esa primeira edición é a que merquei e a que conservo coma ouro en pano. Sei que houbo ben edicións posteriores, mais descoñezo se segue comercialmente vivo.
A realidade que o libro denunciaba era a da Italia dos anos sesenta. Mais nós sabiamos que tamén nos servía para a realidade galega, pois do que falaba era dun sistema educativo que deixaba fóra unha boa parte do alumnado, cun sistema de selección baseado nos exames e nas notas. Un sistema que «segregaba e reproducía», por dicilo cos termos que logo definiu o sociólogo Pierre Bordieu.
Abro o libro e, no seu interior, bato cunhas follas escritas na caligrafía minúscula que eu tiña daquela; as follas onde hai algo máis de corenta anos fun anotando as reflexións que me provocaba a lectura, así como algunhas citas textuais, entre as que están estas que copio aquí:
Vós dicides que suspendedes só os cretinos e os apáticos. Daquela, sostedes que Deus fai nacer os cretinos e os apáticos na casa dos pobres. Mais Deus non comete estes desaires co pobres. É máis probable que sexades vós quen os cometedes.
Coñecer os fillos dos pobres e amar a política é todo un. Non é posible amar a criaturas marcadas por leis inxustas, e non desexar leis mellores (…) E nestes tempos, ¿como queredes amar, se non é coa política, ou co sindicato, ou coa escola? Xa non é o tempo das esmolas, senón o das opcións.
28 apolíticos + 3 fascistas = 31 fascistas.
O profesor apolítico pasa a ser un dos 411.000 parvos útiles que o amo armou con actas e carnés de notas.
A auténtica cultura consiste en dúas cousas: pertencer á masa e dominar a linguaxe. Unha escola que selecciona, destrúe a cultura. Aos pobres, prívaos do medio de expresión. Aos ricos, prívaos do coñecemento das cousas.
«Os custodios do facho apagado.» Cantas veces non reflexionei sobre esta definición dos ensinantes que facían no libro! Os mestres e mestras que naqueles anos soñabamos con cambiar o mundo desde as aulas debémoslle moito a Carta a una maestra; un libro que, á vista do retroceso que se está a perpetrar no noso sistema educativo, volve cobrar amarga actualidade. Que ben o soubo reflectir EL ROTO na viñeta publicada en EL PAÍS do pasado 26 de outubro!