Contra a violencia e a inxustiza
Hoxe, día 30 de xaneiro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Paz e Non Violencia, conmemorando a data do pasamento de Mahatma Gandhi.
Esta conmemoración coincide no tempo coa proliferación de noticias que camiñan en dirección contraria: desde a colocación das infames “concertinas” nos valados de Ceuta e Melilla ata o brutal incremento da desigualdade na nosa sociedade, unha desigualdade que ameaza a convivencia democrática. Medran os muros, os físicos e, sobre todo, os invisibles.
Sobre fronteiras visibles e invisibles escribín hai 5 anos un libro, Valados, que ilustrou Xan López Domínguez e publicou Edicións Xerais. Unha historia que pode lerse tamén en castelán, catalán e italiano. Posteriormente, o grupo Artestudio Teatro fixo unha fermosa adaptación que se puido ver en moitas vilas e cidades de Galicia:
E todo isto fíxome lembrar que, para a presentación de Valados en Vigo, David Rodríguez e mais eu elaboramos un Power Point que só puideron ver as persoas que asistiron a ela. Unha mágoa, porque creo que ofrece unha boa información e ten valor didáctico de seu. Por desgraza, a súa actualidade é hoxe aínda maior que hai cinco anos.
O que non puiden poñer é a música que tiña de fondo, e ben que o sinto. Mais, aínda sen son, creo que paga a pena reproducilo aquí:
Descargar presentación de Valados (pdf)
Descargar presentación de Valados (Power Point)