Un book trailer que veu de lonxe
Hai xa algunhas semanas, chegáronme á casa os exemplares da edición coreana d‘O único que queda é o amor, o libro de relatos que publiquei no 2007. E hai uns días chegoume tamén un enlace co vídeo promocional que preparou a editorial Booklight.
Trátase dun vídeo moi sinxelo, que se abre coa cita inicial do libro, tomada da novela Neve de Orhan Pamuk: «E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor.» Despois da cita, aparecen diversas fotografías que sinalan a presencia do amor ao longo da vida das persoas, o tema que enfía os diversos relatos, para rematar coa portada do libro.
Ben sei que, se lle fago caso ás intencións iniciais, este blog non é o lugar para poñelo. Mais é o primeiro book trailer que lle fan a algún libro meu, así que agardo que se me desculpe esta excepción.
(A imaxe principal desta entrada é un fragmento dunha das ilustracións que Pablo Auladell fixo para O único que queda é o amor.)