A casa de Gregor Samsa

A metamorfose (Die Verwandlung, 1912), de Franz Kafka

Para falar deste libro debo retroceder ao curso 1966-67, cando estaba a facer os estudos de Peritaxe Industrial na Universidade Laboral de Xixón. Un grupo de compañeiros adoitabamos reunirnos de cando en vez para comentarmos algúns libros que nos interesaban (algo semellante ao que hoxe lle chamariamos un club de lectura). E resultou que, uns meses antes, se fundara Alianza Editorial e apareceran os primeiros títulos de «El Libro de Bolsillo», aquela colección coas portadas extraordinarias de Manuel Gil. Un dos libros inaugurais era La metamorfosis, de Franz Kafka, que no grupo lemos con avidez e comentamos logo durante ben de tempo.

A novela fai nestes días os cen anos, pois Kafka escribiuna en tres semanas de novembro e decembro de 1912. A tradución axeitada do título debera ser A transformación, e así figura xa nalgunhas edicións. O seu inesquecible comezo xa é un clásico, reiteradamente analizado, mais nunca está de máis lembralo:

Unha mañá, cando Gregorio Samsa espertou despois dun sono intranquilo, atopouse sobre a súa cama convertido nun monstruoso insecto. Estaba tombado sobre a dura coiraza do seu lombo e, ao erguer un pouco a cabeza, percibiu a forma convexa e parda do seu ventre, dividido por partes duras en forma de arco, sobre as cales apenas se podía soster o cobertor, a piques xa de esvarar ao chan. As súas moitas patas, ridiculamente pequenas en comparación co resto do seu corpo, vibraban desamparadas ante os seus ollos.

Foi o meu primeiro contacto coa obra de Kafka, un autor ao que logo lería con paixón durante case toda a miña vida (na novela Non hai noite tan longa, a través dos personaxes de Milena e de Elsa, falo desa fascinación polo escritor de Praga). Pero, ademais, A metamorfose tamén foi a que me levou a decatarme da diversidade de interpretacións que un libro pode suscitar.

Digo isto porque, ao falarmos sobre el, os daquel grupo atopámonos con que a lectura nos levara a cada un por vieiros distintos, vieiros que, ademais, tiñan moito que ver coa nosa experiencia persoal. Desde o que tiña un pai autoritario e se centraba nas relacións de Gregor co seu pai ata o que tivera unha morte había pouco na súa familia e vía na novela unha metáfora dos meses previos ao falecemento. Varios anos despois, eu lería a Obra aberta de Umberto Eco e vería explicada alí a experiencia vivida na miña mocidade.

Hai múltiples interpretacións sobre os significados desta obra, e as que virán, pois é un libro inesgotable que ten a virtude de remover o interior de quen o le. Como ocorre con todas as obras mestras, ninguén sae indemne da súa lectura nin ve o mundo do mesmo xeito que antes de lela. É enorme a débeda que moitos dos que escribimos temos coa obra de Kafka. Coas súas novelas e cos seus extraordinarios relatos, que podemos ler en galego nunha moi boa tradución de Luís Fernández.

A metamorfose está publicada por Sotelo Blanco, traducida por Xosé Mª García Álvarez e ilustrada por Manuel Uhía. En castelán existen múltiples edicións, algunhas tan fermosas como a de Libros del Zorro Rojo, ilustrada por Luis Scafati (del é a imaxe principal deste post)  e traducida por César Aira, ou a de Astiberri, con ilustracións de Paco Roca. Por certo, sobre as traducións da novela atopei este interesante artigo.

Como remate, ha vir ben lembrar un dos certeiros aforismos de Franz Kafka sobre os libros e a lectura:

Se o libro que lemos non nos esperta cunha puñada no cranio, para que o habemos ler? Un libro ten que ser un machado que rompa o mar de xeo que levamos dentro.