Agustín Fernández Paz obtén o Premio “Facer País – Ramón Piñeiro”
O escritor vén de ser recoñecido coa XI edición do Premio “Facer País- Ramón Piñeiro”, organizado pola Asociación Cultural “Val de Láncara”, que cada ano elixe unha persoa ou entidade que desenvolveran un labor relevante para o país.
O xurado valorou en Fernández Paz, ademais da súa recoñecida traxectoria literaria e o seu papel na renovación pedagóxica, o seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”.
O premio foi creado na memoria de Ramón Piñeiro, natural de Láncara. Nas anteriores edicións destacou o labor desenvolvido por Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini e Mero.