A Casa Pequena, no país de Arnoia
(Todos os collages que aparecen nesta entrada son da autoria de Pepe Barro)
Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín (Edicións Xerais, 1985)
Lembro ben a primeira vez que lin Arnoia, Arnoia, ese lóstrego fascinante que iluminou o ceo de 1985. Daquela, a literatura xuvenil aínda padecía moitos dos prexuízos que logo foi conseguindo vencer (outros aínda seguen aí, teimudos). Que Xosé Luís Méndez Ferrín, o autor de Percival, Crónica de nós ou Amor de Artur, escribise unha novela que se dirixía principalmente aos lectores mozos, sen rebaixar para nada o alto nivel de calidade dos seus libros anteriores, foi unha gozosa sorpresa. Ademais, Edicións Xerais fixo unha edición do libro insólita no noso contexto, cunha alta calidade material e de deseño, que se completaba cuns arriscados e suxestivos collages, da autoría de Pepe Barro. Foi unha festa, ler aquela marabilla.
De feito, o meu aprecio por este libro levoume a incluílo na miña novela Aire negro, onde xoga un papel de certa relevancia na relación entre a protagonista, Laura Novo, e Carlos, o profesor de Historia do que ela andaba namorada.
En 1988 escribín un breve libro titulado 28 libros da literatura infantil e xuvenil galega. Nel ofrecía unha selección de case trinta títulos salientables, elixidos de entre a feble oferta editorial daqueles anos. Un deles, xaora, era Arnoia, Arnoia. Rescato agora aquí algúns anacos do texto que escribín daquela:
«Que hai en Arnoia, Arnoia que xustifique tantas loanzas? En primeiro lugar, estamos ante dunha novela de aventuras na que se mesturan personaxes e ambientes que nos remiten a outros libros (ou películas, ou cómics) que xa forman parte da mitoloxía específica do xénero.
«En segundo lugar, estamos diante dunha novela de carácter iniciático, que se axusta á perfección ao esquema que define esta clase de relatos: un protagonista situado na terra de ninguén da adolescencia que emprende unha viaxe polo mundo adiante, durante a cal terá que se enfrontar a unha serie de probas e perigos. A súa superación contribuirá decisivamente á súa formación como persoa, de xeito que ao final da viaxe o protagonista aparece transformado polas experiencias vividas.
«En terceiro lugar, estamos diante dunha peza máis dese puzzle que Méndez Ferrín vai construíndo devagar, libro a libro, e que remite a un universo propio, coa liberación de Tagen Ata como pano de fondo, que xa ten a consistencia doutros mundos literarios como Yoknapatawpha, Macondo ou Rexión.
«O libro ábrese coa detención de Nmogadah, o mozo de 16 anos que protagoniza a historia. Mais el non é un mozo calquera: é un Príncipe Segredo e na súa man brilla a estrela Libredón, símbolo da liberdade. Na cadea coñece a Mestre Lionel, un castrón que ten a facultade de se comunicar por medio do pensamento. Ambos os dous foxen da cadea e emprenden unha longa viaxe «na procura da Casa Pequena, no país de Arnoia».
«No decurso desa viaxe vivirán unha serie de aventuras que, de querelo o autor, podería prolongarse máis e máis. O encontro cos Leabertkolm, onde Nmogadah derrota ao fero guerreiro que bota lume polo seu único ollo. A estancia no bosque de Brocelianda, onde atopa a espada Milmanda e ve a estatua de alabastro de Calpurnia Abana, a moza da que namorará. A procura de Brandaberis, nas cidades do deserto, para aprender a sabedoría das oito palabras retorneadas. A captura por parte dos Grou, raza de ananos que furan a terra na procura da Trabe de Ouro, e a posterior rebelión dos escravos da mina, se cadra o episodio máis intenso do libro. A navegación por un mar de morte, que remata co mozo e o castrón vencidos polos piratas e abandonados nun bote na mar alta. O rapto por parte de Lira Mascato, unha aguia xigante que os leva aos dominios de Calpurnia Abana, que resulta ser unha muller vampiro…
«E, por último, a chegada á Taberna da Galiana, na que se abren as tres Portas do Regreso. Nmogadah traspasa unha delas, para descubrir que «ao abrir a porta só había un grande espello. O espello do armario do meu cuarto (…) Lembrei que aquela mesma mañá de primavera eu cumpría os dezasete anos e que non había tal regreso a Arnoia porque non houbera Arnoia endexamais (…) Deixaba eu de ser un Príncipe Segredo, igual que todos os mociños que se ollan no espello do seu cuarto a mañá do día espantoso que fan dezasete anos».
«A aventura, así contada, dinos ben pouco. En Arnoia, Arnoia hai que se mergullar deica o fondo no texto, inzado de referencias a moitas outras narracións. Por citar as máis evidentes, atopamos múltiples ecos de Tolkien (tan admirado por Ferrín), da materia de Bretaña, de H. P. Lovecraft, das novelas e películas de piratas, de Álvaro Cunqueiro e de Vicente Risco, de Robert Howard, (o creador de Conan, o bárbaro), d’As mil e unha noites… Todo un mundo mitolóxico e fantástico, e cargado de simbolismo, como sabemos ben quen amamos esa literatura.
«Que doado é deixarse levar pola engaiolante prosa de Ferrín, dacabalo entre a épica e a poesía, capaz de nos transportar en breves liñas aos máis diversos espazos, e dunha beleza tan cortante coma o gume da máxica espada Milmanda.»
Veño de reler a novela estes días pasados, na vella edición de 1985. Unha lectura que me permitiu comprobar que a novela gañou co paso dos anos. Non é nada estraño que o propio Ferrín a recomendase hai pouco nunha súa visita ao cárcere de Pereiro de Aguiar. Aínda que a edición actual non teña a beleza formal da primeira, o texto garda a mesma maxia que descubrín naquel afastado 1985.