As bruxas de Roald Dahl

(A imaxe é un dos fotogramas da película The Witches, Nicholas Roeg, 1990)

As bruxas (Roald Dahl. Xerais, 2006)

Roald Dahl: un mestre

Para quen isto escribe, falar de Roald Dahl é cousa seria. Teño repetido ben de veces que o escritor galés é un dos meus mestres neste oficio da escrita. Non lle chego á altura dos xeonllos, xaora, mais Roald Dahl foi un dos autores (xa haberá ocasión de falarmos doutros, e doutras) que, nos anos oitenta, me descubriu que existía unha literatura infantil moi distinta das concepcións estereotipadas dominantes.

Cando lin ademais os seus libros considerados «para adultos», descubrín que había unha continuidade entre uns e outros (que grande, «Pracer de clérigo«!). E iso axudoume a entender que as fronteiras entre as dúas literaturas, se é que as había, eran difusas e portátiles. E que un libro infantil, se era bo, tiña que resultarlle atractivo tamén a un lector adulto. Hai na Rede traballo magníficos sobre Dahl, dos que saliento aquí esta páxina feita polo IES A Xunqueira 1 de Pontevedra.

Non preciso reivindicar aquí a obra de Roald Dahl, moi coñecida e divulgada, e máis desde a adaptación ao cine dalgún dos seus libros máis populares. Somos moitas as persoas, pequenas e grandes, que gozamos coas súas historias.

Entre os meus preferidos, están títulos como Matilda, Charlie e a fábrica de chocolate ou Boy. Relatos de infancia. Calquera deles podería ser o pretexto para falarmos de Roald Dahl neste blog. Mais tamén é certo que sinto unha especial querenza por As bruxas, unha novela que o autor escribiu en 1983 (Charlie e a fábrica de chocolate é de 1964 , e Matilda, de 1988). Un libro que lin e relín na edición de Alfaguara e que volvín ler e reler cando Edicións Xerais publicou a tradución ao galego. As dúas coas ilustracións de Quentin Blake, compañeiro de Roald Dahl en moitos dos seus libros.

Unhas bruxas mi modernas

Son moitas as virtudes desta irreverente e espléndida novela. Como afirma Blasina Cantizano, «As bruxas é unha historia intelixente, divertida e sorprendente que se move entre dous planos ben distintos: unha trama clásica de bruxas malvadas e unha historia fantástica de maxia e de acción do máis actual. (…) Dahl combina tradición e innovación nunha historia brillante, ocorrente e moi divertida que fai a ledicia de lectores de calquera idade, época ou lugar». Con todo, non podemos esquecer que tamén houbo voces que criticaban a presunta misoxinia da historia.

Da trama de As bruxas só contarei aquí o inicio; non lles quero estragar o libro ás persoas que, se cadra porque está nunha colección infantil, aínda non tiveron a fortuna de lelo.

A novela está narrada en primeira persoa. O neno protagonista, do que nunca sabemos o nome, perde os seus pais nun accidente e ten que ir vivir coa súa avoa materna, que reside en Noruega. No testamento, os pais do neno pedían que, se lles sucedía algo, a avoa e mais el marchasen a vivir na casa de Inglaterra. Así o fan, mais de camiño, para descansar uns días, paran nun hotel da vila de Bournemouth. Nese hotel, vaise celebrar a convención anual das Damas da Real Sociedade para a Prevención da Crueldade cos Nenos; en realidade, é unha tapadeira da convención de Bruxas de Inglaterra, que se propoñen acabar de vez con todos os nenos e nenas do país. Contar algo máis, xa sería estragar a lectura.

Uns personaxes inesquecibles

Unha das grandes virtudes desta novela é o conxunto de personaxes creados por Roald Dahl. A avoa do neno, que fuma puros e ten ideas sobre a vida moi pouco convencionais, destaca por riba dos outros. Un dos diálogos memorables dos moitos que contén o libro creo que é suficiente para ofrecer un bo retrato dela:
(…)
—¿En que outras cousas teño que fixarme para recoñecer unha bruxa? –preguntei eu.
—Fíxate nos buratos do nariz –dixo a miña avoa–. As bruxas teñen os buratos do nariz un pouquiño máis grandes cás persoas normais. O bordo de cada burato do nariz é rosado e curvo, coma o bordo dalgunhas cunchas mariñas.
—¿Por que teñen os buratos do nariz tan grandes? –preguntei eu.
—Para ulir mellor. Unha BRUXA VERDADEIRA ten os máis asombrosos poderes de olfacto. Mesmo pode ulir un neno que está na outra beira da rúa nunha noite negra coma a brea.
—A min non podería ulirme –dixen eu–. Acabo de bañarme…

—Claro que podería –dixo a miña avoa–. Canto máis limpo esteas máis oloroso es para unha bruxa.
—Iso non pode ser certo –dixen eu.
—Un neno completamente limpo despide o máis arrepiante fedor para unha bruxa –dixo a miña avoa–. Canto máis sucio esteas, menos ulirás.
—Pero iso non ten sentido, avoa.
—Claro que o ten –dixo a miña avoa–. Non é a sucidade o que a bruxa ole. É a ti. O olor que volve tola a unha bruxa sae da túa pel. Vén zumegando da túa pel en ondas, e esas ondas, ondas fétidas chámanlles as bruxas, van flotando polo aire e dan na bruxa coma unha labazada, xusto no nariz. E fainas bambear.
—Eh, agarda un momento, avoa…
—Non me interrompas. A cuestión é esta. Cando non te lavas durante unha semana, a túa pel está toda cuberta pola sucidade, entón está claro que as ondas fétidas que desprende a túa pel non poden saír zumegando tan forte.
—Non me volverei bañar xamais –dixen eu.
—Abonda con que non te bañes moi a miúdo –dixo a miña avoa–. Unha vez ó mes é abondo para un neno sensato.
Era en momentos coma este cando eu máis quería á miña avoa. (…)

O outro personaxe antagonista, tamén inesquecible, é a Gran Bruxa, ben máis malvada e arteira ca todas as que andan polos contos dos Grimm e por outros relatos marabillosos. E, xaora, o neno protagonista, vítima permanente dun dos sortilexios da Bruxa, pois o remate deste libro afástase moito do clásico final feliz.

Sobre este libro fíxose unha película, que en España se chamou La maldición de las brujas (The Witches, Nicholas Roeg, 1990), con Anjélica Huston interpretando a Bruxa Maior. Malia recoller ben a historia, non ten a forza corrosiva e humorística do texto de Roald Dahl. E contén algunha secuencia curiosa, como esta que nos lembra a que Einsestein rodou nas escaleiras de Odessa en O acoraizado Potemkin.

A infancia segundo Roald Dahl

«Considero que os nenos son seres semi-civilizados. Ao naceren están por civilizar, cando chegan aos 12 ou 15 anos xa se lles ensinaron modais: a non comer cos dedos, a ser limpos, a vestirse axeitadamente. Unha chea de cousas que en realidade non queren facer, que non lles gustan. Subconscientemente, os nenos odian ser civilizados. E a xente que os obriga a facer esas cousas que non lles gustan son os pais. Sobre todo a nai. Máis adiante son os pais e os mestres. Aos nenos non lles gustan estes adultos e eu uso isto en moitos dos meus libros. Trátase de deixar en ridículo os adultos, sabe vostede? É algo inofensivo mais aos nenos encántalles.»

(Booktrailer sobre As Bruxas, realizado polo alumnado dunha escola de Buenos Aires)