Entrevista de Miguel Vázquez Freire para TEMPOS NOVOS

BEBEDORES DE HISTORIAS

ENTREVISTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Datos oficiosos –os oficiais non os hai- levan anos indicando que Agustín Fernández Paz, o escritor vilalbés, é un dos máis lidos dos nosos escritores. A maioría das súas obras, sempre escritas en galego, teñen sido editadas en todos os idiomas peninsulares, incluído o portugués. Recentemente, algunha das súas obras foi tamén traducidas a outros idiomas, coincidindo cun recoñecemento cada vez máis unánime dos seus méritos literarios. O seu compromiso constante coa literatura dirixida a lectores infantís e xuvenís fixo as veces que nalgúns sectores se lle discutiran eses méritos. Hai dous anos foi Premio Nacional de literatura infantil, hai uns días soubemos que viñan de concederlle o prestixioso VII Premio Iberamericano SM de literatura infantil, e sabemos que foi proclamado candidato ao Andersen, o equivalente ao premio Nobel no ámbito da literatura para a infancia e a mocidade. Pero tamén o seu nome apareceu destacado en datas recentes pola súa consecuente actuación en defensa da lingua, integrado no grupo pro Lingua, a súa activa participación como asinante dunha carta crítica con certas declaracións do Conselleiro de Cultura ou a súa renuncia ao Premio anual de Cultura concedido pola Xunta de Galicia. Agustín Fernández Paz, un escritor, un cidadán.

P.- Podemos comezar por unha reflexión sobre o significado deste recoñecemento que a túa obra está a recibir, en primeiro lugar, desde a perspectiva individual, pero tamén desde unha perspectiva colectiva, no sentido do que ese recoñecemento (e visibilidade) pode significar para o ámbito no que ti vés traballando, o da literatura infantil e xuvenil en lingua galega.

R.- En linguas cunha situación sociolingüística adversa, como é o noso caso, é inevitable que calquera recoñecemento transcenda do plano individual. Nunha lingua normalizada seguramente non sería así. Eu son consciente dese feito colectivo, de que a xente de algún xeito se ve recoñecida e pensa: “Mira que ben, que este home, sen baixarse do galego, obteña ese recoñecemento”.

P.- Sen baixarse do galego e sen facer outro tipo de concesións, sendo autoesixente co teu propio traballo de escritor…

R.- Por suposto, parto do feito de que se ti traballas pensando en obter ese recoñecemento, o máis probable é que non chegues a obtelo. Cando un traballa aquí, no laboratorio do escritor que é a súa mesa de traballo, obviamente non pensas en nada diso. Sería ridículo. Mentres fóra chove ou hai sol, ti aquí, diante do papel (Fernández Paz segue a facer o seu primeiro borrador a man), indo de cando en vez ao ordenador, o único que tratas é de facelo o mellor posible, de responder ás obsesións que che fixeron meterte nunha historia. Despois, cando acabas as novelas sempre racionalizas, pero na práctica non funciona así… Con isto quero dicir que para min nisto non hai ningún mérito.

P.- Con todo, eu diría que si hai algún mérito porque non cabe dúbida de que tamén hai un tipo de escritor oportunista, que vai buscando o aplauso e as modas e adaptándose a elas.

R.- Home, no meu caso iso tíveno claro desde o primeiro momento. Tes que escribir como che saia, tes que seguir as túas obsesións, esa é a palabra que me sae sempre, e a partir de aí encantadísimo de ter lectores, claro. Pero non podes adoptar unha postura de rebaixarte, condicionada porque queiras chegar a máis público. Ti escribes, cando se trata dun libro infantil ou xuvenil, pensando nun tipo de lector pero tratando de facelo sempre da mellor maneira posible desde o punto de vista literario e se non che sae mellor será porque ti non podes.

P.- Falas dunha determinada concepción da literatura infantil e xuvenil coa que ti te sentes comprometido e eu atreveríame a dicir que o recoñecemento que agora se te está a dar implica tamén un recoñecemento desa literatura como literatura grande, por así dicir, fronte á minorización que sufriu durante moito tempo. Ata que punto podemos dicir hoxe que esa minorización xa foi superada?

R.- Superada non está pero avanzouse moitísimo, iso creo que é innegable. Hoxe non é tan complicado atopar unha persoa adulta que le libros de coleccións xuvenís, ou pais e nais que len cos seus cativos os libros infantís e recoñecen que gozan tamén coa súa lectura. O que pasa é que aínda hai unha marcha por facer porque os vellos prexuízos están aí, por abaixo, aínda que parcialmente superados. Nese aspecto, a nosa xeración pode darse por moderadamente satisfeita, no sentido de que conseguimos poñer á lix no mapa, que a xente lle preste atención e que non teñen máis remedio que aceptar que algúns non escribimos isto porque non saibamos escribir outra cousa senón porque é a nosa maneira de afrontar o feito literario.

P.- Eu faría unha analoxía entre esa superación, da cal ti moi ben dis que non podemos quedar satisfeitos co xa conseguido senón que convén seguir alertas, e a minorización da cultura de noso. Casualmente relín hai pouco un artigo teu de hai ben anos, na Revista Galega de Educación, na que falabas cunha imaxe moi potente da “cultura do bonsai”. Ata que punto a ameaza da cultura do bonsai non volve estar presente?

R.- Está moi presente. A política actual do goberno galego é iso…

P.- Lembra para os lectores o significado desa imaxe da “cultura do bonsai”…

R.- O termo non era meu senón de Xulián Maure, que o utilizara noutro contexto. A cultura do bonsai implica que os nosos gobernantes, as “forzas vivas” poderiamos dicir, aceptaban que quedaba bonito iso de ter unha cultura propia pero, igual que nos bonsais, o que se facía era ir cortando as poliñas que ameazaban con desmandarse, para que a árbore quedara reducida a unha cousa bonita pero ben controlada. Na actualidade, despois de algúns anos que parece que medrabamos como en monte aberto de mancomún, na actualidade o goberno galego volve coller as tesoiras de podar e veña, isto de aquí, isto do teatro, isto está tirando moito para arriba así que, chas! Isto das editoriais en lingua galega vai acabando sendo unha industria cultural das de verdade e iso non pode ser, abonda con pequenas editoriais amadoras, así que, chas! Estase vendo como, en efecto, cada retallada que dan é unha póla que cortan de maneira que non nos matan, porque obviamente iso estaría mal visto, pero si nos van retallando para que non medremos tampouco en exceso. Iso nótase en particular en todas as modalidades culturais que teñen a lingua como parte constituínte. Cústalles moito menos traballo aceptar as artes plásticas, pero ás forzas vivas da sociedade, que eu non quero personificar só no goberno, moléstalles que se desmanden as artes que teñen a lingua como eixe, o teatro, a literatura, mesmo a música que se expresa en galego. E por iso, cada vez que alguén logra un recoñecemento internacional, actuando en galego, estou pensando por exemplo en Mercedes Peón, a xente que é consciente desta agresión que estamos sufrindo alédase e di, isto tamén é algo meu. Pásame tamén a min, en Vilalba, despois de ter recibido estes premios, hai persoas que se me achegan e dinme, isto tamén é algo meu. Son conscientes de que hai esa dimensión colectiva.

P.- Nesta situación conflitiva que vivimos hoxe en día, algúns xestos teus veñen recuperar esa figura, quizais hoxe non ben visto, do escritor comprometido, no sentido de aquel que utiliza a súa capacidade de facerse escoitar por riba das posibilidades da xente do común para expresar as propias convicións como cidadán. Estoume a referir á carta dirixida ao conselleiro de Cultura, á túa renuncia ao Premio da Xunta.

R.- Si, é certo, o que pasa que non é algo que busque porque non é tampouco o papel social que me gusta xogar. No caso do rexeite do premio de cultura non tiña outra saída. Se eu fun dos que promovín desde Pro Lingua, a través da rede, unha petición de que, dada a actuación do goberno, os escritores aos que lles puidese corresponder non aceptasen ese premio, cando mo dan a min, non vou dicir onde dixen A agora direi B. Non teño máis remedio que agradecer ao xurado pero ser consecuente. Certamente na biografía de cadaquén é inevitable que aparezan inconsecuencias, seguro que na miña tamén, pero dentro do que cabe un trata de ser consecuente.

P.- Agora gustaríame entrar nun rápido percorrido pola túa obra seguindo unha proposta que non sei se che vai parecer demasiado acertada. Eu penso que a túa obra expresa a superación de certos antagonismos que algúns considerarían pouco menos que insuperables. Así, por exemplo, a túa obra nace dunha vocación docente inicial…

R.- Si, si.

P.- … e o “pecado” que algúns agardarían dese inicio sería o didactismo, mentres que o seu antagónico sería o que poderiamos chamar a literatura ludista, que procura o gozo lector sen máis. E ti demostras coa túa obra que iso non é necesariamente contraditorio: é posible o gozo lector ensinando, sen por iso rebaixar a esixencia estético literaria.

R.- Iso ten unha explicación en como se produciu o meu contacto coa literatura infantil e  xuvenil. Eu comezo a dar clase un pouco antes da morte de Franco, e interésome pola lix porque me atopo con nenos diante. E neses anos cadra que en España se produce o estoupido de toda unha lix que ata entón estaba estaba represada polo filtro da censura, que agora chega a través de coleccións como a mítica de Alfaguara, Noguer ou posteriormente Espasa Calpe. E de repente, en dous ou tres anos, descubro a toda unha xente que descoñecía: a Roald Dahl, a Gianni Rodari, a María Gripe, a Michael Ende, a Ursula Wolfe. Unha xente que fai unha lix que a min me gusta moito, mesmo como lector adulto entusiásmame, e descubro que aos cativos lles entusiasma tamén. Cando me toca escribir as miñas cousas, eu teño a vantaxe de que comezo xa maior, xa ao fío dos corenta anos, e xa estou curtido como lector, xa lin moito. Tamén fora membro, coma ti sabes, de xurados como o primeiro Merlín e xa vía os perigos dos libros galegos asociados de xeito exclusivo a trasnos e ao mundo rural mítico. E eu dun xeito inconsciente, isto é consciente só agora, eu tiro por outro camiño. Foi así

P.- Seguindo coa liña dos antagonismos, penso que hai tamén na túa lix a demostración de que a fantasía non ten por que ser evasiva senón que pode ser utilizada para un mellor desvelamento do real, para poñer de relevo contradicións que doutro xeito podían quedar non tan manifestas, e que ademais axuda a que os conflitos resulten particularmente atraentes para un lector novo.

R.- Estou de acordo e aí si que son particularmente consciente. Isto posiblemente me veña non só da lix senón da literatura para adultos, penso p. ex. na Metamorfose de Kafka, de como a través da fantasía podes falar con maior profundidade do real. O caso máis claro é o dos Contos por palabras pero hai tamén outros libros, como os tres que dediquei a un mesmo tema (para min porque logo a crítica pode velo doutra maneira). É o tema da perda dos valores do mundo rural popular tradicional por efecto da modernización. Algúns pode ser bo que se perdan, outros non e entre eles estaría o imaxinario colectivo, os seres míticos. A isto dediqueille tres libros, As fadas verdes, No corazón do bosque e Aire negro. E eses tres libros responden á mesma idea: a de traballar sobre os seres míticos e a súa presenza e función na sociedade actual, de aí que unha nena se atope cun trasno, outra se atope cunha fada verde e outra se atope coa “besta”, con resultados diferentes.

P.- Eu poría ao lado de Aire negro, as Cartas de inverno, dúas novelas que para min constitúen homenaxes implícitas aos dous indiscutibles mestres do relato de terror moderno, Poe e Lovecraft. Son relatos do que Todorov chama o fantástico moderno, que nada tería que ver co fantástico marabilloso da literatura precedente, pero xustamente ti acertas a amosar que esa vinculación pode persistir, xusto na dirección que vés de sinalar con respecto a Aire negro

R.- Esa conexión xorde de xeito inevitable. En Aire negro eu vou abordar un relato de terror, pero non se trata de que eu diga previamente, nun determinado momento, vou mesturar Lovecraft cos seres míticos tradicionais, en absoluto. Sae así e logo é a posteriori cando ti o recoñeces, pero o proceso de escritura non funciona de acordo cun plan preestablecido que inclúa estes elementos. Eu si teño un plan preestablecido da trama, os personaxes, fago fichas, fago esquemas, pero á hora da verdade isto afecta só ao externo, o interno, o que hai dentro, a parte invisible do iceberg, iso é… non sei se é moi correcto chamalo así… iso é irracional.

P.- Podiamos dicir que se escapa ao proceso estritamente metódico.

R.- Iso é. P. ex., nesta última novela, Non hai noite tan longa, calquera que a lea agora podería dicir, o autor quixo facer un axuste de contas cun certo pasado da nosa xeración, e eu mesmo o digo nas entrevistas. Pero a crúa realidade é que a novela xorde dunha imaxe que eu anoto hai cinco ou seis anos, a de alguén que chega a unha casa baleira e na sala desa casa atopa o fantasma, a aparición, a ánima, o espírito ou chámao como queiras, de seu pai que lle di: “Moito tardaches, levo máis de ene anos agardándote”. Ese é o motor de todo o libro. E logo, como teño 64 anos e estamos no tempo do axuste de contas co noso pasado e a nosa xeración, vou achegando novos vimbios que van construíndo a novela, pero o motor que a fixo nacer foi esa imaxe. É así. E sei que hai escritores que lles pasa isto mesmo tamén polo que leo eu deles, pero tamén sei que hai outros que non.

P.- Hai unha novela que eu sei que ti amas moito, que é O centro do labirinto, onde vexo representada tamén a resolución mediante doutro falso antagonismo, o que opón un universalismo uniformizador, que é o que hoxe se impón a través da globalización neoliberal, e un provincianismo diferenciador singularista. E ti vés amosar, mediante o teu relato, que este antagonismo encerra unha trampa perversa.

R.- Esa é a única novela na que o punto de partida, no canto de ser unha imaxe ou algún elemento semellante, é iso que ti que acabas de argumentar: quero facer unha novela sobre os temas que me preocupaban de aquela, e me seguen a preocupar hoxe, a globalización neoliberal e como isto arrasa coa diversidade ecolóxica, coa destrución da natureza, a destrución das linguas. Eu chámoa a novela sobre a lingua. Pero como é unha novela e non un ensaio, coidei moito de que as ideas quedasen encarnadas en personaxes e accións. Pero si, a idea era esa, e con iso non descubría nada senón que volvía sobre algo que, noutros contextos, xa afrontaran a xeración Nós ou Octavio Paz, quen deixou dito: “Se puede ser universal en una aldea de los Andes, se puede ser provinciano en el centro de Nueva York”.

P.- Continuando cos antagonismos que che veño propoñendo, outro é a que opón a literatura aos novos medios, o cine, a banda deseñada, a televisión. Tamén a túa literatura expresa moi ben a superación deses antagonismos.

R.- É evidente: se me pasa a min, que son un lector que me encanta ler e ao mesmo tempo me encanta tamén ver cine e pásome o día navegando polos blogs, eu son a proba empírica de que…

P.- … que a galaxia Gutenberg e a galaxia McLuhan non son antagónicas.

R.- Exactamente. É máis, están aínda por explotar as sinerxías que se poden dar entre os distintos medios. Así que non hai contradición. Eu entre cine, banda deseñada e literatura establezo un continuum, aí o que hai son historias e as historias poden chegar a nós por distintos medios pero, finalmente, como dicía Cunqueiro, nós somos “bebedores de historias”. Gústannos as historias, as ensinanzas que se sacan a partir desas historias, que as podes perfectamente atopar tanto nun relato cinematográfico como na banda deseñada, como nun texto literario, entre todos eles dáse un continuum.

P.- Esa centralidade da historia á que te acabas de referir é ben clara na túa obra. Aeptarías que, facendo unha analoxía con creadores cinematográficos do período clásico, dixera que ti estás máis próximo a un John Ford que a un Orson Welles, no sentido de que es máis alguén que procura a transparencia na narración…

R.- Si, a pureza e a sinxeleza no estilo.

P.- … que a invención experimentadora de novas formas?

R.- Si, mais gústanme moito tamén, como lector ou como espectador, as obras que buscan a experimentación da linguaxe, estiven fascinado no seu día polo Ulises, e agora mesmo estou a ler a última novela de Freixanes e paréceme macanuda a súa opción. Con todo, cando un escritor ou un director conseguen unha narración depurada, p. ex., penso agora n’As uvas da ira, tanto na narración orixinal de Steinbeck como na película de John Ford, unha historia ben contada nos dous casos, cunha forma de expresión clara capaz de chegar á xente do común, pois si, eu síntome identificado con esa elección estilística.

P.- Eu diría que a túa escrita é ademais unha homenaxe permanente ao lector…

R.- Ti cres?

P.- Si, si, e iso evidénciase na aparición nos teus relatos dos libros con referencias explícitas…

R.- Ah, si, iso si.

P.- … ata chegar a Aire negro, onde a lectura é adoptada como terapia.

R.- Iso é adrede. Na vida real hai lectores igual que hai, que sei eu, bebedores de martinis secos, así que, que me custa a min poñer nas miñas novelas algún personaxe que teña entre as súas características ser lector? Ao mesmo tempo esa cousa tan sinxela axúdame a falar de libros que a min me interesan ou que encaixan con aquilo que estou contando, introducindo os libros con naturalidade no propio relato.

P.- Hai unha frase recorrente en moitas das túas entrevistas, para explicar a xénese das túas propias obras, na que falas dos “fíos da vida”, de como os fíos da vida entretecen os relatos que logo ti como autor acabas construíndo. E eu diría que eses fíos da vida son tamén as veces os fíos da morte. Estou a pensar nese ciclo de tres novelas sobre a memoria, que ademais teñen particular actualidade se temos en conta que os tempos que veñen van ser posiblemente tempos de novo de agochar ou mesmo borrar a memoria.

R.- Tamén aquí hai algo consciente cando afronto libros como Corredores de sombras ou como Noite de voraces sombras. En Cds a protagonista di expresamente que o que a move a escribir é ese esforzo marabilloso de persoas que están a abrir fosas, desenterrando cadáveres, iso é o que a leva a tratar de desenterrar o cadáver soterrado na fosa que abrirá mediante o seu relato. E Ndvs nace do meu pasmo cando eu descubro, xa moi maior, que a illa de San Simón foi un campo de concentración.

P.- Non viras, ao escribir Ndvs, o documental Illados de Antón Caeiro?

R.- Precisamente o guión publicado por Ir indo dese documental é o que me descubre o que acontecera na illa de San Simón. O documental só o vin despois. Tras ese impacto veu o de saber que en moitos outros lugares de Galicia houberan campos de concentración e iso únese ás políticas de borrado da memoria. Nos anos en que eu escribo Ndvs Fraga acababa de dicir “basta ya de abrir fosas”. É a perplexidade dun cidadán que descobre esas cousas, xa maior. E que di, cando eu teño este descoñecemento tan grande, froito da miña xeración, como será de pavoroso o descoñecemento das xeracións novas. Non teñen idea de nada. De aí parte tamén a necesidade de escribir esas novelas.

P.- Para concluír, gustaríame que fixeras unha reflexión sobre as carencias do chamado sistema literario galego. Tense falado moito da ausencia de procedementos de visibilización, que deberían estar acompañados dunha crítica rigorosa, con presenza na prensa, na televisión… Que opinas disto?

R.- Está claro que o noso sistema literario, por recorrer á expresión ao uso, non ten unha situación normal. Iso Antón Figueroa xa o contou con detalle. Cales son as carencias? Non se pode trasladar de xeito mimético a situación sociolingüística á situación literaria pero é evidente que hai unha certa correlación. Os problemas inherentes á situación social da lingua trasládanse, queiramos ou non, ao sistema literario, non en particular ao acto de creación. A min gústame dicir que cando escribo o centro do mundo está aquí, enriba desta mesa e polo tanto dá o mesmo que escriba en inglés, en galego ou en tagalo. Pero, unha vez acabado o acto de creación, comeza a socioloxía literaria. Ese libro ten que ir a unha industria cultural e precisa dunhas canles institucionais que lle permitan chegar aos lectores, e os lectores teñen que saber da súa existencia para chegar a lelo. E é en todo ese proceso onde se notan as carencias: a industria cultural, malia o moito que se ten avanzado nestes últimos vinte anos, non ten aínda o tamaño e a consolidación que lle fai falta. Existen problemas na distribución, tanto en relación co libro actual como co emerxente libro electrónico. Existen tamén problemas gravísimos no punto de venta, co libro galego, como a aldea de Asterix, confinado nun océano de ocupación romano. E existen problemas no último destinatario que é o lector, porque moitos deles poden non ter a competencia necesaria para unha lectura fluída. Unha lectura, como di Antón Figueroa, chea de ruídos derivados desa non práctica de lectura literaria en galega. Así que vemos que entre o escritor e o seu destinatario existen unha serie de problemas que non teñen directamente que ver co lugar no que habitas. Porque eu podería estar agora mesmo escribindo en inglés no último curruncho das illas Samoa,  e ter un axente literario en Londres, e sería como se estivese no centro do mundo. Na actualidade dá lugar onde escribas porque, coa rede, todos somos centro, en teoría.

P.- En teoría, porque ao final a rede tamén reproduce novos espazos de minorías e maiorías, novos centros e novas periferias.

R.- E iso que, no caso do galego, na rede ten unha presenza vital moi importante porque polo momento non está sometido ás cortapisas ás que si está sometido na sociedade chamemos real, por oposición á virtual da rede. Na rede vemos que hai un sector importante que se manifesta en galego cunha vitalidade abraiante. Unha vitalidade que rompe cos esquemas de conflito lingüístico que se impoñen na sociedade.

MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE