Gianni Rodari: unha conversa imaxinaria

(Cartel das Xornadas Municipais de Pedagoxía. Mugardos, 1985. Deseño de Inmaculada Reino)

Unha entrevista n’As Roladas (nº 8 – 1980)

(Esta entrada é continuación da anterior, «Para que ninguén sexa escravo»)

Algúns meses despois da morte da Gianni Rodari, no outono de 1980 (33 anos xa!), escribín un texto que se publicou no número 8 da revista As Roladas-2, que editabamos os do MCEPG (Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega). Debeu saír a finais dese ano ou a primeiros do seguinte, daquela non lles poñiamos data ás revistas.

Relido agora, desde a distancia, constato que algúns dos males que eu criticaba no texto xa desapareceron hai tempo; outros seguen aí, inmunes a todo cambio. Tamén hai aspectos que antes defendía con ardor e que agora matizaría con gusto. Así é a vida!

Mais o importante é deixar testemuña da fonda influencia que Gianni Rodari exerceu en min e noutras persoas da miña xeración. Hoxe dá gusto ver como a maioría dos seus libros están ao noso alcance, tamén en galego. O nome de Rodari, por fortuna, xa é un referente que toda a xente acepta. E a Gramática da fantasía segue aí, con tanta ou máis vida que cando a lin abraiado por vez primeira.

Velaquí o PDF do orixinal da entrevista. E, a seguir, a súa transcrición, na que só fixen os mínimos cambios ortográficos e léxicos (as palabras que poño ditas por Rodari son todas súas; pertencen á Gramática da fantasía e ao artigo «Un xoguete chamado libro»):

 

GIANNI RODARI: UNHA CONVERSA IMAXINARIA

 Este verán morreu Gianni Rodari. Os xornais, as axencias de noticias, non informaron do seu pasamento. Nin ten sequera tivo, como Piaget, un recunchiño polas follas do medio. Porque os xornais teñen a obriga de ocuparse dos asuntos serios e importantes e ¿a quen diaño lle pode importar a morte dun italiano que pasou case 30 anos da súa vida escribindo contos para rapaces (xa se sabe, literatura de segunda clase), que perdeu o tempo facendo de mestre de nenos pequenos e que, para máis inri, era militante comunista?

Pero a vida dá moitas voltas, e agora, cando Rodari desaparece fisicamente, empeza a vivir en Galicia. Porque os seus libros –e sobre todo a súa Gramática da fantasía—están a ser lidos e utilizados por moitos mestres e mestras da nosa terra.

Unha noite deste outono andaba eu a voltas cos libros de Rodari. Lembraba a Montag, o protagonista de Farenheith 451, cando di que «detrás de cada libro hai un home que me fala». No noso país as noites son longas e propician as conversas. E, por outra banda, falar cos mortos é algo vivo e cotiá na nosa cultura popular. Así que non me resultou estraño atoparme, logo dun longo silencio, co meu amigo italiano. A idea de facerlle unha entrevista foi cousa súa e saíu case sen decatármonos. O que transcribo a seguir é un resumo desa conversa:

–Escoita, Rodari: antes de comezar a entrevista propiamente dita convén que coñezas un pouco a realidade da escola galega, tan distinta das experiencias italianas. Aquí, en Galicia, a escola non só tenta reproducir e asentar os valores das clases dominantes, o mesmo que no resto do Estado Español, senón que ademais é o axente dun peculiar proceso colonial, impoñendo moitas veces unha lingua e uns contidos que non teñen nada que ver coa nosa realidade. Isto fai que as porcentaxes de fracaso escolar acaden unhas cifras de escándalo. Ti, nos teus escritos, defendes a creatividade, a fantasía, o xogo coas palabras. ¿Iso non será un perder o tempo, un tempo que debería dedicarse a uns contidos máis útiles?

–A creatividade e a fantasía serven ás persoas precisamente porque en aparencia non serven para nada. Pero serven ao home completo. Se unha sociedade baseada no mito da produtividade só ten necesidade de homes mutilados –fieis executores, dilixentes reprodutores, dóciles instrumentos sen vontade—quere dicir que está mal feita e que é necesario cambiala. Para cambiala son necesarios homes e mulleres creativos, que saiban utilizar a imaxinación. Desenvolvamos a creatividade de todos, para transformar o mundo.

–Penso que son moitos os ensinantes que están de acordo con estas ideas túas. Pero que, na práctica, relegan as actividades creativas a un plano secundario, a unha especie de actividade para os tempos libres. ¿Que pensas sobre isto?

