Estraña e amarga colleita

«Strange fruit» («Froito estraño»). Billie Holiday, 1939

A inmensa Billie Holiday

Tardei moito, demasiado, en achegarme de xeito consciente ás extraordinarias creacións de Billie Holiday. Sabía da súa existencia e érame doado recoñecer a súa voz tan singular. Mais, por unha razón ou por outra, nunca a escoitara de xeito sistemático.

Creo que foi en 1991 cando merquei o meu primeiro disco dela. Logo, en rápida sucesión, fun mercando todas cantas gravacións súas atopaba. Que doado é deixarse engaiolar por ela! Varios dos seus discos soaron unha e outra vez, como pano de fondo, mentres escribía algúns dos meus libros.

E, paralelamente, fun sabendo detalles da desacougante biografía de Billie Holiday (1915-1959. Eleanora Fagan era o seu nome verdadeiro), da súa infancia durísima, das discriminacións que sufriu por ser negra nos EE. UU. da primeira metade do século XX, dos problemas policiais que lle trouxo a súa adicción á heroína, da súa morte soa e na pobreza cando aínda non fixera os 44 anos… Afondar na súa vida levaba tamén a afondar nas súas cancións. Marabillosas, non descubro nada novo.

Unha vida que a propia cantante contou na súa biografía Lady sings the Blues, un libro que serviu de base para a película do mesmo nome (en España chamouse El ocaso de una estrella), con Diana Ross (si, a de The Supremes) de protagonista. Un artigo de Diego A. Manrique infórmanos polo miúdo das fontes para sabermos as facetas da realidade que a cantante non contou.

«Strange fruit»

De entre todas as súas cancións, a que hoxe traio aquí é «Strange fruit» («Froito estraño»), que algúns medios como a revista Time consideraron como «a mellor canción do século XX». Unha composición que merece figurar en lugar destacadísimo na relación dos temas críticos coa sociedade. «Strange fruit» é  unha peza dura e amarga, que reflectía unha realidade aínda máis amarga e dura.

Que interesante, a historia desta canción! Escrita en 1930 por Abel Meeropol, un xudeo comunista, logo de ver as fotos dun linchamento. A mesma persoa que, xunto coa súa dona, adoptou os dous nenos que quedaron orfos ao seren executados os seus pais, Ethel e Julius Rosenberg: unha inxustiza máis nos EE. UU. dos anos cincuenta.

O texto orixinal da canción  podemos lelo aquí.

María do Cebreiro traduciuna ao galego no seu moi recomendable libro Damas negras. Música e poesía cantada por mulleres (Xerais, 2002):

Froito estraño

Das árbores do sur pendura un froito estraño.

Sangue entre as follas e sangue na raíz.

Nádegas negras que a bris do sur abanea.

Estraño froito do que os álamos terman.

Escena bucólica do sur galante.

Os ollos vesgos e a boca torta,

arrecendo a magnolia fresca e doce.

Despois, o cheiro súpeto da carne abrasada.

Aquí hai un froito para que o arrinquen os corvos,

para que a chuvia o colla, para que o vento o zugue,

para que o sol o apodreza, para que a árbore o solte.

Aquí hai unha estraña e amarga colleita.

 O espectáculo dos linchamentos

Sabémolo por libros e películas, neste blog xa o tratei noutras entradas. A represión contra a poboación negra nos EE. UU logo da abolición da escravitude xa pertence á historia universal da infamia. Un só dato: entre 1900 e 1940 foron aforcadas 2.833 persoas.

Ás veces resulta duro aceptar que sucedeu unha realidade tan aceptada e prolongada no tempo. Mais sucedeu, e ademais de libros e películas, aí están as fotos que o testemuñan: o linchamento vivido coma un espectáculo, ao que mesmo acudían familias enteiras.

Está contado en moitos sitios. Para min, son inesquecibles as páxinas iniciais de O camiño branco (The White Road, 2002), a cuarta novela da extraordinaria serie que John Connolly  dedica ao detective Charlie Parker. Remato copiando aquí as primeiras liñas da tradución ao castelán que publicou Tusquets:

 Ya llegan.

Ya llegan en sus coches y en sus camiones, dejando atrás, en el aire puro de la noche, unas columnas de humo azul que parecen manchas en el alma. Ya llegan con sus mujeres e hijos, con sus amantes y novias, hablando de cosechas, de animales y de viajes futuros, de la campana de la iglesia y de la catequesis te los domingos, de trajes de boda y de los nombres que les pondrán a los niños que aún no han nacido, de quién dijo esto y quién lo otro, cosas todas ellas insignificantes y a la vez grandiosas que constituyen el sustento de un millar de pueblecitos que no se diferencian en nada del suyo.

Ya llegan con comida y bebidas, y la boca se les hace agua con el olor a pollo frito y a tartas recién horneadas. Ya llegan con las uñas sucias y con el aliento a cerveza. Ya llegan con camisas planchadas y vestidos estampados, con el pelo peinado o revuelto. Ya llegan con alegría en el corazón, con sentimientos de venganza y con una excitación que se les enrosca en las entrañas igual que si fuera una serpiente.

Ya llegan para ver cómo arde un hombre.

 (O vídeo primeiro é unha gravación en directo. A gravación do tema en disco podemos escoitala nestoutro vídeo)