O rastro que deixamos
Nos primeiros días de outubro, Edicións Xerais publicará, na súa colección Crónica, O rastro que deixamos, un volume que reúne por vez primeira textos dados a coñecer por Agustín Fernández Paz en diferentes medios ao longo do tempo, así coma outros que permanecían inéditos. Neles, o autor aborda un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos da memoria agrupados en dúas liñas esenciais, a memoria da infancia e o oficio da escrita.
Cada unha das dúas partes péchase cunhas páxinas narrativas; uns relatos que amosan como o autor constrúe os textos de ficción cos vimbios da súa vida, unha vida que traslada logo aos seus personaxes.