–É imposible concibir unha escola que se fundamente na actividade do neno, no seu espírito de investigación e na súa creatividade, se non se lle concede á imaxinación o lugar que merece na educación. O cal significa que entre as tarefas do educador-animador está a de estimular a imaxinación dos nenos, ceibándoa das precoces cadeas con que a atan os condicionamentos familiares e sociais, alentala a competir consigo mesma, a deixar de ser imaxinación que consume para se transformar en imaxinación que crea.

–Pero, ¿onde queda entón a xerarquía entre as distintas materias? ¿Acaso non son unhas máis importantes ca outras?

–É que non debe haber ningún tipo de xerarquía entre as distintas materias. Hai, no fondo, unha soa materia: a realidade, enfocada desde todos os puntos de vista, comezando desde a realidade próxima, a comunidade escolar, o xeito de estar e de traballar xuntos. Nunha escola deste tipo o neno xa non está como consumidor de cultura e de valores, senón como produtor e como creador de valores e de cultura.

–Por esta resposta nótaseche ben o teu vencello co Movemento di Cooperazione Educativa, que parte do herdo de Freinet. E para nós, aquí en Galicia, é importante que fales con tanta claridade. Porque estase a dar o perigo, nun afán de “posta ao día”, de coller as técnicas que se derivan das novas correntes pedagóxicas, esquecendo a filosofía que subxace nelas. Collendo a casca e deixando o miolo, co que a renovación educativa é só aparente. ¿Non che parece?

–Estou de acordo. Porque entre unha escola morta e unha escola viva, a discriminación máis grande é precisamente finxir que a escola para «consumidores», que está morta, segue viva, porque este finximento non a afastará da putrefacción (que se está a producir ante os nosos ollos). Unha escola viva e nova só pode ser se é para creadores.

 

–¿E que me dis das clases de lingua? Aquí segue a confundirse a lingua coa gramática, esquecendo que o fundamental son as actividades expresivas, deixando de lado os cada vez máis importantes medios de comunicación, refugando o carácter lúdico… ¡con dicirche que hai clases de lingua onde os rapaces non falan! ¿Ti viches paradoxo semellante?

–Que pase iso é consecuencia do afastamento da creatividade. Pero, ademais, ao xulgar os textos infantís, por desgraza, a escola dirixe especialmente a súa atención ao seu nivel ortográfico-gramatical-sintáctico, que non chega nin tan sequera ao nivel propiamente lingüístico, ademais de esquecer totalmente o mundo dos sentidos. A cuestión é que na escola lense os textos para xulgalos e clasificalos, non para comprendelos. A peneira da corrección retén e revaloriza os croios, deixando pasar o ouro.

–Outro problema é o da lectura. Os nosos nenos e nenas non len, ou len por obriga, porque é un traballo que se lles manda na escola. Ti falas, nun fermoso artigo publicado en Cuadernos de Pedagogía, do libro como xoguete e como instrumento para a apertura ao mundo. ¿Poderías explicar algo máis esta idea?

O encontro decisivo entre os nenos e os libros prodúcese nos pupitres da escola. Se se dá nunha situación creativa, onde o que conta é a vida e non o exercicio, o resultado será o gusto pola lectura, co que non se nace, porque non é un instinto. Se se produce nunha situación burocrática, se o libro é reducido a instrumento de exercitación (copias, resumos, análises gramaticais), sufocado polo mecanismo tradicional “pregunta-xuízo”, poderá nacer a técnica da lectura, pero non o gusto. Os nenos poderán ler, pero só o farán se se senten obrigados a iso. E á marxe da obriga refuxiaranse nos cómics, aínda que sexan capaces de lecturas máis complexas e máis ricas, quizais só porque os cómics aínda non foron «contaminados» pola escola.

A conversa aínda durou ben máis. Falamos da importancia dos contos populares (el publicou no 1970 unha Enciclopedia das fábulas, na que recolle máis de 800) e da súa utilización na escola, seguindo as propostas que fai na súa Gramática da fantasía; falamos dos cómics e das súas posibilidades expresivas, das que é un gran defensor; falamos da literatura infantil (da boa, non dos sucedáneos edulcorados), insuficientemente valorada e moitas veces descoñecida. Aquí é inevitable a referencia ao propio Rodari: máis de vinte libros publicados, Premio Andersen no ano 1970 e segue sendo, polo menos no noso país, case un descoñecido.

Cando rematamos de falar eu tiña ben clara unha idea: se hai unha ducia de libros que deberan ser de lectura obrigada para todo mestre, a Gramática da fantasía é un deles. É a ferramenta que nos deixou Rodari, xunto cos seus contos, para axudarmos no proceso de transformación da escola.

Mugardos, outono de 1980