Fahrenheit 451: a película
Fahrenheit 451 (1966) de François Truffaut
Na entrada anterior, escribín sobre a novela de Ray Bradbury. Na da hoxe, tentarei achegarme ao filme que François Truffaut fixo en 1966 a partir do texto de Bradbury.
François Truffaut é un dos máis destacados membros do que se chamou a nouvelle vague, un movemento que revolucionou a linguaxe cinematográfica, primeiro co seu labor crítico a través da revista Cahiers du Cinema e máis tarde coas súas películas. Dese grupo saíron algúns dos grandes nomes do cine francés e mundial da segunda metade do século XX: Jean Luc Godard, Louis Malle, Claude Chabrol, Eric Rhomer ou Jacques Rivette, ademais do propio Truffaut. Os da nouvelle vague opoñíanse ao cine que eles chamaban “dos vellos” e partían dun postulados que están moi ben recollidos neste documental:
(A segunda parte deste documental sobre a nouvelle vague pode verse aquí)
Dos filmes destes directores, os que viviamos en España só puidemos coñecer os escasos títulos que a censura deixaba pasar. Algúns estreáronse no cine comercial, outros circularon polas salas de “arte e ensaio” e uns poucos máis polos circuítos dos cineclubs. Ese foi o meu caso, polo menos. Dos restantes (case todos os de Godard, por exemplo) tiven que me conformar coas completas análises, acompañadas de ben fotogramas, que lía na revista Film Ideal.
De Truffaut puiden ver sen problemas unha boa parte do seu cine, aínda que películas como Jules et Jim só circularon no ámbito restrinxido do “arte e ensaio”. Fahrenheit 451, que era a súa quinta película (antes xa fixera marabillas como Os catrocentos golpes ou Jules et Jim), estreouse sen problemas en 1966, o mesmo ano en que se realizou. De todo o grupo da nouvelle vague, Truffaut era o meu realizador favorito. Velaquí unha moi boa introdución ás súas películas:
Non lembro onde a vin por vez primeira, seguramente en Xixón. O que si sei é que en anos posteriores tiven a fortuna de vela varias veces máis, en cines de reestrea ou nalgunha sesión de cineclub (mesmo me tocou facer a presentación dela, nun ciclo que se proxectou na sala da Compañía de María, na Coruña). Nos últimos tempos, grazas ao DVD, puiden vela algunha vez máis, na súa versión orixinal, que nos permite recuperar as voces de Oskar Werner e Julie Christie, os dous actores principais. E recuperar tamén os créditos iniciais, resoltos sen ningunha palabra na pantalla, en coherencia coa sociedade sen textos que se nos vai presentar.
Non é nada estraño que Truffaut reparase no libro de Bradbury, por razóns que el mesmo explica:
Filmes-libros, libros-filmes, tal é a engranaxe da miña vida, xa que o meu amor xemelgo polos libros e polos filmes me levou a rodar Jules et Jim, homenaxe a un libro en particular, e tamén Fahrenheit 451, que os engloba a todos.
O paso dos anos nótaselle á película só no superficial, como son os elementos externos da sociedade futura onde suceden os feitos, moi superados polo que existe na actualidade (coma tal, as pantallas da televisión nas paredes). Acertadamente, Truffaut prescinde dalgúns deses elementos presentes na novela (coma tal, o Sabuxo Mecánico) para centrarse no esencial: a figura de Montag, o personaxe protagonista, e a súa toma de conciencia, iniciada grazas á relación con Clarisse, a desconcertante veciña que lle cuestiona os seus principios máis básicos. As conversas con ela, así como as que mantén con Beatty, o seu xefe, son esenciais no desenvolvemento da historia.
Así, do Montag fiel cumpridor do labor represivo que como bombeiro lle corresponde cumprir pasamos ao Montag que descobre a fascinación da lectura e dos libros (‹sinto que detrás de cada libro hai unha persoa que me fala›). Rouba algúns exemplares en cada unha das queimas de libros nas que participa e acaba por cuestionar o seu traballo e o modelo de sociedade. Convértese nunha persoa subversiva, perseguida polos que foron os seus compañeiros, que para salvar a vida debe fuxir e internarse no máis profundo dos bosques, tal como lle indicara a veciña.
Alí descobre que non está só, que aquel é o “bosque das persoas-libro”, onde vive unha comunidade de persoas obstinadas na transmisión oral das grandes obras da humanidade. Esa é a comunidade na que se acabará integrando Montag.
Trátase dun filme admirable, que recolle o esencial do texto de Bradbury, tal como podemos ver no vídeo anterior. Tanto a novela como a película, malia os anos transcorridos desde a súa creación, teñen moito que nos dicir ás persoas destes primeiros anos do século XXI. A defensa da lectura e da creación, o papel esencial do lector, a importancia da arte e de todo o que convencionalmente chamamos “as humanidades”… E, xaora, o perigo que supón calquera goberno que tente condicionar e restrinxir a liberdade das persoas, ben sexa con métodos violentos ou persuasivos. Na España de 2014, sobran exemplos para ilustrar estes métodos.