Os tempos están a cambiar
The Times They Are A-Changin’ (1964), de Bob Dylan
Hai case 50 anos
Aínda que The Times They Are A-Changin’, o terceiro LP de Bob Dylan, apareceu en 1964 (supoño que a España chegaría un ano ou dous despois, non o sei), eu non souben del ata ben máis tarde. Escoitara algunha vez pola radio a canción que lle dá título ao álbum, pero non tiven este disco nas miñas mans ata o verán de 1969, se a memoria non me falla.
Telo nas mans non quere dicir que fose meu. O LP era de Fernando Martínez (o Fernando da Barrosa), que tiña unha situación económica que lle permitía mercar todos cantos libros e discos lle interesasen. Daquela, Fernando estudaba Económicas en Santiago e afiliárase había pouco ao PSG.
Por aquel tempo, en Vilalba fixeramos moita amizade un grupo de mozos e mozas que tiñamos intereses culturais e simpatizabamos coas ideas nacionalistas. Un dos lugares habituais de reunión era a casa do Fernando, que tiña a bufarda enteira para el só. Cunha xenerosidade que non esquezo, poñía á nosa disposición todo canto libro e disco tiña. Así foi como cheguei a este LP de Bob Dylan e ao seu extraordinario tema inicial:
The Times They Are A-Changin’
Trátase dun disco magnífico e dunha canción extraordinaria. Pasou a ser unha desas cancións que forman parte permanente da banda sonora da miña vida. Posuía unha forza, unha enerxía e unha letra que incendiaban o corazón de calquera mozo con ganas de cambiar o mundo.
Agora sei máis, moito máis, desta canción e do seu contexto, algo que na España daquel tempo non era nada doado. Dylan compúxoa en outubro de 1963, poucos meses despois de participaren el e Joan Baez na marcha polos dereitos civís de Washington, o 28 de agosto de 1963, onde Martin Luther King pronunciou o seu célebre discurso, o do “I have a dream”. A primeira gran concentración dun longo proceso que comezara Rosa Parks coa súa valente negativa a ceder o asento a un branco nun bus municipal.
Os anos 1963 e 1964 (en realidade, toda a década dos sesenta) foron de cambios profundos en EE UU. A loita da poboación negra polos seus dereitos, a posta en cuestión do apartheid que lideraba o Ku Klux Klan, a oposición á guerra do Vietnam, a revolución feminista, a revolta da mocidade contra un modelo de familia e de sociedade que rexeitaban… E a música, as cancións que anunciaban un distinto xeito de entender a vida.
Isto significaba a clausura dun mundo ferozmente conservador (a sociedade norteamericana dos anos cincuenta, racista, machista e homófoba, que tan ben retratada está en moitas películas). E disto, precisamente, fala a canción de Bob Dylan. Os tempos estaban a cambiar, e el anunciábao.
O centro do labirinto
A miña novela O centro do labirinto (1997) transcorre no ano 2054, e tamén fala dun mundo que quere nacer e doutro que se resiste a morrer. Sara, a muller protagonista, entra en contacto cun mozo, Daniel, que forma parte das ZNC, as redes de resistencia que traballan por conseguir un mundo novo. Atópao nas escaleiras da praza da Quintana, tocando unha canción coa súa guitarra. A canción é «The Times They Are A-Changin'», cuxa letra reproduzo no libro.
Se fixen isto foi por estar convencido de que o seu contido se axeitaba á perfección á encrucillada histórica que eu narraba. Que a canción tiña vontade de futuro vémolo máis claro agora, cando pasaron cincuenta anos da súa creación, pois parece escrita xusto para esta década e pico que levamos do século XXI. Non é casualidade que nun blog relacionado co movemento do 15-M se fale de “Cinco canciones para encender la democracia” e a primeira delas sexa, precisamente, a de Bob Dylan.
E tampouco non debe ser casualidade que nos títulos de crédito de Watchmen, a película de Zack Snyder baseada no cómic homónimo de Alan Moore e Dave Gibbons (non ha tardar en aparecer neste blog), que nos presenta un mundo paralelo alternativo ao noso, a canción que escoitamos sexa The Times They Are A-Changin’:
Este tema inesquecible de Dylan coñeceu moitísimas versións. Aquí podemos escoitar as de The Byrds (que tanta relación tiveron coa obra de Bob Dylan, eles popularizaron o Mr. Tambourine Man), Bruce Springteen ou Joan Baez, aquí nunha versión a capella. Por certo, a letra da canción (con influencias claras de Bertolt Brecht), pode lerse aquí.
E esta é a versión galega que incluín n’O centro do labirinto:
Os tempos están a cambiar
Vide, xente, onde queira que esteades
xuntádevos aquí
e admitide que as augas
medraron ao redor voso
e que axiña estaredes
mollados ara os ósos.
Se queredes salvar a vosa época
é mellor que comecedes a nadar
ou afundiredes coma pedras
porque os tempos están a cambiar.
Vide, escritores e críticos
que profetizades coa vosa pluma,
tede os ollos ben abertos
non haberá outra oportunidade.
Non faledes antes de tempo
porque aínda xira a roda
e non di quen vai gañar,
porque quen agora perde
mañá será quen triúnfe
porque os tempos están a cambiar.
Vide, senadores e deputados,
por favor, escoitade a chamada,
non vos quededes nos corredores,
non atranquedes a porta.
Porque resultará ferido
aquel que se opoña.
Unha batalla furiosa
está a chegar
e axiña han tremer as vosas fiestras
e derrubarse os voso muros,
porque os tempos están a cambiar.
Vide, pais e nais
de todo o país,
non critiquedes
o que non podedes entender.
Os vosos fillos e fillas
están lonxe do voso control,
o voso vello camiño
está acabado.
Por favor,
deixádelle paso ao novo
se non podedes botar unha man,
porque os tempos están a cambiar.
Está trazada a liña
está marcado o destino,
e agora os lentos
van correr coma as lebres.
O que agora é presente
mañá ha ser pasado,
a orde
está acabada
e os primeiros de agora
serán os derradeiros de mañá,
porque os tempos están a cambiar.
(A foto inicial deste post amosa un membro do Ku Klux Klan nunha das súas ceremonias. O KKK defende a supremacía branca e foi o máis feroz opositor ao movemento polos dereitos civís.)