Josep Coll: unha reivindicación
De Coll a Coll (1984), de Josep Coll i Coll
(Todas as imaxes desta anotación son obra de Josep Coll, a maioría publicadas na revista TBO)
Nun libro meu publicado non hai moito, O rastro que deixamos, dedícolle ben de páxinas aos tebeos que tanto marcaron a miña infancia. Desas páxinas reproduzo aquí unhas poucas liñas:
O cine dos pobres ou os heroes de papel, téñenlles chamado os teóricos que estudarían o fenómeno algunhas décadas máis tarde. A ración de fantasía, de aventura, de humor, nuns tempos duros como foron os anos cincuenta. (…) Para nós non eran cómics, nin banda deseñada, nin narrativa debuxada, nin sequera historietas. Chamabámoslles tebeos ou contos: de guerra, de risa ou de amor e de fadas, segundo a clasificación informal que usabamos. (…)
Malia non haber a ampla variedade dos de aventuras, tamén contabamos cunha oferta variada de tebeos de humor. Mais os que mercabamos e liamos con entusiasmo eran só uns poucos: o Pulgarcito, o DDT, o Tío Vivo e o TBO. Tamén liamos outros, como Jaimito ou Pumby, ben menos atractivos.
Nos tres primeiros traballaban a maioría dos autores inesquecibles daquela época, o corazón creativo da editorial Bruguera: Escobar (Carpanta, Zipi y Zape, Petra, criada para todo), Peñarroya (Don Pío, Gordito Relleno), Vázquez (Las hermanas Gilda, La familia Cebolleta, Anacleto, agente secreto), Jorge (Doña Urraca) ou Cifré (El repórter Tribulete). Os seus personaxes pasaron a formar parte da vida cotiá, e na casa comentábanse as súas andainas coma se fosen as de persoas próximas. Axudaba a esta identificación o feito de que nas súas historias se reflectían moitas das miserias da sociedade española da época.
Tamén no TBO apareceron series inesquecibles, desde La familia Ulises, de Benejam, ata Los grandes inventos del TBO, obra de diversos autores, pasando polas achegas de Coll, un humorista excepcional.
Pois ben, de Coll, de Josep Coll i Coll (1923-1984) é de quen quero falar hoxe. Se cadra porque é o máis esquecido de toda aquela xeración, algo ben inxusto para un autor que tantos nos gustaba: un dos poucos que xustificaba gastar dúas pesetas en mercar o TBO.
O esquecemento quizais se deba a que, a diferencia dos outros autores, el non creou personaxes fixos. Gustáballe máis traballar con personaxes arquetipos (o náufrago, o ladrón, o automobilista, o explorador en África, o home da rúa…) e desenvolver con eles situacións olladas sempre cun humor branco e cun toque entre surrreal e absurdo.
Por fortuna, hai na Rede achegas moi interesantes á súa vida e ao seu traballo. Dunha das mellores, obra de Miguel Fernández Soto, reproduzo aquí estes anacos:
El estilo de Coll entra de lleno en la línea de humor blanco cultivado en el TBO, pero siempre desde una sútil ironía. Un humor eminentemente gráfico introduciendo en sus escenas de la vida corriente una ligera desviación hacia el absurdo que provoca un final inesperado y sorprendente (…)
Coll utiliza con frecuencia personajes-tipo que han llegado a caracterizar su obra: automovilistas, soldados de opereta, naúfragos, exploradores y antropófagos, cazadores de fieras vivas, médicos, ladrones y sobre todo el individuo normal, de la calle.
Sus escenas de la vida corriente nos siguen pareciendo tan frescas y vivas como cuando fueron concebidas, y es que Coll consigue imprimirles un carácter universal y atemporal, una razón más para considerarlo un clásico.
Josep Coll non tivo unha vida nada doada, mesmo traballou de albanel durante os últimos anos, tras constatar que gañaba máis que debuxando para o TBO. Nos primeiros anos oitenta, coa aparición da revista Cairo, desde a que o reivindicaron como un precedente da liña clara que defendía a revista, tivo un recoñecemento efémero. Acabou suicidándose en 1984. Os que o seguimos admirando, agardamos por ese gran álbum que recolla toda a súa obra. Ha chegar algún día, seguro.
E, como remate, velaquí o único vídeo sobre a obra de Coll que atopei na Rede: