A casa de Norman Bates

PSICOSIS (Psycho) de Alfred Hitchcock (1960)

 Ben sei que Psicosis non é a mellor das películas de Alfred Hitchcock, nin para a crítica nin para min (por diante dela sempre poñerei Vértigo, Con la muerte en los talones ou La sombra de una duda, por citar só tres). Unha película que Hitchcock tivo que facer con poucos cartos, e na que se implicou moito á hora da súa explotación comercial. Velaquí o curioso tráiler que fixo para promocionala, con el como protagonista:

Na miña memoria emocional, Psicosis ocupa un lugar moi salientable. A película é de 1960 e estreouse en España despois da Semana Santa de 1961. Eu debín de vela en 1963 ou 64, non o lembro con exactitude. Foi no magnífico cine da Universidade Laboral de Xixón, e a súa proxección supuxo un acontecemento, polo menos para os da miña clase.

Aconteceu que na nosa aula había un compañeiro que era de Avilés e algunhas fins de semana ía pasalas na casa. Nunha destas estadías viu Psicosis no cine. Como era un hábil contador de historias, durante varios días estivo falándonos da película e relatándoa secuencia a secuencia, con especial énfase naquelas máis “fortes”: a do asasinato na ducha, o ataque ao detective nas escaleiras, a descuberta da nai no soto… Unha relación minuciosa do que hoxe chamariamos spoilers.

Deste xeito, cando entramos para asistir á proxección, eu xa sabía a historia que ía ver, mais non as imaxes, nin a música, nin a montaxe. Saín impresionado, é moita a forza deste filme.

Durante toda a semana, a película continuou a suscitar comentarios entre nós. Daquela aínda non sabiamos que estaba incompleta e que en España a censura levara por diante toda a secuencia inicial, con Marion (Janet Leigh) e Sam (John Gavin), o seu amante, na cama do hotel: unha secuencia clave para entender a primeira metade da película. Dis que a censura tamén retallou algúns planos da secuencia da ducha: mais que o sangue, supoño que os obsesionaba o corpo de Janet Leigh.

Psycho (Psicosis) – Alfred Hitchcock, 1960. A secuencia completa da ducha, from Cinefilis Club on Vimeo.

Non a vin enteira ata ben anos despois, primeiro en vídeo e logo xa en DVD, na versión orixinal. Hai uns días vina unha vez máis e volveume gustar moito. É certo que agora xa a vexo con outros ollos, foron moitos os textos que ao longo dos anos puiden ir lendo sobre cine, sobre Hitchcock e sobre Psicosis (como esquecer El cine según Hitchcock, o libro de conversas con François Truffaut!). Por riba, a Rede ofrece múltiples textos de interese que analizan e diseccionan a película desde diversas perspectivas, algúns deles especialmente brillantes. E sen faltar, xaora, os que a analizan desde o eido da psiquiatría, nun intento de botar algo de luz sobre as explicacións apresuradas que se nos ofrecen ao final.

Quedará alguén que, a estas alturas, aínda no vise Psicosis? Unha película complexa dentro da súa aparente sinxeleza, moi transgresora para o seu tempo, con secuencias que hoxe son clásicas e imprescindibles. A interpretación de Anthony Perkins é extraordinaria, o seu Norman Bates quédanos para sempre na memoria. Como nos queda a música crispada de Bernard Herrmann, e os arriscados movementos da cámara, e os créditos de Saul Bass, e a eficaz dosificación do misterio, e os xiros na trama que nos desconcertan.

E, xaora, a casa do outeiro, a mansión onde Norman Bates vivía coa súa nai, xa é unha icona universal. O equipo de Xerais e mais eu decidimos homenaxeala coa portada da miña novela Cartas de inverno, que tamén lle debe algunha cousa á película de Hitchcock, como é o emprego da elipse como recurso narrativo.

As reflexións do director sobre o valor da película son do meirande interese. Velaquí uns fragmentos do que lle comenta a Truffaut na entrevista citada:

Mi principal satisfacción es que la película ha actuado sobre el público, y es lo que más me interesaba. En Psycho, el argumento me importa poco, los personajes me importan poco; lo que me importa es que la unión de los trozos del film, la fotografía, la banda sonora y todo lo que es puramente técnico podían hacer gritar al público. Creo que es para nosotros una gran satisfacción utilizar el arte cinematográfico para crear una emoción de masas. Y, con Psycho, lo hemos conseguido. No es un mensaje lo que ha intrigado al público. No es una gran interpretación lo que ha conmovido al público. No era una novela de prestigio lo que ha cautivado al público. Lo que ha emocionado al público era el film puro.

 Para rematar, é bo ver o programa que “Días de Cine” (na 2 de TVE) lle dedicou á película con motivo do 50 aniversario da súa estrea en España: