Literatura que tamén poden ler os nenos.

Ensaio escrito para o «Encontro de Escritores Galegos» celebrado na Coruña os días 29 e 30 de novembro do 2002. Posteriormente, o texto apareceu publicado en GRIAL. Revista Galega de Cultura, nº 157 (2003), páxinas 88-95.

LITERATURA QUE TAMÉN PODEN LER OS NENOS.

 Unha aclaración previa.

A petición que me  fixeron as persoas organizadoras deste encontro foi a  de   reflexionar   sobre   «cómo a  miña  opción lingüística,  o   galego, condiciona  o  meu  proxecto literario», co engadido  adicional  de que debería  expoñelo en  media  hora.  En  canto  me   puxen a  ordenar os temas e as ideas que me  parecía necesario tratar, decateime de  que era inútil calquera pretensión totalizadora. A reflexión  que se me  pide ten múltiples facetas, así que, deixándome levar pola subxectividade, só me centrarei nalgunhas das que máis me  preocupan neste momento.

Deixo    fóra,   deliberadamente,  cuestións   que  tamén   teñen   moito interese (as  especificidades  da literatura infantil  e  os condicionantes, máis formais  que temáticos, que leva aparellados; a curta historia da literatura infantil  en  Galicia e  o  abano de   tendencias  que se poden detectar hoxe nela; a súa evidente consolidación editorial e o papel que ocupa dentro do  sistema literario),  pero que xa foron  tratadas en ben ocasións e  sobre as que hai publicados un significativo número de traballos.  Eu  mesmo, nos  meus  Os libros infantís galegos (Xunta  de Galicia, 1989)  e  A literatura  infantil e  xuvenil en  galego (Xerais,  1999) tentei explicar polo  miúdo a miña visión sobre estes aspectos.

Un escritor de literatura infantil e xuvenil

A primeira faceta refírese á especificidade de ser un escritor que orienta principalmente o seu traballo ao que, para entendérmonos, chamamos o eido da literatura infantil e xuvenil.

Non vou entrar aquí na polémica sobre se existe ou non unha literatura infantil e xuvenil diferenciada. É un tema que motivou moitas reflexións, sobre el xa se escribiu o suficiente para deixar claros os argumentos das dúas tendencias. Tan só me gustaría puntualizar que, na miña opinión, quizais a polémica é menor do que parece, sobre todo se aceptamos a idea que tan ben soubo sintetizar o escritor catalán Joles Sennell cando dixo que «literatura infantil é aquela que tamén poden ler os nenos».

En todo caso, máis alá de discusións teóricas, hai un feito empírico incuestionable: a existencia dun bo número de libros que calquera de nós adscribiriamos sen dubidar ao eido da literatura infantil. Non están tan claras as cousas na chamada literatura xuvenil, porque ese si que é un terreo fronteirizo onde hai ben títulos susceptibles dunha adscrición a el ou, sinxelamente, ao da literatura que, para entendérmonos, chamaremos «de adultos». Se algúns dos meus libros -coma tal, Aire negro ou Amor dos quince anos, Marilyn-, se publicasen nunha colección dirixida ao lector adulto, estou seguro de que se integrarían sen problema ningún. O cal tería vantaxes: entrarían nas recensións críticas anuais, figurarían nos diversos panoramas narrativos que se fixesen, etc. Claro que tamén terían inconvenientes, para min moi serios, como tentarei explicar.

[…]

Descargar o ensaio completo: ensaio-novembro-2002