Keep On Running
Keep On Running (The Spencer Davies Group, 1965)
Era unha tarde do mes de setembro do ano 1965 ou 66. En Vilalba, nas vacacións, xuntarámonos varios amigos na casa do Paco do Simón. O Paco tiña parentes emigrados en Francia, e trouxéranlle algúns discos dos que aquí non se atopaban. Os discos eran Eps, daqueles que tiñan catro cancións. Lembro que había un de Johnny Halliday, outro de Silvie Vartan, outro de Roberto Carlos coa canción Quero que vá tudo por inferno… Mais o que puxemos unha e outra vez, sen cansarmos de escoitalo, era un EP dun grupo do que eu nunca oíra falar: o Spencer Davies Group.
A canción destacada daquel EP era Keep On Running, que soou e soou ata que chegou a hora de marcharmos. Que marabilla! Eu daquela non sabía que, malia o nome, o auténtico líder do grupo era un mozo de dezaseis anos dotado dunha voz que lembraba a dos cantantes negros de soul: Steve Winwood.
O grupo tivo outros éxitos, como Somebody Help Me e, sobre todo, Gimme Some Lovin’, unha canción irresistible. Duraron pouco xuntos, porque Steve axiña marchou para formar Traffic. E, despois de seis ou sete discos magníficos, Steve Winwood formou con Eric Clapton aquel grupo fugaz, Blind Faith, que só gravou un disco (memorable, e cunha portada polémica) no ano 1969. De alí en diante seguiu en solitario, ata a actualidade.
Dentro de nada, a canción fará os cincuenta anos. Nunca cansei de escoitala. E, aínda hoxe, póñoa de cando en vez, para revivir a emoción daquela tarde da miña mocidade.