A Biblioteca do IES de Ponteareas leva o nome de AFP
O vindeiro día 7 de novembro, Agustín Fernández Paz visitará a Biblioteca do IES de Ponteareas, que leva o seu nome desde o mes de xuño, e manterá unha conversa co alumnado do Club de Lectura arredor de tres dos seus libros: Contos por palabras, O único que queda é o amor e As fronteiras do medo .
O instituto de Ponteareas é o terceiro centro educativo que lle pon o nome de AFP á súa biblioteca. Antes fixérono o IES Auga da Laxe de Gondomar, no ano 2007, un centro co que o escritor mantén unha colaboración permanente, e, no ano 2009, o CEIP A Maía, de Bertamiráns-Ames.
Do Manifesto para o Día das Bibliotecas, que Fernández Paz escribiu no ano 2008, reprodúcese aquí o parágrafo final:
ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.