Un mundo de palabras

(En Copenhague, a carón da Sereíña que naceu no conto de Andersen)

2 de abril de 2013: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL.

Hoxe, 2 de abril, celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. É unha celebración promovida pola organización IBBY (International Board on Books for Young People), representada en España pola OEPLI, da cal forma parte Gálix. Elixiuse esta data por cadrar coa do nacemento do danés Hans Christian Andersen, no ano 1805.

Ver vídeo

Cada ano, unha sección da IBBY é a encargada de elaborar un texto e un cartel conmemorativo. Nesta ocasión, o cartel fíxoo Ashley Bryan e o texto é un poema de Pat Mora, “Book Joy Around the World”, que podemos ler aquí, traducido ao galego por Concha Blanco.

Hai xa ben de anos, escribín un texto para conmemorar este 2 de abril. O texto leva por título «Un mundo de palabras»; reproduzo aquí a versión máis recente dun texto que refixen en diversas ocasións.

UN MUNDO DE PALABRAS

Cando era pequena, a miña filla tiña no seu dormitorio un globo terráqueo que, ao prender a lámpada que levaba dentro, se iluminaba coma se un sol interior o fixese brillar na escuridade. Aos dous nos gustaba facer viaxes imaxinarias e vivir as máis fascinantes aventuras por aquel inmenso puzzle de países e culturas, onde todas as pezas, as grandes e as pequenas, eran imprescindibles para conformar a beleza do conxunto.

Agora, ao lembrar os nosos xogos de antes de durmir, lembro tamén aquel globo terráqueo e o seu mosaico de cores diferentes, e penso que a súa variedade sería moitísimo maior se, en vez de sinalar só as fronteiras políticas dos Estados, recollese a moito máis rica diversidade cultural que o mundo nos ofrece. Porque a diversidade é a nota que mellor caracteriza todas as manifestacións da humanidade: un mosaico de etnias, de culturas, de relixións, de linguas, de xeitos de entender o mundo. Unha pluralidade que é a nosa riqueza maior e que, xunto coa diversidade biolóxica, é a garante dun mundo máis humano e máis xusto.

Quizais por iso, cando penso na fascinante variedade de linguas, nas diferentes palabras que as persoas empregamos para nomear o mundo, volve a min o abraio que sentía nos anos da infancia, cando lía con paixón calquera libro que caese nas miñas mans, coa certeza de que a través das súas páxinas podía coñecer o mundo enteiro. Porque as palabras son o milagre cotiá que nos fai humanos. Con elas aprendemos os nomes das cousas, expresamos todo o que sentimos, recoñecémonos como cidadáns do mundo e dámoslle vida á nosa imaxinación sen límites. As marabillosas palabras: con elas podemos vencer o tempo e mais o espazo, dialogar con persoas doutras épocas ou que viven lonxe de nós. Por iso sabemos que os libros gardan unha maxia poderosa no seu interior, xa que nos permiten coñecer a vida e os soños das persoas que se expresan en tantas linguas diferentes.

Galicia sempre quixo formar parte do mosaico da diversidade cultural que caracteriza o mundo de hoxe. A nosa é unha lingua milenaria plena de vitalidade e con vocación universal; a nosa é unha cultura atlántica que non esquece as súas raíces e que se abre con esperanza a todas as direccións da rosa dos ventos. En Galicia, neste país dos mil ríos e dos bosques profundos onde habitan os seres máxicos, neste país que contribuíu á unión de Europa a través do Camiño de Santiago e que se fundiu, a través da emigración, cos países latinoamericanos, contamos cunha literatura infantil e xuvenil que día a día consegue o milagre de ser local e ser universal. Unha literatura que é, sen dúbida ningunha, a mellor porta para entrar na cultura de Galicia e achegarse a toda a riqueza que garda.

Houbo un tempo en que puido ter sentido falar de culturas centrais e periféricas. Mais hoxe, coa presenza de Internet e cun mundo cada vez máis global, xa sabemos que non ten por que ser así. Un creador traballa sempre desde o centro do mundo, calquera lugar pode selo se decidimos que así sexa: a cultura nunca é periférica, sempre ten unha vocación universal. Desde Galicia, queremos que as nosas creacións –o mellor que podemos ofrecer, pois son as que reflicten o noso xeito de estar no mundo- cheguen a todas as outras culturas, nun intercambio enriquecedor que pode ser o xermolo desoutro mundo máis solidario e máis xusto que tantas persoas reclamamos, ese mundo que soñamos para o futuro dos nenos e nenas de todo o planeta, o mundo que tentamos plasmar nos libros infantís e xuvenís que creamos. Porque as utopías hai que soñalas, se queremos que algún día cheguen a facerse realidade.

Algunhas noites de verán gústame tombarme na herba e contemplar o ceo que nos cobre. Sei que as estrelas que vexo escintilar no firmamento son as mesmas que viron nos tempos antigos, as mesmas que tamén fascinarán ás persoas dos novos séculos que nos agardan. Un ceo amigo, que me leva a pensar nesoutro ceo de palabras e de libros que tamén comparte toda a humanidade. E sinto entón que a diversidade é o fío profundo que nos une a todas as persoas que vivimos neste vello planeta. Un planeta que é a nosa gran casa común, acubillada baixo esa colcha inmensa que polas noites se enche de estrelas e nos acolle a todos.